Por Rosa Regueiro | Compostela | 23/05/2015 | Actualizada ás 17:47
A preocupación sobre o tema por parte dos propietarios forestais foi en aumento nos últimos anos, sabedores de que noutros países os agricultores e gandeiros con terreos afectados por este tipo de actuacións, percibían unha renda equiparable ao valor real que representaba o seu terreo e incluso chegaban a ser accionistas da entidade promotora.
Para a avaliación desta problemática sería de aplicación a metodoloxía que ten por obxectivo analizar as vías que a cidadanía ten á súa disposición para poder expresar os valores proporcionados polo medio ambiente cando se ven afectados por decisión políticas. Neste senso, o terreo, como recurso natural, pode estar sometido a diferentes tipos de intervención por parte do Estado, seguindo as directrices da economía institucional, dos que se destaca os seguintes:
• Xestión de dereitos de propiedade privada: conxuga os incentivos dos particulares propietarios dos terreos en canto a custes e beneficios sociais.
• Xestión híbrida de propiedade privada e regulación do Estado:os individuos sosteñen dereitos de propiedade pero as opcións de explotación do recurso están restrinxidas por imposicións regulatorias ou recadatorias. A regulación define cando o recurso pode ser extraído en cada momento, cando se pode acceder, ou os tipos de investimento a realizar, entre outros.
Dentro desta tipoloxía, existen variantes na conxunción da propiedade privada, comunal e estatal, nas que a atención aos recursos comúns e os seus cambios ao longo do tempo, marcan situacións peculiares, como pode ser a problemática do sector eólico.
Malia o indicado, as políticas sectoriais non avanzaron no sentido de abordar esta problemática, agravando a solución ás reivindicacións de propietarios e asociación de propietarios, entre outros. Dentro deste debate, é decisivo o dereito do medio ambiente, ao tratar o uso, a explotación, a propiedade de recursos naturais, renovables ou non renovables. Según Rèmond-Gouilloud, poderían distinguirse dous grandes grupos en función da súa natureza e da súa finalidade:
• Un grupo formado polos froitos e produtos agrícolas, destinados a satisfacer as necesidades de consumo humano, que se reemprazan a medida que son consumidos. Neste grupo consideraríanse os recursos naturais fósiles que están destinados ao consumo dunha colectividade, e cando se esgoten, o consumidor particular verase privado deles. Por outra parte, son lesivos co medio ambiente, polo que están a infrinxir unha normativa e deberían ser penalizados.
• Un grupo formado por recursos útiles para todos os cidadáns, pero que carecen dun uso único, porque non se poden parcelar, son libres, e non se pode dispor xuridicamente deles. Neste grupo estarían os recursos renovables, en proceso de desenvolvemento, máis respectuosos cos ecosistemas, pero que presentan diferentes lagoas que impiden axilizar a súa consolidación.
En relación ao dereito da propiedade, apréciase neste contexto unha sucesión de dereitos por controlar o uso dos recursos, e que o profesor Aguilera Klink recorda que se aprecia con claridade nos denominados recursos fuxitivos, que son aqueles que se capturan a través do uso, como a caza, a pesca en alta mar, o petróleo, o gas natural ou a auga subterránea, nos que o control dos recursos se lle outorga ao propietario da superficie.
En definitiva, o control sobre o uso dos recursos podería definirse por leis e regulamentos públicos, de forma que se minore a incerteza derivada do uso diferido, e que leva a unha loita entre os axentes, e que case sempre lle da supremacía a quen dispón da información.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.