Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2023 | Actualizada ás 13:07
Os beneficios fiscais soben en 94 millóns nos orzamentos da Xunta para 2024, o que supón un incremento do 15,9 % respecto das previsións de 2023, ata os 686 millóns. O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, entregou este venres no Parlamento o proxecto de orzamentos para a comunidade autónoma para o ano que vén, así como a denominada lei de acompañamento (de medidas fiscais e administrativas).
As contas, que dispoñen de 13.257 millóns, as "máis altas da historia", recollen beneficios fiscais que inclúen todos aqueles ingresos que a Xunta "prefire deixar de ingresar para que revertan principalmente ás familias e aos fogares". Facenda reivindica que ten un "compoñente cualitativo moi relevante, pois case o 90 % destes beneficios fiscais son de carácter social". En concreto, o impacto, de 686 millóns, son 94 millóns máis que o calculado para 2023 e 214 máis que o de 2021.
SUCESIÓNS E TAXAS E PREZOS
"Unha participación importante refírese a sucesións", segundo recoñeceu o conselleiro a preguntas dos xornalistas na rolda de prensa de presentación do proxecto, despois da súa entrega ao presidente do Parlamento. En concreto, os beneficios fiscais relativos a este tributo de competencia autonómica ascenden a 287 millóns, de acordo ao que recolle a memoria que neste ámbito concreto recolle por primeira vez o proxecto de orzamentos da Xunta.
A outra contía fundamental procede de taxas e prezos, con beneficios fiscais por 271,4 millóns. Despois sitúanse o imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, cuns 56 millóns; o imposto sobre o patrimonio, cuns 34; e o imposto sobre a renda das persoas físicas, con case 34.
AS NOVIDADES
Como novidades, na declaración do IRPF de 2024, as familias con dous fillos xa poderán deducir 250 euros, dedución que ata agora tiñan as familias numerosas e que agora se duplica, ata os 500. Ademais, por cada fillo a maiores, a partir de tres, esta dedución incrementarase noutros 250 euros.
En canto ao imposto de transmisións patrimoniais, o próximo ano rebáixase un punto o tipo xeral para a compra de inmobles usados (pasa do 9% ao 8%), que se suma a outro punto que xa se baixou en 2022; rebáixase máis da metade o imposto para a compra de vehículos usados (do 8 ao 3 %) e elimínase o imposto para as compras de vehículos cualificados de baixas emisións.
Seguindo a presentación de Corgos, a entrada en vigor da redución para familias numerosas alcanza a 187.000 por valor de 17,5 millóns e a de transmisións patrimoniais estímase para unhas 111.000 operacións, por 21,6 millóns. Deste xeito, asegurou, Galicia sitúase como "terceira comunidade con mellor tratamento fiscal para rendas de ata 20.200 euros".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.