Galicia entrega as súas Medallas de Ouro a Luz Casal, Juan Pardo e Carlos Núñez, "intérpretes dun pobo inmenso"

Rueda referiuse a eles como "herdeiros daqueles trobadores" medievais que levaron a cultura galega ao ámbito nacional e internacional.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2023 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, entregou este luns a Medalla de Ouro de Galicia, a máxima distinción galega, a tres "intérpretes dun pobo inmenso", Luz Casal, Juan Pardo e Carlos Núñez, "herdeiros daqueles trobadores" medievais que levaron a cultura de Galicia ao ámbito nacional e internacional.

O acto, na Cidade da Cultura de Galicia, contou coa presenza de numerosas autoridades, como o presidente e o vicepresidente primeiro da Xunta, o delegado do Goberno, a alcaldesa de Santiago, o presidente do Parlamento ou o arcebispo de Santiago, entre outros.

Foron, en palabras de Alfonso Rueda, un recoñecemento "á inmensa cultura e ao inmenso talento que hai en Galicia", reflectido nos tres premiados, "intérpretes dun pobo inmenso" que "representan á Galicia fiel a si mesma" que "non renuncia a outros públicos" nin a entrar en contacto con outras culturas.

"Grazas a eles, a Galicia que celebramos mañá, 25 de xullo, é cada vez mais grande", engadiu Rueda, "soa ben" e "está afinada" cos retos de futuro.

Aínda que "se adoita dicir que ninguén é profeta na súa terra", apuntou o presidente galego, a Galicia "que xurdiu do autogoberno" foi capaz de "recoñecer aos 'bos e xenerosos'" con distincións como esta e de estar en contacto coas "innovacións e as correntes que fan virar a cultura universal".

Galicia, engadiu, ocupa "un lugar privilexiado" dentro da cultura universal, xa que "sería difícil atopar un pobo destas dimensións" que teña unha relevancia "similar".

PREMIADOS

O acto arrincou co Himno do Antigo Reino de Galicia, interpretado pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, e contou coas actuacións do cantautor ferrolán Andrés Suárez. O vicepresidente primeiro da Xunta e chanceler da medalla, Diego Calvo, arrincou as intervencións coa lectura da acta de concesión aprobada polo Consello da Xunta.

O primeiro en recibir a Medalla de Galicia de mans do presidente da Xunta foi Juan Pardo, "músico interxeracional" cuxa contribución á difusión da cultura galega, díxose na súa presentación, foi "innegable". Del, Rueda destacou que as súas composicións, que conmoveron ao propio Picasso, son "fitos" da cultura galega e viu o espírito de Galicia en letras como a de 'Xuntos'.

Ante os presentes, Juan Pardo, que leva anos afastado dos escenarios e da vida pública, agradeceu a "honra" de recibir esta mención. "Máis de media vida adicado á música e, en todos os meus traballos, a palabra Galicia estivo sempre na miña boca", dixo Pardo, compracido de que, agora, "Galicia tamén teña na súa boca o meu nome".

Posteriormente, Alfonso Rueda impuxo a Medalla de Galicia a Carlos Núñez, "un dos grandes embaixadores da música celta galega", do que o presidente aplaudiu a súa capacidade de "mesturar estilos". Na súa intervención, Núñez prometeu "seguir tentando levar a alma de Galicia" a todo o mundo e, a continuación, interpretou unha peza coa súa gaita.

Finalmente, unha das cantantes galegas máis recoñecidas, Luz Casal, recibiu tamén a Medalla de Galicia, unha distinción "especial, porque lla damos os seus a unha das nosas", dixo Rueda.

No seu discurso, Casal dixo recibir esta medalla agradecida por "estar á beira de dous compañeiros aos que admiro e cos que tiven unha relación musical". Ademais, tivo palabras de recordo para as súas orixes familiares na emigración e, visiblemente emocionada, quixo adicar a súa medalla á súa familia e ao seu municipio natal, Boimorto.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado dos membros do Executivo autonómico, presidiu o acto de imposición das Medallas de Galicia 2023 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado dos membros do Executivo autonómico, presidiu o acto de imposición das Medallas de Galicia 2023 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura | Fonte: David Cabezón

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta