A executiva do PSdeG reúnese esta fin de semana para fixar a data das primarias onde elixirán o candidato á Xunta

Está por ver se finalmente o deputado autonómico e anterior secretario xeral, Gonzalo Caballero, decide tamén competir para volver a ser o candidato socialista á Presidencia da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2023 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

O PSdeG reúne este sábado, día 29 de xullo, á súa executiva para fixar a data das eleccións primarias nas que os militantes do partido poderán escoller ao candidato a presidir a Xunta de Galicia de face ás eleccións autonómicas.

Diso informou a formación socialista nun comunicado, no que lembra que o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, xa adiantou no último comité nacional galego, celebrado o pasado 11 de xuño, que as primarias socialistas terían lugar unha vez que finalizase o proceso electoral das xerais. O obxectivo, sinala, era que o partido estivese preparado e coas estruturas a punto para afrontar, se fose o caso, unha convocatoria anticipada destes comicios.

Deste xeito, o órgano executivo dos socialistas galegos, que se reunirá en Santiago de Compostela, establecerá as datas das eleccións primarias e o resto de procedementos establecidos na normativa interna do partido para afrontar este proceso.

De cara a este proceso interno, voces socialistas apuntan a que o que fose secretario xeral do PSdeG entre o 2013 e 2016, José Ramón Gómez Besteiro, podería dar a batalla por ser candidato á Xunta. Ademais, está por ver se finalmente o deputado autonómico e anterior secretario xeral, Gonzalo Caballero, decide tamén competir para volver ser o candidato socialista á Presidencia da Xunta.

ANÁLISE DOS RESULTADOS

No encontro deste sábado, os socialistas aproveitarán para analizar en profundidade os resultados alcanzados nas eleccións xerais do pasado domingo, nas que o PSdeG destaca que aumentou en 14.000 votos --a pesar de perder tres deputados-- e que as forzas de esquerdas obtiveron máis apoio que as de dereitas, pero conseguindo menor representación polo funcionamento do sistema electoral.

O propio domingo, Formoso xa fixo unha lectura positiva por superar o 30% de voto en Galicia, a pesar de haber dous candidatos á presidencia do goberno galego, así como que se manteña a posibilidade de que Pedro Sánchez continúe sendo presidente.

O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en declaracións aos medios. PSDEG
O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en declaracións aos medios. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Non será por eleccións... para que logo cambien aos candidatos no último minuto dende Ferraz e todos calen e achanten... Se non que llo digan a Villarino en Ourense ! Mira que o do Garañón xa estaba ben en Madrid, e queren volver a metelo en Galicia... ¿Por que non escollen a Carmela Silva que sempre está disposta a acumular cargos?