Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/10/2023 | Actualizada ás 11:26
Erguer-Estudantes da Galiza denuncia a imposición dunha normativa por parte do equipo directivo do CIFP Portovello de Ourense que vulnera os dereitos do alumnado, non permitindo xustificar ningún tipo de faltas de asistencia salvo casos extremos como
defuncións de parentes directos ou informe médico especializado.
O alumnado denuncia a actitude da directiva que teima en non dialogar co alumnado, e sinala o prexuízo académico que supón a imposibilidade de xustificar a non asistencia, ademais de reclamar a suspensión desta nova normativa polo abuso de poder que supón por parte do centro e pola invisibilización das diferentes circunstancias que poidan estar sufrindo os estudantes.
Lembra que, tal e como di o cuarto punto do DOG. Núm. 128 do 6 de xullo do 2022, “o profesorado valorará as circunstancias persoais e laborais do alumno ou da alumna na xustificación desas faltas, cuxa aceptación será acorde co establecido nas correspondentes normas de organización, funcionamento e convivencia”. A raíz dunha primeira asemblea, realizada con numerosa asistencia, a organización anuncia o comezo de accións de protesta colectiva se a situación non muda proximamente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.