Polémica no IES de Ames: o código de vestimenta do centro tacha como "inadecuado" usar "shorts curtos" ou "escotes esaxerados"

A dirección do centro explica que o texto leva vixente unha década e asegura que nunca se controlou a vestimenta do alumnado. A directora explica que se trataba de evitar que os nenos fosen ás clases en bañador, pola piscina que hai detrás do colexio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2023 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

A publicación dun extracto dun documento que regula o funcionamento do IES de Ames que expón como "inadecuado" usar vestimenta que supoña "exhibición do propio corpo", tales como "shorts ou minisaias excesivamente curtos, torsos descubertos, camisas abertas, pantalóns excesivamente baixos, escotes esaxerados ou similares", xerou polémica en redes sociais nas últimas horas, mentres a dirección do centro explica que o texto leva vixente unha década e ese apartado non se aplica.

"Leva 9 anos colgado na web do centro. Todos os anos ábrese un período onde todos os estamentos da escola poden engadir ou quitar alegacións a eses temas, por exemplo, agora, o uso dos móbiles ou os reloxos intelixentes. Todos os anos abriuse e ningún ano ninguén dixo absolutamente nada diso", explica a directora do instituto, Marisol Louro.

En concreto, no documento recóllese que, en relación á vestimenta, considérase inadecuado "estar no recinto coa cabeza cuberta, excepto por motivos de saúde ou crenzas relixiosas; usar vestimenta propia de praia ou piscina; usar vestimenta que supoña exhibición do propio corpo: shorts ou minisaias excesivamente curtos, torsos descubertos, camisas abertas, pantalóns excesivamente baixos, escotes esaxerados ou similares".

Segundo detallou a directora do instituto, estas normas de organización e funcionamento do centro foron aprobadas polo consello escolar e son froito da lei de convivencia. Así, Louro asegura que "todos os centros téñeno recollido como unha norma xeral", con cuestións como que "non podes ir en bañador para ir despois á piscina". "Non quere dicir que a ti che controlen a forma de ir vestido ao centro", insistiu. Nesta liña, Marisol Louro remarcou que o problema "non son as saias e os escotes", senón que o texto "fala dos nenos que ían en bañador porque hai piscina detrás".

Fachada do IES de Ames en Bertamiráns
Fachada do IES de Ames en Bertamiráns | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta