Os socialistas sitúan ao alcalde de Taboadela como candidato a presidir a Deputación de Ourense

Álvaro Vila é vicesecretario provincial do PSOE e rexedor desde 2019 e tamén será portavoz do PSOE na Deputación.

Por E.P. | OURENSE | 13/07/2023 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

A Executiva provincial do PSOE de Ourense nomeou ao alcalde de Taboeadela, Álvaro Vila, como novo portavoz do Grupo Socialista na Deputación de Ourense e candidato do PSOE á presidencia desta institución.

Nun comunicado, o secretario xeral do PSOE provincial de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, explicou que a reunión da executiva celebrada na noite do mércores adoptou esta decisión "por unanimidade", o que tamén "referendou a decisión dos seus compañeiros e compañeiras do novo Grupo Socialista na deputación, que adoptaron esta semana a mesma decisión".

"É unha decisión de acordo pleno e dun novo rumbo no Partido Socialista na institución que seguirá apostando polo plan único, pola repartición equitativa e pola xustiza social que a provincia merece", destaca o secretario.

Vila naceu en Taboadela no ano 1965, onde é rexedor desde 2019, tras lograr o apoio maioritario dos veciños e da corporación local fronte ao que, naquel momento, era o alcalde máis lonxevo da comunidade autónoma, Manuel Galego, que gobernaba este municipio da área metropolitana da terceira cidade de Galicia ininterrompidamente desde 1972.

Nas pasadas eleccións municipais de maio de 2023, Vila, que tamén é vicesecratario xeral provincial, revalidou o posto de primeiro edil en Taboadela cunha ampla maioría absoluta.

Os novos deputados e deputadas provinciais que tomarán posesión na sesión constitutiva do luns, día 17 de xullo, ás 12,00 horas, son Álvaro Vila Araújo (Taboadela, 1965); Susana Rodríguez Estévez (Ourense, 1968), edila de Amoeiro; Elvira Lama Fernández (Xinzo de Limia, 1963), concelleira en Xinzo; José Ignacio Gómez Pérez (Ribadavia, 1972), edil en Ribadavia; Aurentino Alonso Araújo (Cartelle, 1963), concelleiro no Barco de Valdeorras; o edil carballinés, Diego Fernández Nogueira (Santiago de Compostela, 1987) e Marina Vaz Quintanillán (Ourense, 1985), concelleira no municipio de Riós.

O alcalde de Taboadela, Álvaro Vila, será o portavoz e candidato socialista á presidencia da Deputación de Ourense. PSOE PROVINCIAL OURENSE
O alcalde de Taboadela, Álvaro Vila, será o portavoz e candidato socialista á presidencia da Deputación de Ourense. PSOE PROVINCIAL OURENSE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta