Por Europa Press / Redacción | VIGO | 04/09/2023 | Actualizada ás 18:08
O grupo provincial do PSOE na Deputación de Pontevedra saíu ao paso das críticas do actual goberno provincial sobre a xestión económica da institución cando a socialista Carmela Silva estaba á fronte, e defendeu dita xestión, á vez que esixiu ao actual presidente, Luís López, "que pida perdón".
Nunhas declaracións remitidas aos medios, o portavoz do grupo socialista, Carlos López Font, esixiu unha "rectificación inmediata" a Luís López, "que se desculpe e pida perdón", por afirmar que os datos económicos do anterior goberno provicial son "preocupantes" polo gasto excesivo.
Segundo indicou López Font, esas afirmacións carecen de todo rigor e non se corresponden coa realidade. "A xestión económica do anterior goberno (provincial) foi cualificada polo Tribunal de Contas de España e polo Consello de Contas como un modelo de transparencia", subliñou, á vez que retou ao 'popular' Luís López a manter un debate sobre a situación orzamentaria e o grao de execución das contas.
"Agora imos entendendo por que se nomea desde o PP ao señor López como presidente da Deputación, sendo o último candidato da lista municipal dun concello de 2.500 habitantes, e obrigando a dimitir a todos os que lle precedían para que puidese ser presidente da Deputación. Isto é unha manobra moi propia do PP", proclamou López Font, que aseverou que Luís López foi nomeado "para difamar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.