Así foi e así é Cerponzóns, parroquia de Pontevedra con máis de mil anos, unha das máis antigas de Galicia

O nome de Cerponzóns aparece por primeira vez de forma temperá o 30 de marzo do ano 1019, nun inventario da diócese de Santiago no cal se lle chama 'Serpetiones'. Mámoas, muíños e unha pedrafita moi particular, cun gravado de Serpe, elementos históricos e patrimoniais da zona que, por desgraza, sofren falta de coidados apropiados e algúns tampouco están catalogados profesionalmente. É conveniente que dende as administracións se cataloguen todos estes restos e se faga máis por conservalos.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 19/11/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A parroquia de Cerponzóns está situada ao norte do concello de Pontevedra, ao cal pertence. Pola súa parte norte limita co concello de Barro, polo leste coa parroquia pontevedresa de Verducido, polo sur coa do Lérez e polo oeste coa de Alba, coas cales tivo compartido administración municipal propia nalgún momento da historia. Trátase dunha zona montañosa na súa maioría, cuxo punto máis alto está no monte Acibal, na zona coñecida como Outeiro da Porca, tendo 328 metros de altitude. O seu ecosistema xira en torno ao río Rons e aos toxos, eucaliptos e piñeiros que crecen en torno ao mesmo. Agora mesmo conta cun 750 veciños, pero estivo preto dos 900 no século pasado. 

Pedrafita cun gravado de Serpe en Cerponzóns
Pedrafita cun gravado de Serpe en Cerponzóns | Fonte: Arquetoponimia

É imposible coñecer con exactitude cando naceu a verba que dá nome á parroquia de Cerponzóns, xa que a lóxica nos leva a pensar nunha orixe oral, mais podemos indagar no pasado escrito para dar unha idea aproximada. O significado é moito máis rastrexable, pero non está libre de diversas interpretacións que, a pesares de todo, estannos a indicar que o núcleo de poboación (con este nome) está rexistrado dende hai polo menos un milenio.

O nome de Cerponzóns aparece por primeira vez de forma temperá o 30 de marzo do ano 1019, nun inventario da diócese de Santiago no cal se lle chama 'Serpetiones', polo cal temos información de que nesta era foi xa un núcleo de poboación a ter en conta. Esta denominación, claramente latina, vai evolucionando ao longo dos tempos con pronuncia galego-portuguesa ata chegar á forma actual: St. Vicenço de Serpençoes, Serpensons, Cerpençons... Cerponzóns. Un exemplo témolo no 'Liber Tenencie de Horro', de Gonzalo Vázquez, o canónigo compostelán, que escribe en galego 'St. Biçenço de Serpensoos'. O cambio da letra 'e' pola 'o' na segunda sílaba obedece a unha evolución dada ao redor do ano 1600 segundo os documentos, adquirindo finalmente o 'o' intermedio que temos hoxe en día. 

O NOME PROVÉN DO RÍO RONS OU DO GRAVADO SERPENTIFORME DA PEDRAFITA?

En torno ao significado desta voz hai debate, pero a teoría máis plausible é a referencia ao río Rons (son habituais os nomes comezados en 'serp-' referidos a ríos sinuosos), ademais da presenza dun importante gravado serpentiforme nunha pedrafita atopada nunha finca que podería ser mostra do culto hídrico. Non sería arriscado supor que a propia pedrafita, inspirada ou non no río Rons, fose quen lle dera nome á actual parroquia. Un monumento desa magnitude, cunha serpe gravada de máis de tres metros de altura, ben poida chamar a atención de quenes bautizaron o lugar.

Cerponzóns no século pasado
Cerponzóns no século pasado | Fonte: Cedida

Por outra banda, moi cerca do emprazamento da pedrafita atópase o xacemento dun castro, e a pouca distancia, un posterior xacemento romano, a escasos 300 metros do castelo medieval de Cedofeita na veciña parroquia do Lérez. E conta con dous manantiais aínda hoxe activos. Todo o anterior, sumado á elevada altitude do lugar, que ofrece a habitual posición defensiva, sinala que foi un enclave estratéxico durante séculos. Pode conxecturarse que alí estiveron as orixes do que hoxe é esta parroquia, e que os romanos chegados alí recoñeceran aos poboadores como unha tribo adoradora dunha gran serpe gravada na pedrafita.

A favor da teoría do río como fundamento do topónimo subliñaremos que esta interese polas formas dos ríos ten tamén que ver coas serpes, animal moi venerado polos antigos galaicos e por moitos outros pobos da antigüidade, debido ao seu parecido xeométrico. Isto facía que nun lugar onde non abundaban as serpes un río sinuoso formase parte desa mística sagrada, na que incluía a crenza de que estes reptís eran inmortais e tiñan perigos, así como beneficios, para todos os seres humanos, os cales debían prevelos e aproveitarse do bo que tiñan, como a súa carne.

Forman parte de moitas lendas galegas, tendo todo un entramado de características máxicas e espirituais que aludían ao máis alá. Tamén se especulou coa posible descendencia dun antepasado chamado Serpentius, nome común ata a era altomedieval, ou co pobo sefe, da Idade de Ferro, que tiña como ídolo a figura da serpe, mais non é segura a localización desta tribo céltica preto de Cerponzóns. Se facemos caso da primeira teoría, a que fai referencia ao río como elemento a adorar, podemos situar o nome nunha época na cal os habitantes da zona veneraban a esta forma da natureza, mais sabemos que este tipo de cultos estiveron presentes en Galicia ata despois da caída de Roma (o reino suevo), de aí a dificultade para fixar unha época concreta.

O único que parece claro é a orixe latina do nome, quizais referido a unha realidade relixiosa indíxena. Como resumo, damos case como feita a relación das serpes co nome de Cerponzóns, ben sendo unha referencia ao río Rons, ao culto prerromano ou directamente á pedrafita co gravado, que non debemos descartar debido á impresión que debía causar na época co seu tamaño orixinal. Polo tanto, a relixión ancestral está presente con seguridade, mais curiosamente a crenza de que había dito réptil na parroquia é infundada, sendo Serpentiones produto da abstracción. Estes datos amósannos que continuou habendo un núcleo de poboamento a pesares dos cambios de civilización que houbo, e é que como veremos, non coñecemos ningunha interrupción no uso do territorio de Cerponzóns como lugar onde se facía vida.

A DATA MÁIS TEMPERÁ DE HABITACIÓN É ENTRE O IV A.C. E FINAIS DO III

Cando falamos de prehistoria en Galicia pensamos case de inmediato na época castrexa, mais polo de agora non se atoparon mostras claras do predominio desta cultura na zona, o que non quere dicir que non existise. Os restos máis antigos da comunidade remóntanse ao Paleolítico, e os identificadores de Cerponzóns ao Neolítico. Precisamente encádranse nunha das tradicións máis salientables deste periodo, o megalitismo que foi desenvolvido por toda a xeografía galega, destacando as mámoas e a pedrafita mencionada.

Polo tanto, temos como data máis temperá para a habitación da parroquia entre o IV milenio antes de Cristo e finais do III, sendo un pobo no cal se enterraba en mámoas aos mortos e se facían monumentos de culto. Máis tarde desenvolveuse en Galicia o Calcolítico e a Idade de Bronce, xa cunha cultura galaica que realizaba petroglifos, manifestación artística por excelencia deste periodo galego. Dos petroglifos atopados en Cerponzóns sabemos pouco, dada a falta de estudo, e non podemos situalos de forma nesta idade ou na seguinte (a de Ferro), que foi de esplendor da cultura castrexa galaica, celta ou influenciada en todos casos por esta.

Os galaicos deben seguir incluídos na prehistoria, xa que non desenvolveron a escritura ata a chegada dos romanos, así que o que sabemos deles é polos restos arqueolóxicos e o escrito por autores gregos ou romanos. Entre outras cousas, foi determinante para o futuro desta cultura a súa alianza ocasional con inimigos de Roma como os lusitanos ou os púnicos. A zona entre o Ulla e o Lérez e, polo tanto, Cerponzóns, correspondía concretamente ao pobo galaico dos cilenos, dos que sabemos que era a variedade máis sureña do Conventus Lucense, unha especie de consello para as relacións entre romanos e galaicos, e que a súa capital podería ser Caldas de Reis. Trala conquista romana seguiu existindo o pobo galaico, mais xa progresivamente romanizado e entrado de pleno na historia.

CONCEPCIÓN DE VECIÑANZA DENDE O MESMO NEOLÍTICO

A arqueoloxía de Cerponzóns presenta achados dende a prehistoria, con algúns deles moi curiosos e importantes para a historia da parroquia. Mámoas, comúns en Galicia, con túmulo; o miliario de Magnencio, datado arredor do 350 despois de Cristo, cunha inscrición adicada ao emperador do Imperio Romano de Occidente Magnencio, de colvulso goberno e en loita constante contra os seus competidores; a determinante pedrafita do monte Curuto, estudada por Carlos Solla, atopada a raíz dunhas obras de ampliación dunha finca, similar ao menhir que aparece nos cómics de Astérix e Obélix, e que nunha das súas caras presenta un serpentiforme de considerable tamaño (estímase que en orixe rondaba os tres metros en vertical), que a pesares de non estar datado permite ver a existencia dun culto ao río Rons e á natureza da zona; petroglifos, na zona de Meán, simples; muíños, uns 18 segundo os datos aportados no ano 1752 polo catastro do Marqués da Ensenada...

Moitos destes elementos, por desgraza, sofren falta de coidados apropiados e algúns tampouco están catalogados profesionalmente. Os restos arqueolóxicos de Cerponzóns están a contarnos unha historia de poboación ao longo dos milenios. Enterrábase aos veciños con honra dende o Neolítico, participábase dos cultos ancentrais anteriores á chegada dos romanos, había propaganda nas loitas do Imperio... E tamén había vida social e familiar, cousa que podemos ver na proliferación de muíños durante séculos atrás ata hai ben pouco tempo. Por iso é conveniente que dende as administracións se cataloguen todos estes restos e se faga máis por conservalos, así como sería bo que a xente de a pé se concienciase sobre o seu pasado. Non se trata de voltar a outros tempos, senón de manter as lembranzas do que un día foi Cerponzóns, antes da difusión masiva da tecnoloxía que acurtou distancias e puxo como centros de reunión lugares máis urbanos.

Investigación sobre o terreo do patrimonio de Cerponzóns
Investigación sobre o terreo do patrimonio de Cerponzóns | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta