O primeiro grande fracaso de Núñez Feijóo

Como xa teño afirmado nesta páxina, os resultados das urnas do pasado día 23 podían xerar dous grandes escenarios parlamentares: unha maioría absoluta de escanos de PP e Vox ou unha eventual suma aritmética daquelas formacións políticas que non querían conformar -por diversas razóns- acordos de gobernabilidade coa dereita e a extrema dereita.

Por Xesús Veiga | Compostela | 04/08/2023

Comparte esta noticia
A maioría dos prognósticos demoscópicos apostaban por un executivo dirixido por Núñez Feijoo, en coalición ou cun acordo programático de lexislatura co partido de Santiago Abascal. A evidencia do fracaso de semellantes sondaxes é indiscutíbel e debería merecer unha explicación demorada dos directivos das empresas responsábeis. Foron moitas semanas de publicacións reiteradas de inqueritos pretendidamente solventes que, en realidade, pretendían primordialmente conformar un estado de opinión de cara á cita coas urnas. Se estiveramos falando do universo da política, xa habería diversas peticións de dimisión enriba da mesa.
 
O PP non foi quen de acadar o tipo de vitoria que desexaba e que viña anunciando dende hai tempo o poderoso conglomerado da dereita mediática, decretando por anticipado a desaparición do maligno "sanchismo" e o enterro político do actual presidente do goberno do Estado. As cifras proporcionadas polas urnas certificaron que o PP ficou moi lonxe das expectativas xeradas previamente e que o PSOE medrou en votos e escanos a respecto dos obtidos en Novembro de 2019. Ao mesmo tempo, Vox experimentou unha notábel baixa no número de deputados, inviabilizando calquera opción de conseguir superar a barreira dos 176 requiridos para asegurar a hexemonía do conxunto da dereita política.
 
Dende a mesma noite electoral, Alberto Núñez Feijoo anunciou a pretensión de ser investido como presidente de goberno a pesar de carecer do volume de apoios necesarios no Congreso. E para xustificar semellante obxectivo estableceu, mais unha vez, a deliberada identificación entre ser a forza mais votada e ter a lexitimidade para gobernar. A chegada á Moncloa e, por tanto, a oficialización da vitoria na confrontación electoral require ter unha maioría de apoios na Cámara lexislativa. Feijoo sabe perfectamente cal é a natureza do sistema político español (non presidencialista senón parlamentario) e ten protagonizado recentes comportamentos políticos en Extremadura e Canarias (e noutras corporacións locais) promovendo pactos para evitar que gobernara a lista mais votada.
 
A eventual investidura fallida de Feijoo daría paso a que Pedro Sánchez intentara unha reedición de anteriores pactos parlamentares para facer posíbel a súa reelección como presidente. Se tal proceso fracasara, iríase a unha repetición electoral nos últimos meses deste ano. Velaquí a principal incertidume que vai presidir a dinámica política das vindeiras semanas.
 
Uns breves apontamentos sobre os resultados nas circunscricións galegas. Sendo certo que os escanos acadados polo PP melloran significativamente a cifra de 2019 (13 agora fronte aos 10 de hai catro anos), o volume de votos obtidos polo partido de Feijoo é inferior á suma dos conseguidos por PSdG, Sumar e BNG. Como é sabido, a existencia desta diferenza deriva do procedemento de conversión de votos en deputados: as características do sistema electoral outorgan unha prima á forza maioritaria (sobre todo nas circunscricións onde se elixen un menor número de escanos) que explica semellante paradoxo. En Novembro de 2019, as tres forzas da esquerda e do nacionalismo obtiveron 13 escanos fronte aos 10 de PP. Agora, invertéronse as cifras.
 
O resultado do BNG ficou por debaixo das expectativas que se tiñan criado. Tal desaxuste foi debido, nunha grande medida, ás singulares circunstancias de polarización política que concorrían nesta cita electoral e que colocaban á organización nacionalista nunha situación de máxima dificultade para traducir nas urnas as simpatías que posuía no corpo electoral. Convén ter presente, ademais, os precedentes históricos rexistrados dende 1977: carencia de representación até 1996; obtención de 2 escanos nas convocatorias anteriores ao ano 2015 (coa excepción dos 3 acadados no 2000); perda da presenza no 2015 e posterior recuperación dun deputado no 2019. Esta traxectoria revela as eivas estruturais que ten o nacionalismo galego (por motivos que esixirían unha análise que sobarda o alcance deste comentario  postelectoral) para ter unha presenza mais forte nas Cortes do Estado.
 
En calquera caso, o parlamentario que conserva no Congreso pode adquirir un valor relevante na inevitábel negociación que se desenvolverá de cara a unha hipotética elección de Pedro Sánchez como presidente do goberno estatal.
 
 
 

O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, nun acto na campaña electoral
O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, nun acto na campaña electoral | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.