O surrealismo ten moito pouso

...Axiña iremos Arcano soño antepasado do meu sorriso o mundo está demacrado e hai cadeado pero non chaves e hai medo pero non bágoas... A.Pizarnik

Por Fermín Paz | As Pontes | 11/09/2023

Comparte esta noticia
Os xabarís están a pasear pola Coruña como uns turistas máis e a Alcaldesa da cidade afirma que non están empadroados; en Waterloo estase a negociar a paz entre os combatentes españois e cataláns sen esquecer a Napoleón polas eventualidades que podan xurdir; Rubiales tivo recoñecemento en  Australia pola súa "espontaneidade" máis que polo talento e capacidade;  Sánchez non vai a India porque a esquerda española non quere deixar só a Xi Ping na súa  consideración do G20, como unha plataforma cun valor e unha eficacia decrecentes a nivel mundial  e a derradeira deste introito, o árbitro pita córner... e sobe a rematalo un can durante un partido no Perú entre o Carlos Mannucci e o Universitario no Torneo de Apertura do 2023.
 
Xa estamos en setembro e disque de volta á normalidade.  Por iso nese anaco temporal do distinto, facemos cousas desaxustadas aos nosos hábitos e costumes.  O remate das vacacións non vai obrigar a ninguén a deixalo no conxelador ata o seguinte tempo de lecer do que podamos dispor. O surrealismo está no seu tempo.
 
Estaba a xantar e de súpeto erguín a vista cara a TV que só estaba a facerme compaña. Chamou a miña atención a melodía dunha publicidade. Aínda que non me resultou descoñecida, non souben poñerlle nome. Estiven un tempo a darlle voltas e non atopei máis solución que peneirar na internet ata que as miñas pescudas tiveron recompensa: Dream a Little Dream of Me, no seu formato orixinal. Unha sinxela canción de amor cunha finalidade confesable, legal e con proveito. Un amor como o descrito na canción da que estou a falar, precisa de amantes. Unha empresa virtual de moda é un negocio e non precisa de amor nin de amantes, só clientes. Os "xingles" publicitarios (así os chaman na nomenclatura desta especialidade), son unha ferramenta poderosa para axudar a aumentar o recoñecemento da marca, mellorar a retención da mensaxe publicitaria e aumentar a conexión emocional co seu público obxectivo.
 
Un proxecto de extracción de ouro a ceo aberto precisa de 9 toneladas de explosivos, 10 toneladas de cianuro e 300.000 litros de auga. 1 anel de ouro supón 18 toneladas de lixo. Cara a onde imos?
 
Quen temos a posibilidade táctica, pola nosa condición de xubilados, dunha certa alianza co tempo en canto a  dispoñibilidade e permisibilidade de acomodarnos a unhas dinámicas horarias ás veces un pouco caóticas, deberemos aceptar en troques e sen rosmar que, no referente á estratexia o reloxo vital, sempre será inflexible e imprevisible e ademais determinante no remate da nosa estadía. Só por iso, non é natural a convivencia co surrealismo. As nosas preferencias están marcadas a lume, dun xeito maioritario, polo contexto que nos tocou vivir.
 
Nesas pequenas cousas que tamén permiten unha certa satisfacción, como di Serrat desenvolvemos o noso camiñar acomodaticio ou rebelde e ás veces cando as volvemos a lembrar ... fan que choremos cando ninguén nos ve ..., recreando nelas e noutros tempos. 
 
A versión de "Soña un sono comigo" de Ella Figeralt e Louis Armstrong levoume ate acolá e mesmo quixen "cantureala" cuns acordes da guitarra.  
 
Así  foi un día calquera do meu vivir e así quixen contalo, cando menos, dunha maneira algo mais racional. Por certo o obxectivo da práctica política  non debe ser, descoñecer ou negar un conflito.  As solucions posibles  deben atoparse na negociacion e no establecemento de novos principios normativos. A eternidade  é atemporal, polo que basicamente nada pode ocorrer nela. No desenvolvemento dos acontecementos  obrigatoriamente  precisamos dunha temporalidade. 

Xabaril nun centro urbano
Xabaril nun centro urbano | Fonte: Arquivo
Arquivo - Xabaril.. GOBERNO DE ARAGÓN - Arquivo
Arquivo - Xabaril.. GOBERNO DE ARAGÓN - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.