Ofensiva en Galicia contra o ex líder do PPdeG, Rafael Louzán, polo seu apoio a Rubiales

BNG, PSdeG e Podemos Galicia piden a súa dimisión. A Marcha Mundial das Mulleres inicia unha petición para reclamar a súa saída da Presidencia da Federación Galega de Fútbol.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/08/2023 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

Ofensiva en Galicia contra o pesidente da Federación Galega de Fútbol e ex presidente da Deputación de Pontevedra co PPdeG, Rafael Louzán, por ter apoiado a Luis Rubiales na súa polémica coa xogadora da Selección Española, Jenni Hermoso. 

Luis Rubiales e Rafael Louzán
Luis Rubiales e Rafael Louzán | Fonte: RFEB

"Son erros que se cometen pero xa pedIu desculpas", dixo Louzán hai uns días apoiando, deste xeito, a postura de Rubiales que se negou a dimitir no polémico pleno extraordinario da Federación Española de Fútbol que el convocou o pasado venres. 

Pontón criticou as declaracións do Presidente Louzán e esixiu a súa dimisión xa que comportamentos como os do ex dirixente do PPdeG non se poden manter no deporte nin na sociedade. "Tan grave é o machismo de Rubiales como quen o xustifica. Fóra o machismo das federacións de fútbol", dixo nunha rolda de prensa este luns.

Para Pontón, as declaracións que fixo no seu momento Louzán "son totalmente inaceptables", polo que "non pode seguir nin un minuto máis no seu cargo". "Se non dimite, nós imos esixir no Parlamento a súa dimisión, porque se o machismo é repugnante, tamén é repugnante o que o blanquea, e o que o apoia, como foi neste caso o presidente da Federación Galega de Fútbol".

Na mesma liña, a deputada socialista Leticia Gallego instou a Louzán a aclarar se "vai seguir apoiando ao señor Rubiales" e, nese caso, pediulle "que se vaia" e "dimita" das súas responsabilidades na federación. Lembrou que a Real Federación convocou unha "asemblea urxente" coas territoriais, entre elas a galega, e preguntou se Rafael Louzán "vai seguir estando coa postura do señor Rubiales" e "vai seguir defendendo eses comportamentos machistas e abusivos".

"Se vai seguir apoiando ao señor Rubiales, desde aquí dígolle que se vaia, que dimita", dixo a deputada socialista, que instou a non "tolerar estas actitudes" e pediu "tolerancia cero co machismo". No mesmo sentido se manifestou a responsable de Deportes das Xuventudes Socialistas, Jimena Sierra, que considerou que o presidente da federación galega "non pode continuar un minuto máis" no cargo "por dignidade institucional e por respecto ás mulleres".

Tamén o líder de Podemos Galicia, Borja San Ramón, reclamou este domingo á Xunta "limpar o deporte de machismo e corrupción, empezando polo presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán". Nun comunicado deste domingo, San Ramón asegurou que Louzán "non pode saír impune despois da súa defensa pública dun acto de agresión machista", en referencia ao bico que o presidente da RFEF, Luis Rubiales, coa xogadora Jenni Hermoso tras gañar o mundial de fútbol feminino.

PETICIÓN NA REDE

Por outra banda, o colectivo feminista Marcha Mundial das Mulleres xa reuniu centenares de respaldos nunha petición na que pide a dimisión de Louzán. O texto insiste en que a conduta de Rubiales é unha agresión. Tras varios días sen pronunciarse, Louzán falou durante unha homenaxe á futbolista da selección española Tere Abelleira e a súa resposta foi "restar importancia aos sucedido" e sinalar que Rubiales pedira desculpas. 


Nesta petición critican que tanto Louzán como a Federación Galega de Fútbol que preside "seguen sen situarse en defensa da agredida". "Denunciamos a complicidade co machismo por parte do máximo mandatario do fútbol galego e da institución que representa e esiximos a súa inmediata dimisión. As futbolistas galegas non poden ter como máximo dirixente a quen apoia e apoia comportamentos machistas, mafiosos e violentos", recolle. 

 

A plataforma lembra que Louzán está condenado a sete anos de inhabilitación para cargo público por prevaricación pola concesión dunhas obras no campo de fútbol de Moraña (Pontevedra) cando el era presidente da Deputación. Os estatutos da Federación, no seu artigo 31, establecen que é un requisito para formar parte dos órganos directivos e de representación non estar inhabilitado para cargo público, pero Louzán mantense na presidencia a espera de que se resolva o recurso que presentou ante o Tribunal Supremo.

 

CONCENTRACIÓNS EN APOIO DE HERMOSO


Por outra banda, a dirección do PSdeG fixo un chamamento aos seus militantes e á sociedade galega a participar nas concentracións convocadas na tarde deste luns en apoio á futbolista Jennifer Fermoso e que demandarán a dimisión de Luís Rubiales como presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF).

O comunicado remitido á militancia este luns está asinado polo secretario de Organización dos socialistas galegos, José Manuel Lage Tuñas, e por Silvia Fraga e Susana Señarías, responsables de Igualdade e Deportes, respectivamente, da dirección do PSdeG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José Manuel Souto Lamas

A sachar patacas. Incapaz, ademáis, de poñer en marcha a selección galega.