Máis dun centenar de ciclistas percorrerán Lugo, Ourense e Pontevedra en 4 etapas da XXI Volta Ciclista a Galicia

Nesta edición a Volta ten como sedes A Pobra do Brollón, en Lugo, onde empeza unha contrarreloxo, A Pobra de Trives, en Ourense, e a cidade de Pontevedra. Entre as localidades que visitará nos percorridos das distintas etapas figuran Bóveda, O Incio, Larouco, Petín, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Poio, Sanxenxo, Ponte Caldelas, Soutomaior e Marín.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2023 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

Máis dun centenar de ciclistas percorrerán a próxima semana, do 14 ao 17 de setembro, as provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra en catro etapas da XXI Volta Ciclista a Galicia, a primeira delas contrarreloxo. A Volta Ciclista a Galicia consta de catro etapas nas que competirán 16 equipos, a metade deles galegos. Trátase de Vigo Rías Baixas, Aluminios Cortizo, Supermercados Froiz, High Level G. Tormo, Lasal Cociñas Louriña, Retelec Ambilamp, Oiense Escola Estévez e Club Ciclista Vigués. A eles súmanse formacións de Madrid, Navarra, Estremadura, Cantabria, Castela e Asturias.

Nesta edición a Volta ten como sedes A Pobra do Brollón, en Lugo, onde empeza unha contrarreloxo, A Pobra de Trives, en Ourense, e a cidade de Pontevedra. Entre as localidades que visitará nos percorridos das distintas etapas figuran Bóveda, O Incio, Larouco, Petín, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Poio, Sanxenxo, Ponte Caldelas, Soutomaior e Marín.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou este mércores na presentación desta competición que conta co apoio da Xunta. Na súa intervención, da que informou a Xunta nun comunicado, Diego Calvo destacou o bo momento do ciclismo galego, con varias probas propias ao longo do ano que se suman a esta Volta, como o Gran Fondo Ézaro ou O Gran Camiño.

Nesta liña, incidiu no labor desenvolvido pola Federación Galega de Ciclismo para a organización dunha nova edición desta competición das categorías elite e sub-23 consolidada no calendario nacional. Para o vicepresidente primeiro, o esforzo de deportistas, clubs e federación merece o máximo reforzo social e institucional. Neste ámbito, o Goberno galego ademais de impulsar o desenvolvemento dos distintos eventos deportivos, apoia esta modalidade deportiva a través de distintas liñas, de forma que o investimento dos últimos anos supera os 4,2 millóns de euros.

Diego Calvo tivo tamén palabras para o ciclista homenaxeado nesta edición, Gustavo César Veloso, ao que se referiu como "un dos mellores" ciclistas galegos e que se suma a nomes como Óscar Pereiro, Gonzalo Aguiar ou Álvaro Piñeiro. Para o vicepresidente primeiro, en Galicia pódese presumir destes grandes referentes, así como de contar entre 2006 e 2010 co Xacobeo Galicia na categoría profesional ou actualmente co Team Farto BTC "un dos mellores equipos profesionais femininos" e dos embaixadores galegos no mundo do deporte. Por outra banda, puxo en valor a importancia do deporte na promoción turística de Galicia, e, no caso concreto da Volta ciclista a Galicia, para dar a coñecer as paisaxes e o patrimonio das localidades que percorre ao longo de máis de 400 quilómetros.

Martín Bouzas acadou o título de campión de España sub-23 en Alacante.
Martín Bouzas acadou o título de campión de España sub-23 en Alacante. | Fonte: @F_Gal_Ciclismo - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta