O PPdeG valora positivamente que a UE se mostre aberta a reducir a protección do lobo: xa está no 94 % do territorio

"O Goberno central faría ben se, como en tantas outras cousas, seguise o exemplo do que se fai en Galicia", defenden os populares, destacando que a comunidade conta cun plan de xestión do lobo desde 2009 que permitiu aumentar o número de mandas. Afirman que o lobo en Galicia non só non está en regresión, como asegura o Executivo estatal, "senón todo o contrario".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2023 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

O PPdeG valorou positivamente que a Comisión Europea móstrese aberta a estudar a posibilidade de reducir a protección do lobo, xa que segundo remarcan, isto é o que a formación leva demandando desde hai tempo "da man do sector primario e desde diferentes ámbitos".

Así o sinalaron, segundo recollen nun comunicado, nunha reunión informativa celebrada esta semana sobre a situación do lobo e o xabaril que organizaron na súa sede autonómica, en Santiago de Compostela. Alí, alcaldes e portavoces, ademais de representantes do sector primario, debateron sobre a situación xunto á directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e os presidentes das comisións de Medio Ambiente e de Medio Rural do PPdeG, Marisol Díaz e Avelino Souto.

Así, os populares galegos insisten en que o seu obxectivo é "garantir o equilibro entre a protección do lobo e o mantemento do sector primario" e critican o que denominan "ecoloxismo de pancarta", defendido polo Goberno central e que "só serve para perpetuar ese desequilibrio ao que agora as autoridades europeas queren por fin pór remedio".

"O Goberno central faría ben se, como en tantas outras cousas, seguise o exemplo do que se fai en Galicia", defenden os populares, destacando que a comunidade conta cun plan de xestión do lobo desde 2009 que permitiu aumentar o número de mandas. Afirman que o lobo en Galicia non só non está en regresión, como asegura o Executivo estatal, "senón todo o contrario". "Nos anos 90 o lobo estaba no 80 % do territorio galego e agora está nun 94 %", indican.

Lembran tamén que os gandeiros galegos teñen á súa disposición unha liña de axudas fronte aos ataques do lobo por parte da Xunta "que podería ser aínda máis cuantiosa se o Goberno central non tivese retidos de forma arbitraria os fondos que lexitimamente corresponden a Galicia por non subscribir a súa estratexia". Matizan os populares que non están en contra da protección do lobo, "pero si a favor da protección dos gandeiros", argumentando que "un modelo que garanta as dúas cousas é posible".

MEDIDAS DO CONTROL DO XABARIL

Nesta reunión tamén se abordou a problemática derivada dos danos ocasionados pola presenza de xabaríns en núcleos urbanos galegos. Sobre isto, destacaron que a Xunta declarou a emerxencia temporal en 37 comarcas "co fin de controlar a poboación desta especie", unha norma que entra este sábado en vigor.

Por último, en canto á presenza de xabaríns en núcleos urbanos, lembran que son os municipios os únicos responsables do mantemento das rúas urbanas e periurbanas. "Por tanto, teñen a obrigación de implicarse nas medidas informativas e preventivas de xestión da biomasa e control das zonas de maleza nestes ámbitos, para evitar que estes animais se acheguen a zonas poboadas", apuntan.

Conservación e xestión do lobo (Canis lupus)
Conservación e xestión do lobo (Canis lupus) | Fonte: WWF - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta