Rueda defende que os deputados do PP falen galego no Congreso a pesar de oporse: "Están no seu dereito"

Volve rexeitar que o foco estea "nos pinganillos" do Congreso e esgrime que "nin de broma" é agora o momento adecuado para a medida.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2023 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avalou que os deputados do PP que así o desexen poidan utilizar o galego no Congreso dos Deputados. "A medida está en vigor, se os galegos deciden utilizala están no seu dereito, tamén os do PP", aseverou o xefe de filas dos populares galegos.

Así o trasladou na comparecencia ante os medios posterior á reunión semanal do seu Executivo, onde foi preguntado polo paso dado este xoves na Cámara baixa, cuxo pleno aprobou a reforma do seu Regulamento que regulariza o uso das linguas cooficiais tanto nos debates como nas iniciativas parlamentarias e fíxoo co voto en contra do PP, Vox e UPN.

O resto do hemiciclo apoiou o texto, que saíu adiante con 180 votos, catro por encima da maioría absoluta que requiría e co si por erro da deputada por Ourense Rosa Quintana. Rueda manifestou a súa convicción de que o voto da exconselleira foi "involuntario e un erro".

"Estou seguro de que quería votar outra cousa do que votou", engadiu, nunha comparecencia na que afirmou que non tería inconveniente en que os deputados populares que o consideren oportuno utilicen o galego na Cámara baixa. Ao seu modo de ver, non é unha cuestión que, aprobada a medida, teña que "monopolizar" o BNG.

"O MOMENTO NON É AGORA. NIN DE BROMA"

Ademais, rexeitou avaliar a opción de que o PP recorra o uso das linguas cooficiais no Congreso ao Tribunal Constitucional (TC) co argumento de que non lle consta que estea sobre a mesa tal decisión, e reafirmouse no seu rexeitamento a pór no foco o uso "de pinganillos" no Congreso mentres os independentistas cataláns "venden caro" o seu apoio para a hipotética investidura de Pedro Sánchez, "con 450.000 millóns".

Rueda. Xunta de Galicia
Rueda. Xunta de Galicia

Así, concluíu que, no que a el respecta, esta conxuntura é a que se debe priorizar no debate público, polo que non entende que este sexa o momento idóneo para priorizar a medida do uso das linguas cooficiais no Congreso. "Desde logo, o momento non é agora. Nin de broma", proclamou Rueda, quen tamén foi preguntado polo manifesto a favor do uso do galego no Congreso que asinan, entre outros, algunhas personalidades destacadas do ámbito social e cultural na Comunidade, e sobre que se estea pondo en dúbida o seu compromiso "estatutario" coa defensa do idioma.

CUALIFICATIVO "EFECTISTA E TREMENDISTA" DE PONTÓN

E sobre as críticas de "traizón" por parte da líder do BNG, Ana Pontón, rebaixou a importancia dun cualificativo "efectista e tremendista" que, alegou, "non ten nada que ver coa realidade". Así mesmo, censurou que os nacionalistas se "entreteñan tanto" cos "pinganillos" pero non haxa "nin unha soa consideración" ao "prezo" de "450.000 millóns pola investidura" ou sobre a postura do Goberno na UE, ao priorizar o catalán.

Dito isto, nunha pregunta posterior, tras reivindicar o "enorme respecto" e a "obrigación" de defender a lingua propia, remachou que, ao seu modo de ver, non fai a ninguén "máis galego" defender o uso desta lingua no Congreso "pensando que nada é máis importante". "Fainos máis galegos que non nos quiten recursos para darllos a outros", contrapuxo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 fer

a feijoo dabaselle mellor o de dicir o cos galegos queren oir e facer o que en madrid queren que faga.