Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/08/2023 | Actualizada ás 14:12
Os delitos contra a liberdade sexual foron os que máis creceron en Galicia no primeiro trimestre de 2023, un 29,7%, seguidos dos delitos relacionados co tráfico de drogas, que experimentaron unha alza do 27,7%. Así o reflicte o balance de criminalidade do primeiro trimestre do ano, publicado polo Ministerio do Interior, e no que se destaca que, en termos globais, a criminalidade convencional mantívose estable en Galicia con respecto ao ano anterior.
En concreto, neste período rexistráronse 17.506 delitos convencionais, case a mesma cantidade que os 17.492 do mesmo período do ano pasado. Entre eles, os que experimentaron un incremento máis importante foron os relacionados coa liberdade sexual, que creceron un 29,7%, de 148 a 192. En canto a subtipos, as violacións con penetración aumentaron un 10,3%, ata as 43; e o resto de delitos un 36,7%, ata 149.
Do mesmo xeito, creceron un 27,7% os delitos de tráfico de drogas, que alcanzaron os 120, e producíronse dous secuestros -ningún o ano anterior- e tres asasinatos, a mesma cifra que en 2022. Os roubos con violencia e intimidación aumentaron un 18,3% e os roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións creceron un 16,3%, pouco menos que os hurtos --+16,8%--. As subtraccións de vehículos subiron un 4,7%.
En canto aos delitos que descenden, os máis significativos son os homicidios dolosos e asasinatos en grao de tentativa, que baixan un 23,5%, os delitos graves e menos graves de lesións e rifa tumultuaria, que caen un 4,9%; e o resto de criminalidade convencional, que cae un 8,5%.
Pola súa banda, a cibercriminalidade en Galicia experimenta un importante descenso do 29,5%, ao pasar de 6.935 delitos entre xaneiro e marzo de 2022 a 4.887 delitos. As ciberestafas son as que máis diminúen.
POR PROVINCIAS
Por provincias, na da Coruña, os delitos contra a liberdade sexual crecen un 42,1% con respecto ao mesmo período do ano anterior, mentres que os roubos con violencia e intimidación crecen un 25,2% e os roubos en domicilios, establecementos e outras instalacións soben un 26,8%.
Na provincia de Pontevedra, os delitos que máis crecen porcentualmente son as agresións sexuais con penetración, un 38,5%, aínda que numericamente son os hurtos os que encabezan a listaxe, elevándose un 19,6%, ata os 1.671. Os delitos contra a liberdade sexual de forma xenérica experimentan un crecemento do 15,8% nesta provincia e os de tráfico de drogas dun 23,4%.
Os delitos máis frecuentes na provincia de Lugo son os hurtos, que crecen un 66,3%, ata os 499. Dentro dos delitos contra o patrimonio, esta provincia rexistra un crecemento do 118% os roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións, e do 38,5% nos roubos con violencia e intimidación. Os roubos de vehículos triplícanse.
Finalmente, en Ourense, os delitos que máis crecen porcentualmente son os de tráfico de drogas, un 175%, aínda que numericamente só supoñen 11. Os delitos contra a liberdade sexual neste caso increméntanse un 35%, ata os 27; os delitos graves e menos graves de lesións e rifa tumultuaria álzanse un 34,8%, ata os 31; e os roubos con forza en domicilios crecen un 23%, ata os 75.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.