Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2023 | Actualizada ás 12:43
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora por Galicia, Carme da Silva, presentaron nas cortes distintas iniciativas para pedir información ao Goberno sobre a proposta de Perte específico para a industria de transformación de produtos do mar anunciado na feira Conxemar.
En concreto, os nacionalistas preguntan ao ministerio cando trasladou á Comisión Europea a necesidade de contar cun Perte para o sector do complexo mar-industria, a que tipo de liñas de financiamento de proxectos poderíanse acoller as empresas do sector, con que contía de Fondos Next Generation poderíase dispor e en que data vai dar unha resposta a Comisión Europea.
Segundo recollen nun comunicado, o BNG formula estas cuestións dado que a Secretaria Xeral de Pesca "limitouse a facer un anuncio, pero non informou o contido da proposta nin a súa concreción".
Outra das peticións históricas do sector reiterada en Conxemar, e presentada polo BNG en numerosas ocasións en pasadas lexislaturas, é a de aplicar aos produtos do mar o IVE de 0%. Actualmente está en 10%.
Para o BNG esta "non é unha idea estraña, posto que na práctica totalidade de países da UE o peixe e o marisco teñen un IVE máis baixo que o que se aplica no Estado español". Así por exemplo, en Francia aplícaselles un tipo do 5,5%; en Luxemburgo do 3%; en Chipre, Hungría e Polonia do 5%; en Bélxica e Portugal do 6%; e en Alemaña aplícase un 7%.
Noutros países europeos directamente exclúese a estes produtos da aplicación do imposto, considerándoos exentos, como é o caso de Irlanda e Malta, destacan os nacionalistas, que lembran que en xaneiro deste ano xa se decidiu reducir o IVE doutros produtos alimentarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.