Vandalismo nas praias de Valdoviño tras cortar a subministración de auga pola seca

O Concello que preside o socialista Alberto González fai un "chamamento á cidadanía para que colabore no coidado destes equipamentos e axude na identificación dos autores dos danos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2023 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

O Concello de Valdoviño puxo en marcha este pasado fin de semana medidas de aforro de auga ante a situación de seca prolongada, entre elas a interrupción da subministración de auga en fontes e en duchas das praias.

E foi precisamente en varias delas situadas nos areais onde se detectaron accións vandálicas. En concreto, foron manipuladas as chaves de paso das instalacións de Vilarrube, na Frouxeira, e en Outeiro, en Lago. A maiores, tamén hai que sumar, segundo denunciou o Concello a través dun comunicado, danos nas columnas de duchas da praia de Mourillá, coas consecuentes fugas de líquido.

É por iso que o Concello que preside o socialista Alberto González fai un "chamamento á cidadanía para que colabore no coidado destes equipamentos e axude na identificación dos autores dos danos".

Ademais, pide "respecto para unhas decisións municipais que só tratan de concienciar sobre a necesidade de facer un consumo responsable de auga" e que busca "atallar o importante gasto que se produce nos areais locais, especialmente nos máis concorridos, ante un posible episodio futuro de escaseza".

Por último, lembra que as restricións preventivas atenden ás recomendacións ditadas pola Xunta e adiantan que, no caso de que as accións vandálicas continúen, veranse obrigados a "pechar tamén as casetas dos servizos".

Duchas da praia de Mourillá, en Valdoviño (A Coruña).. CONCELLO DE VALDOVIÑO
Duchas da praia de Mourillá, en Valdoviño (A Coruña).. CONCELLO DE VALDOVIÑO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta