Persoal de enfermaría denuncia "anarquía organizativa" nos hospitais galegos ademais de reclamar melloras laborais

Tamén denuncian a "fuga masiva" do persoal de enfermaría e doutras categorías, "que prefiren traballar na privada e noutras comunidades" onde, tal e como indicou, hai unha maior estabilidade.

Por Europa Press / Redacción | Santiago | 26/09/2023 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

As enfermeiras do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), convocadas polas colectivo 'Enfermeiras APT', concentráronse este martes fronte ás portas do hospital para alertar da falta de profesionais e da "completa anarquía" na organización, ademais de para reclamar melloras nas condicións laborais e económicas do corpo de enfermaría.

Ao redor das 13,00 horas decenas de profesionais, arroupadas tamén por algúns pacientes, concentráronse fronte ao CHUS con pancartas nas que se podía ler 'Alúgase sanitario' ou 'Buscamos estabilidade laboral'.

As reivindicacións non son exclusivas da capital galega. Repetíronse, á mesma hora, fronte aos complexos hospitalarios de Monforte, da Coruña e de Pontevedra. Previamente, ás 11,00 horas, celebrouse unha fronte ao HULA.

"Isto é unha completa anarquía desde a Covid. A administración colleu a diario non organizar directamente nada. Xa directamente non seguen a lista de contratación, que busquemos nós a través de Whatsapps as coberturas...", describiu a portavoz do colectivo, Patricia Fraga Díaz.

Reclaman ademais, segundo expuxo, melloras salariais. Desde a crise, baixaron os soldos, que non soben conforme ao IPC", sinala. Tamén piden unha mellora da organización dos coidados. "Non podemos dedicar aos pacientes o tempo que requiren. Non hai plans funcionais nas plantas, non hai protocolos, non hai seguimento nin control dos coidados. Non hai supervisión", lamentou.

Doutra banda, apuntou á "fuga masiva" do persoal de enfermaría e doutras categorías, "que prefiren traballar na privada e noutras comunidades" onde, tal e como indicou, hai unha maior estabilidade.

"Estamos con contratos a días, sen respectar descansos. Tentan que se dobren quendas incentivando con pagas extra, cando hai xente ao fondo da lista sen chamar. Están ben como medidas extraordinarias, en momentos puntuais, con sobrecarga de traballo, como co Covid ou durante o mes de agosto (...), pero un persoal que non descansa non pode dar a calidade asistencial que merecen os pacientes", defendeu.

A portavoz avanzou que "se en San Lázaro non sentan a negociar unha mellora das condicións de traballo, tanto económicas como de organización", non descartan ir á folga. Sobre isto, sinalou que xa traballan con xuntas de persoal doutras áreas sanitarias para transmitir as súas demandas conxuntamente.

Respecto dos últimos acordos alcanzados da man dos sindicatos, dixo que "asinan cousas polas que nós non queremos pasar". "Hai unha perda total de contacto coa enfermaría, como a administración. É hora de que nos escoiten", afirmou.

SERGAS DEFENDE A SÚA XESTIÓN

Concentración convocada polas colectivo Enfermeiras APT fronte ao CHUS. Santiago de Compostela
Concentración convocada polas colectivo Enfermeiras APT fronte ao CHUS. Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press


Pola súa banda, o Sergas defendeu que, desde a pandemia, os cadros de persoal de enfermaría incrementáronse en máis de 1.000 profesionais de media, tanto en atención primaria como en hospitalaria, "mellorando substancialmente as cotas de primaria e os cocientes de unidades especiais e unidades de especialización en constante mellora".

Aseguran que o persoal de enfermaría "mellorou substancialmente" as súas condicións de traballo no pasado mes de xullo, cunha rebaixa de 16 días de traballo efectivo en tres anos, así como unha subida salaria en conceptos como festivos, sábados, domingos, ou venres dentro do concepto de festividade e nos postos de tarde e deslizantes.

Pon en valor tamén as políticas de igualdade e medidas de benestar para os profesionais, así como as especialidades. Actualmente, sinalan, hai case 1.000 enfermeiras especialistas, das que 200 traballan en atención primaria na especialidade de pediatría e familiar e comunitaria.

Por último, inciden en que desde 2019 implantouse o nomeamento de continuidade para dar estabilidade ao persoal que cobre ausencias en áreas específicas e PAC, "con contratos de tres anos para cobertura de ausencias que ao final da súa vixencia transfórmanse en prazas estables con contratos de interinidade". Conclúen asegurando que están en marcha convocatorias para dar prazas estables a 2.000 profesionais de enfermaría (sumando oposición, concurso de méritos e os das especialidades).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta