O risco de que Galicia quede sen auga... as secas poden “baleirar” os acuíferos naturais

As reservas hídricas galegas son moi dependentes da choiva. O substrato xeolóxico galego só permite a existencia de dous grandes acuíferos naturais. Os ríos galegos son moi sensibles á seca e a creación de encoros non parece ser xa unha solución fiable. A Xunta e o Goberno central teñen cada un o seu plan para afrontar os períodos de seca, aínda así, son suficiente?

Por Moncho Mariño | Santiago | 20/09/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A frase “en Galicia tedes auga de sobra” é un tópico e como tal unha das falsas “crenzas” sobre o país. Certo que as precipitacións poden superar a media estatal, como tamén acontece noutros lugares da costa Cantábrica. Porén, o chan galego non absorbe cantidades importantes de auga para a creación de grandes acuíferos como o caso de Las Tablas de Daimiel (Ciudad Real) ou Doñana (Sevilla). A morfoloxía do substrato galego permite a creación de acuíferos que maioritariamente son pequenos en comparación cos da Meseta, son moi heteroxéneos e están moi dispersos. Así temos moitos concellos con traídas de auga dependentes de varios pozos e mananciais. Por outra parte, a figura dos encoros, sempre polémica, é cuestionada como resposta fronte a secas e outras incidencias climatolóxica debido ás consecuencias medioambientais dos mesmos.

O baixo caudal do río Miño permite apreciar rocas no seu leito ao seu paso por Portomarín
O baixo caudal do río Miño permite apreciar rocas no seu leito ao seu paso por Portomarín | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

ACUÍFEROS EN GALICIA

Os acuíferos galegos aproveitan fendas e espazos baleiros entre rochas de granito e xistos para asentaren. Son materiais impermeables que non permiten en principio a creación de grandes almacenamentos de auga debaixo da terra. Si permiten a aparición de pozos, mananciais e fontes aproveitados desde sempre pola poboación no rural. “Os dous grandes acuíferos galegos son a lagoa de Antela, aproveitada para o rego e logo o espazo aluvial do Baixo Miño no Concello do Rosal” apunta Jorge Dafonte, profesor titular da USC no Campus de Lugo e especializado en hidroloxía dentro da área da Enxeñaría Agroforestal.

A base xeolóxica en Galicia fai que “os ríos sexan moi sensibles ás secas e por iso os períodos prolongados sen precipitacións” fan descender de maneira abrupta o caudal dos cursos de auga. “Os ríos do norte de Galicia, onde as precipitacións son en principio máis abundantes, coa seca deste verán viron reducido o seu caudal”. Facendo un simil, é como botar auga sobre unha pena de granito, a auga escorrega e non para. “Cando chove moita desa auga vai ao mar” sinala Roberto Vilela de Ecoloxistas en Acción. “Galicia vive ao día pois dependemos das precipitacións”.

E que sucede cos grandes ríos? Non son capaces de fornecer de auga ás cidades que atravesan, como é o caso do Miño? “A partir da cidade de Lugo o Miño xa non existe porque é unha consecución de encoros e isto trae, por exemplo na cidade de Ourense, que se rexistren picos de caudal a medio día que logo baixan” di Jorge Dafonte. A explicación estaría na turbinación de auga para crear enerxía eléctrica.

Encoro de Belesar, no Río Miño, deixa ver restos habitualmente tapados pola auga
Encoro de Belesar, no Río Miño, deixa ver restos habitualmente tapados pola auga | Fonte: Carlos Castro

HUMIDAIS EN PERIGO?

Ecoloxistas en Acción presentou en 2022 o catálogo de humidais da provincia da Coruña. En 2023 presentou o documento con respecto á provincia de Pontevedra. As conclusións destes documentos non son positivas en canto conservación de espazos naturais como reservorios de auga. “Os humidais son as reservas de auga en Galicia” destaca Vilela. E a pesar de ser lugares con capacidade para conservar auga, están en perigo.

“A eucaliptización, os parques eólicos, as cementacións para eles ou a creación de pastos afectan directamente aos cursos de auga”. A isto tamén se suma a minaría a ceo aberto que afecta a lugares como as Brañas da Serra de Santa Comba, coa mina de Varilongo. Galicia presenta, segundo Ecoloxistas en Acción, un problema de ordenación do territorio. “Cando presentamos o documento sobre humidais da Coruña con 400 espazos, era unha ferramenta para a Xunta, mais o que fixo foi publicar no DOG unha serie de zonas húmidas onde non aparecía ningunha das que nomeamos nós”.

Outro exemplo son as turbeiras e os brizos ou vizosos arredor delas. “Na Serra do Suído existen turbeiras onde nacen correntes de auga que alimentan o río Oitavén, o mesmo que subministra auga para Vigo”. A necesidade imperante é a protección destes espazos húmidos e de nacemento de cursos de auga.

PLAN DA SECA

A Xunta de Galicia, a través do organismo Augas de Galicia, aplicou a partir de 2013 unha serie de medidas na área onde o goberno autonómico ten competencias exclusivas, a denominada Demarcación Hidrográfica Galicia Costa. Case unha década despois, en 2022, aprobouse un novo documento de acción fronte as situacións de seca nesta área.
A Lei 9/2019 de11 de decembro, prevía medidas de garantía para o abastecemento en episodios de seca e situacións de risco sanitario en base á Lei 9/2010.

En principio estariamos ante un plan de contixencias para enfrontar desde a escaseza de auga até a contaminación da mesma, situación esta última moi frecuente tanto en ríos como encoros. Nunha nota emitida pola Xunta de Galicia o seis de setembro, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, sinalaba que para a seguinte semana (do 11 ao 17 de setembro), habería unha nova reunión da Oficina Técnica da Seca, onde se prevía unha mellora da situación ante a chegada de precipitacións. Tamén instaba aos concellos a ter os seus propios plans contra a seca e xunta a isto, que a Xunta investira 1,3 millóns de euros en 109 concellos para redactar os seus plans de emerxencia por seca.

Doutra parte, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil tamén redactou o seu plan de emerxencia. O plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil 2022-2027, foi aprobado co Real Decreto 35/2023 do 24 de xaneiro. O mesmo plan recoñece que, a pesar das precipitacións que case duplican as do resto de España, “a ausencia de regulación nalgúns dos principais sistemas de abastecemento presenta problemas de escaseza debido aos ciclos de seca que diminúen os caudais”.

A situación de seca vivida en Galicia até hai apenas semanas é un sinal de alerta para a creación de plans de contixencia fronte a falta de auga. Por outra parte, a necesidade de protexer os pequenos acuíferos galegos así como as zonas húmidas, vólvese un punto imprescindible para ter en conta, pois deles depende a subministración de auga en lugares cunha alta densidade de poboación como son as cidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta