Investigadores da USC estudan en Groenlandia os cambios climáticos que se experimentan na zona

O obxectivo da campaña é caracterizar a variabilidade climática destas rexións árticas durante os últimos milenios a partir do estudo dos sedimentos dos fondos dos lagos. Búscase, ademais, reconstruír as oscilacións dos glaciares durante este período como consecuencia dos cambios climáticos e entender os cambios xeoecolóxicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2023 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) participan nunha nova campaña en Groenlandia do proxecto de investigación Neoarctic (Reconstruction of Neoglacial oscillations and climate variability in Greenland and Iceland) para estudar se os cambios climáticos que se experimentan na zona responden a patróns xa presentes nos rexistros xeolóxicos ou mostran os efectos amplificados da inercia climática global.

Diso informou a USC nun comunicado, no que explica que ata o 9 de setembro o profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e coordinador da Rede de Estacións Biolóxicas da institución, Xosé Lois Otero, permanecerá en Groenlandia para colaborar nos traballos de mostraxe deste proxecto no que asume a dirección do exame xeoquímico dos chans, sedimentos e augas da rexión.

Os resultados da mostraxe serán despois analizados nos laboratorios do Centro Interdisciplinar de Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC, ao que tamén pertence o investigador. Esta nova expedición científica do proxecto Neoartic, liderado polo profesor da Universidade de Barcelona Marc Oliva e con financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade, dá continuidade á desenvolvida entre xullo e agosto de 2022 na illa de Ellsmere (Canadá) e no casquete glaciar de Groenlandia.

O equipo investigador céntrase agora na contorna de Ilulissat, na costa occidental da illa danesa, para tomar mostras de glaciares rochosos, así como de permafrost, augas e chans. Xunto a Xosé Lois Otero e Mar Oliva participan tamén na expedición os investigadores Ignacio López, do Instituto Pirenaico de Ecoloxía do CSIC, e Enrique Serrano, da Universidade de Valladolid.

O obxectivo da campaña é caracterizar a variabilidade climática destas rexións árticas durante os últimos milenios a partir do estudo dos sedimentos dos fondos dos lagos. Búscase, ademais, reconstruír as oscilacións dos glaciares durante este período como consecuencia dos cambios climáticos e entender os cambios xeoecolóxicos.

Investigadores da USC estudan en Groenlandia os cambios climáticos que se experimentan na zona
Investigadores da USC estudan en Groenlandia os cambios climáticos que se experimentan na zona | Fonte: USC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta