O Sergas pide aos sanitarios que traballen nos seu tempo libre para paliar as deficiencias de Urxencias do CHOU

Comesaña di que a falla de profesionais é debida ao periodo estival.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 21/07/2023 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, agradeceu este venres o seu esforzo aos médicos que voluntariamente aceptaron cubrir quendas nas Urxencias de Ourense, tanto do propio centro como de distintos puntos de Galicia. "Facemos todo o que está na nosa man", dixo, preguntado pola situación deste servizo no que a falta de facultativos para cubrir a totalidade de postos requiridos nalgunhas quendas obrigou a pór en marcha un proceso específico.

En declaracións aos medios nun acto en Santiago, o conselleiro apuntou que "nestes momentos" dáse "unha circunstancia moi concreta" no servizo de Urxencias de Ourense, afectado por "reducións de xornada nalgún caso, algunha baixa ou algunha vacante" que, a pesar de ofertarse no último proceso, non foi seleccionada.

"Iso levounos a que, engadindo ademais a programación das vacacións lóxicas e merecidas dos profesionais no mes de xullo e no mes de agosto, pois non eramos capaces de cubrir esas presenzas que temos establecidas que hai que ter nese servizo", recoñeceu Comesaña.

Para palialo, fíxose unha convocatoria para que, inicialmente, os profesionais do propio Hospital de Ourense que acepten "fagan algún desas quendas pendentes", algo que se estendeu tamén a facultativos doutros puntos de Galicia, aínda que sempre de modo "voluntario" e "sen alterar as cadencias" do seu traballo ordinario.

Sobre o tipo de médicos que cobren estas prazas, Comesaña lembrou que en España "non hai aínda unha especialidade" en Urxencias, "por desgraza", polo que se cobre tanto con médicos de familia como con outras especialidades, como medicina interna. "Precisamente estas especialidades, que ás veces tamén están en Urxencias, son as que se contactaron para poder facer ese reforzo", destacou.

García Comesaña confiou en que esta problemática "se arranxe nunha parte importante" unha vez pase o período estival, aínda que, en todo caso, dixo que a Xunta "vai seguir traballando coas ferramentas" das que dispón para "reordenar" efectivos e garantir o servizo.

Os profesionais de Urxencias piden ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que 'apoie' a creación da súa especialidade
Os profesionais de Urxencias piden ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que 'apoie' a creación da súa especialidade | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta