Investigadores da USC crean unha nova metodoloxía "revolucionaria" para diagnosticar inflamación articular

Este novo método é froito da colaboración entre USC e organismos doutros países para a detección sen resonancia magnética.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2023 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

Persoal investigador da USC, IDIS e Hospital Clínico de Santiago, en colaboración co de institucións de Dinamarca e Suíza, desenvolveu unha "metodoloxía revolucionaria" para o diagnóstico e a medición da inflamación articular, a través de imaxes volumétricas sen contraste.

Tal e como apuntou a USC, os métodos actuais de seguimento da inflamación nunha única articulación dependen de índices derivados do exame clínico, como a detección do engrosamento sinovial, isto é, o aumento do líquido que cobre as articulacións.

Así, para detectalo e proceder á confirmación clínica de inflamación ou artrite na articulación temporomandibular (ATM, a que une a mandíbula co cranio) fai falta unha imaxe. A Resonancia Magnética (RM) con contraste é na actualidade a modalidade máis empregada para a diagnose da afectación desta articulación, e tamén a que achega máis información, pero a significación dos datos que proporciona e a súa interpretación son aínda motivo de debate.

Agora, a colaboración entre persoal investigador da USC, o IDIS, o CHUS e institucións de Dinamarca e Suíza, permitiu idear un novo método co que calcular volume articular e ofrecer unha medida cuantitativa indirecta do tecido inflamado na ATM.

No estudo, que acaba de ser publicado na revista Orthodontics and Craniofacial Research, parte da accesibilidade e o fácil manexo dunha proba radiográfica como a tomografía computerizada de faz cónico (CBCT polas súas siglas en inglés), unha técnica de uso habitual nas clínicas dentais, para aproveitala no exame clínico destas pequenas articulacións con artrites.

Segundo os autores, isto permite confirmar a presenza de líquido inflamatorio nesa articulación tan pequena por un aumento do volume. A través deste novo método, que calcula o volume articular a través de demarcacións de áreas, o persoal investigador detectou unha alta diferenza entre enfermas con AIX e as persoas sas que conformaron o grupo de control. O volume resultante na ATM de enfermas con artrites foi o dobre que na articulación de individuos sans.

Unha investigadora nun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite. USC
Unha investigadora nun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite. USC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta