Wikimaratón sobre a Galipedia na Coruña

A Galipedia conta na actualidade cuns 120.000 artigos e ten 57.000 usuarios rexistrados, pero só 300 desenvolven a súa actividade de xeito habitual.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 13/04/2015 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

A Galipedia contará coa súa wikimaratón. A Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) prepara unhas xornadas para coñecer a fondo a gran enciclopedia galega en rede con múltiples actividades como a introdución ao manexo de bots.

Facultade de Informática da Universidade da Coruña
Facultade de Informática da Universidade da Coruña | Fonte: Galipedia

Será os próximos días 16 e 17 coas xornadas "Coñece a Galipedia na UDC", para a que traballan intensamente numerosos profesionais desde hai varias semanas. Co apoio da Facultade, o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), a propia enciclopedia e o Servizo de Normalización Lingüística da universidade organizáronse xa dúas tardes repletas de actividades para todos os interesados.

“O obxectivo é achegar a enciclopedia libre en galego a todos os interesados”, apunta unha das súas impulsoras, a vicedecana de Organización Académica, Susana Ladra. "Será unha mestura entre unha xornada de portas abertas e un wikimaratón da Galipedia", engade.

As actividades empezan cunha introdución e un relatorio sobre o traballo de edición, xa que a versión galega da Wikipedia permite a calquera engadir e corrixir artigos que logo son de dominio público. A edición dos artigos propostos ou doutros de interese para os asistentes centrará a segunda parte da tarde do xoves, con especial protagonismo para Elisardo Juncal como conferenciante.

Xa o venres farase entrega dos premios dos traballos de Wikinformática, un concurso que estivo enfocado á visibilización do papel da muller nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) entre os estudantes de secundaria. Roi Ardao López, coñecido como "Banjo", fará unha interesante introdución ao uso de bots na Galipedia, unha das actividades máis avanzadas destas xornadas, que terán aquí ao seu público máis especializado. Nestas xornadas, a cultura e a lingua ocuparán un lugar especial. 

A Galipedia conta na actualidade cuns 120.000 artigos fronte aos máis dun millón do castelán. En Galicia hai 57.000 usuarios rexistrados, pero só trescentos desenvolven a súa actividade de maneira habitual, polo que se busca que estas cifras aumenten e que sexan máis os que acheguen á comunidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta