Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2023 | Actualizada ás 18:43
A Xunta de Galicia promoverá este fin de semana diferentes actividades informativas relacionadas coa separación e reciclaxe de residuos e outras prácticas sustentables no marco do 'Festival da Luz', un evento musical e social de carácter solidario e implicado co respecto á contorna que promove desde fai máis dunha década a artista Luz Casal no seu municipio natal, Boimorto.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Angeles Vázquez, achegouse este mediodía ao posto informativo instalado un ano máis polo seu departamento dentro do recinto, onde tivo ocasión de participar na actividade lúdica e divulgativa Aventura Plástica, dirixida ao público infantil.
De feito, tanto este sábado como o domingo están previstas varias accións informativas relacionadas cos residuos, a repartición de merchandising entre as persoas que se acheguen a informarse e a celebración de xogos e talleres dirixidos tanto a nenos como a adultos para aprender a reciclar ou compostar co obxectivo de espertar a conciencia ambiental dos participantes. Ademais, na caseta hai dispoñibles tres bicicletas con sistema dinamo para que as persoas que o desexen poidan achegarse e recargar os seus teléfonos móbiles pedaleando.
Entre as novidades a destacar da colaboración da Vicepresidencia Segunda co Festival da Luz deste ano, a Xunta destacou a habilitación dunha zona de aparcadoiro exclusiva para vehículos eléctricos con 12 puntos de recarga dispoñibles, así como a instalación por todo o recinto de 40 colectores 100% reciclables, cos que se busca reducir a pegada ecolóxica deste tipo de instalacións e facilitar a separación dos diferentes tipos de residuos que se xeran neste tipo de festivais. Ademais, a área infantil reservada pola organización para concentrar as actividades dirixidas a nenos e nenas fornécese única e exclusivamente con enerxía solar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.