Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/07/2023 | Actualizada ás 13:53
A Xunta abrirá este mércores, ata o 15 de novembro, o prazo para que colectivos vulnerables galegos poidan solicitar axudas para contratar Internet de alta velocidade. Así o publicou o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes esta segunda convocatoria que se enmarca no programa estatal 'Único-Bono Social'. Así, o orzamento é de 1,34 millóns de euros e ten previsto alcanzar ao redor dos 5.600 beneficiarios.
Segundo explicou o Executivo galego, o obxectivo é facilitar ás persoas ou familias vulnerables contratar ou mellorar a conexión de banda ancha fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps, cun desconto mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida, durante un prazo de ata 12 meses cun máximo de 240 euros.
As axudas están dirixidas a fogares que non conten con conexión fixa de 30 ou máis Mbps a Internet e que sexan beneficiarios das prestacións públicas da renda de inclusión social de Galicia (Risga) da Xunta ou do ingreso mínimo vital (IMV) do Goberno.
Tamén poderán beneficiarse os cidadáns en risco de exclusión social ou cun déficit grave de recursos económicos, sendo estes cando na unidade familiar o nivel de renda sexa igual ou inferior ás 1,25 veces do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) se non existe unidade familiar ou non hai menores nela e de 1,75 veces o Iprem en caso de haber menores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.