As feridas invisibles (2)

Teño o convencemento de que os mellores activos que ten agora e de futuro As Pontes son os traballadores/as e os recursos hídricos. Falarei da auga porque é moi necesario unha bo xestion desta riqueza e racionalizar o seu uso en calquera proxecto industrial que remate asentando neste territorio e ter moito coidado coa creación de falsas expectativas nos titulares dos medios de comunicación, en relación coas promesas dunha nova reindustrialización. Un sinxelo exercicio basta para facer a comprobación e que non nos vendan "gato por lebre".

Por Fermín Paz | As Pontes | 04/10/2023

Comparte esta noticia
Os proxectos anunciados coas súas demandas de chan industrial e auga, As Pontes non pode darlles cobertura na actualidade .As contas non cadran. É convinte pasar desta maneira de facer ao concreto dos acordos, a un cronograma dos feitos, á participación e a un seguimento colectivo. De non facelo desta maneira, o realismo sempre  impón a súa lei e ferirà de feito nos que confiaron no prometido,  en quen prometeu e rematará deixando á terra e á xente queimada para sempre. O peche da Central non precisa agacharse detrás de ningún eufemismo, é unha reconversión pura e dura. Endesa tomou a decisión de marchar e facer a maior caixa posible e a dos accionistas cos dereitos da clase traballadora e toda infraestrutura que ten neste territorio. Coa probatoria do que está a facer xa abondaría, mais miraremos outras e en pouco tempo. Non nos deixemos levar polos encantamentos ou as trampulladas. 
 
De novo, seguirei a enfiar no artigo para darlle continuidade a exposición de cabeceira. Unha nación só se pode construír  tendo unha soberanía plena e esta, xamais se pode impoñer, ceder ou conceder a outro ente nacional. Namentres Galiza non sexa soberana todo o demais é  unha derivada do alleo, do que non é noso nin para nós. O nacionalismo é a única ferramenta útil e necesaria para acadar dito obxectivo.
 
Este asunto ten moito calado, porque cando o nacionalismo galego precisa do cualificativo "de esquerdas" para desenvolver a súa acción política está a facer unha  asimilación co españolismo e fai medrar a confusión de tal xeito que  retarda o proceso de toma de conciencia no proceso emancipador. A esta conclusión chégase  examinando a dialéctica dos acontecementos, onde o substantivo dos acordos tácticos co españolismo remataron converténdose en estratexia representativa ou no "aventurerismo político", que fixeron e seguen a facer inviable ou minimizan o confronto e o conflito real de calquera proxecto que queira sumar esforzos do nacionalismo galego e pola contra deixa feridas invisibles de moita fondura e moi dificultosas de curar porque non rematan de cicatrizar. As alianzas co españolismo agachadas nun tacticismo electoral ate o de agora converteuse sempre nunha necesidade estratéxica para garantir a supervivencia dunhas siglas ou organizacións. Vai sendo tempo de facer unha autocrítica tan necesitada como necesaria.
 
A historia está chea de incoherencias que terman de entes nacionais artificiais ou mitos impostos e que chegaron ao recoñecemento intenacional de Estados, agachando nesa viaxe moitas imposicións e vergoñas. Mais ditos procesos están sometidos a dinámicas transformadoras do mesmo xeito que a enerxía. A dialéctica establece unha lei: a coherencia nacional debe ser sentida para poder ser esixida, conquistada ou concedida. O sentimento e a esixencia deste obxectivo conforma e define o eixo da contradición principal de calquera forza nacionalista, independentemente da súa ideoloxía. O nacionalismo antes de calquera outra consideración ten só xustificación no feito nacional e na Patria, esa comunidade social cunha organización política común e un territorio e órganos de goberno propios, que é soberana e independente politicamente doutras comunidades.
 
Vaiamos a análise do caso do Estado Español. É indestrutible e indiscutible a súa arquitectura?; De que depende?. O verdadeiramente transcendente non é a súa configuración porque está vinculada aos procesos históricos. O fundamental é que vai ligado ben a sentirse español, querer exercer dito sentimento ou non afastarse deste sentimento ou pertenza. 
 
Non vou negar o peso histórico que ten dita pertenza a determinados Estados existentes, mais o seu realismo e pragmatismo ás veces foi resolto coxunturalmente  e daquela maneira onde o asunto configurativo emerxeu de conflitos e crises de carácter político, económico ou social de moito calado. Hoxe, por moito contos que conten os do Psoe ou Pp atopamos nunha grande crise e non tardaremos moito en comprobar ás súas consecuencias en tódolos eidos da xestión política. Compre facer fincapé no deficiente funcionamento das institucións e mesmo no afundimento daquel sentir da unidade nacional imposta nun contexto histórico concreto. Estimo positivo  revisar sen medos nin prexuízos os fundamentos teóricos históricos e xurídicos do ordenamento constitucional vixente desde 1978.
 
O sector máis tradicionalista español acadou unha permeabilizacion nas diferentes forzas políticas españolistas. Aqueles sectores á esquerda do PSOE, rebuscaron na caixa de Pandora aberta cando o bipartidismo perdeu a chave  mestra e aínda así voltaron a facer unha aposta por posicións ben federalistas, ou plurinacionais na procura de fórmulas de aceptación da diversidade. Dita posición, ancorada na lóxica do respecto aos «pobos de España», foi a consecuencia lóxica  da tese, nación de nacións e o parecer tampouco vai atopar unha saída para o problema de fondo.
 
O proceso soberanista exercido desde o reclamo da autodeterminación de hoxe ten moito que ver con este novo fracaso. Logo a pregunta obrigada ao nacionalismo galego, vasco e catalán é, queredes separarvos de España ou desta España?, xa que nela vai contida algunha hipótese manexada no debate que está a producirse
 
Seguramente atoparemos varias respostas neste momento histórico no que as fronteiras teñen un sentido distinto, onde hai lóxicas supraestatais e onde o Estado Español non ten sentido na configuración de hoxe, seguramente hai varios espazos de procura máis intelixentes para unha nación que o do ideario dunha soberanía única.
 
Se alguén queda con dúbidas neste asunto, recoméndolle que lembre as intervencións de Alfonso Guerra e Felipe González na presentación do libro do primeiro, hai uns días. Adicaron as súas intervencións a referenciarse como defensores da eternidade da Constitución de 1978, á crise  interxeracional  e un argumentario entrelazado por tres conceptos: o españolismo, o seu grande ego, e a posición errática da dirección socialista concretada no actual Secretario Xeral. Esqueceron entre outras cousas: o da "Otan de entrada non" porque son demócratas e españolistas antes que socialistas e marxistas, que os novos do Psoe non acreditan neles para facer unha consulta porque non queren tutelaxes obrigados e, ademais, saben de cousas inconfesables que fixeron estes dous no tempo que  dirixiron tanto o Goberno do Estado como o Partido e que merecen, segundo a súa  consideración, seguir agachadas. Quizás cando remate o proceso das investiduras, Sánchez chegue á Presidencia e teña que concretar os acordos que fixeron posible a súa elección calquera dos dous persoeiros citados con anterioridade poderían ser o candidato proposto nunha posible moción de censura que poda presentar o PP (imitando a de Vox co candidato Tamames), mais desta vez co obxectivo de facer inviable a lexislatura. Daquela farase moito máis evidente a mensaxe que quixen deixar nestes dous artigos sobre as feridas invisibles que non matan pero tampouco sanan.
 
Unha derradeira cuestión, o nacionalismo galego en calquera das súas posibles expresións  en relación cunha ou outra organización  ou estruturación política, sempre deberá poñer por diante  a concreción dós seus obxectivos estratéxicos. Hai que aproveitar as posibilidades tácticas na coiuntura  de hoxe , mais ė necesario falar claro,  se renunciamos a unha Patria Galega Ceibe e Soberana de nada valen os atallos e os espellismos.
 

As Pontes
As Pontes | Fonte: Europa Press - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.