Pontón promete negociar para facer valer "a axenda galega" asegurando que non dará "un cheque en branco" a Sánchez

Comprométese a evitar un goberno de dereitas e unha repetición electoral e admite que os resultados obtidos nestes comicios non cumpriron coas expectativas do BNG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2023 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, recoñeceu este luns que os resultados obtidos pola formación nacionalista nestas eleccións xerais non foron os esperados e que non cumpriron as expectativas, aínda que prometeu que negociarán para que "a axenda galega se faga valer".

En rolda de prensa este luns na sede do BNG en Santiago, Pontón asegurou que queren evitar "un goberno da dereita" e tamén unha repetición electoral, polo que irán á negociación para unha posible investidura de Pedro Sánchez como presidente "coa mellor das vontades".

Con todo, xa avanzou que o Bloque non entregará "un cheque en branco a ninguén", xa que considera que os máis de 152.000 cidadáns que este domingo apostaron por eles votaron para que defendan "con firmeza" en Madrid "os intereses dos galegos".

Na súa intervención, acompañada do deputado electo Néstor Rego e das candidatas por Pontevedra, Carme da Silva, e por Ourense, Noa Presas, ademais doutros membros da executiva, Pontón agradeceu a todos os votantes que colleron a papeleta do BNG "con toda a ilusión". "Todos e cada un deses votos está representado en Madrid", comprometeu.

Nesta liña, asegurou que o escano obtido servirá para ter "unha voz forte" que defenda "a axenda galega". "O escano do BNG vai servir para que Galicia avance e para ter unha voz que faga valer os intereses do noso país", insistiu.

A pesar de que os resultados, tal e como recoñeceu, non foron os esperados, Pontón reivindicou que o BNG é "inconformista", polo que explicou que analizarán "como mellorar" ese resultado e "como chegar a máis galegos".

"CAMPAÑA DESIGUAL"

Así mesmo, lamentou que a campaña fose "desigual" e "moi centralista", posto que a líder nacionalista argumentou que estivo centrada "nas forzas de carácter estatal" e sen que os temas galegos "tivesen o peso, a consideración e a importancia" que querían que tivesen.

A pesar disto, insistiu en que o BNG é unha forza política "que segue subindo" con "30.000 votos máis nun contexto marcado polo bipartidismo".

"Á marxe do PP, o BNG é a única forza política que sobe. Faino en número de votos e en porcentaxe que representan eses votos", reiterou.

Para Pontón, o escano de Néstor Rego vai ser "decisivo" na política estatal e aproveitou tamén para "compartir a alegría de miles de persoas" ao ver como "o bloque da dereita que encabeza Feijóo perdeu" e o voto do BNG "vai ser clave".

AUTONÓMICAS

Sobre unha hipotética extrapolación dos resultados das xerais a unhas autonómicas, foi clara: "Calquera persoa sabe que non se poden extrapolar uns resultados dunhas eleccións a outras".

Así, expuxo que nos anteriores comicios o BNG tamén sacara un escano e nas eleccións galegas "triplicaron" o resultado e foron segunda forza política.

Ademais, a preguntas dos medios sobre se ve posible un adianto electoral en Galicia, Pontón sinalou que están "preparados para calquera adianto electoral", pero apuntou que esa é unha pregunta que "hai que facerlle ao presidente". Con todo, recoñeceu que "o vai a facer cando considere que é mellor para o PP, non cando considere que é mellor para Galicia".

SENADOR AUTONÓMICO

Ademais, cuestionada sobre se xa pensaron quen será o senador por designación autonómica que corresponde aos nacionalistas, Pontón limitouse a responder que o decidirán antes do mércores.

En todo caso, reivindicou que isto significa que o BNG "non vai ter só un deputado", polo que se "vai a reforzar a voz do BNG en Madrid". "En política, tanto tes tanto vales", aseverou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa tras as eleccións do 23 de xullo
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa tras as eleccións do 23 de xullo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta