'Celine' deixa máis de 450 incidencias en Galicia durante a fin de semana

Segundo informou o 112 Galicia, a maior parte das intervencións estiveron motivadas pola caída de árbores, inundacións en estradas e rúas e accións para evitar riscos derivados desta situación climática.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2023 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

As intensas choivas e fortes ventos que deixou a borrasca 'Celine' durante todo o fin de semana en Galicia provocaron un total de 456 incidencias en toda a Comunidade nas que tiveron que intervir os servizos de emerxencias.

Segundo informou o 112 Galicia, a maior parte das intervencións estiveron motivadas pola caída de árbores, inundacións en estradas e rúas e accións para evitar riscos derivados desta situación climática. Por provincias, o maior número das intervencións realizáronse na provincia de Pontevedra (183), seguida da Coruña (176), Lugo (63), e Ourense (34).

Os concellos que sumaron máis intervencións foron, en Pontevedra, Vigo, Pontevedra, Nigrán e Soutomaior; na Coruña, Santiago de Compostela, A Coruña, Ponteceso, Boiro e Ribeira; en Lugo, Palas de Rei e Foz; e en Ourense, a propia capital.

Sobre a tipoloxía das incidencias, a maioría estiveron relacionadas coa caída de árbores (184), inundacións en estradas e rúas (85), inundacións en baixos e garaxes (17) e en vivendas (14). Tamén destacaron algunhas accións dos equipos de emerxencias para evitar riscos (54), e o 112 atendeu cinco chamadas por embarcacións que se soltaron do amarre sen máis consecuencias.

VENTOS DE MÁIS DE 100 KM/H

Así, durante esta madrugada rexistráronse refachos de vento de máis de 100 quilómetros por hora en localidades como Cedeira, que notificou un refacho de 107,7 km/h na estación de Punta Candieira ás 04,20. Ademais, no Penedo do Galo, en Viveiro, alcanzáronse ventos de ata 95,3 km/h.

No interior, a estación do Xistral, no municipio lucense de Muras, rexistrou refachos de vento de case 110 km/h, mentres que en Carballeda de Valdeorras, en Ourense, superaron o 97 km/h.

ALERTAS

Para este domingo, Meteogalicia prevé unha xornada de inestabilidade, con tempo cambiante, pero en xeral por baixo de niveis de aviso, excepto no litoral, onde as ondas continuarán superando o catro metros.

Mentres, o AEMET activa para a xornada dominical un aviso amarelo por precipitacións fortes ou persistentes na metade sur de Galicia. Por fenómenos costeiros, a alerta será laranxa no litoral da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Unha muller suxeita un paraugas durante o paso da borrasca Aline /Álvaro Ballesteros / Europa Press
Unha muller suxeita un paraugas durante o paso da borrasca Aline /Álvaro Ballesteros / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta