Moncho Borrajo aterra en Vigo

Sobe aos escenarios para presentar Moncho Panza, unha homenaxe á gran obra universal de Miguel de Cervantes.

Por Gc Tendencias | Vigo | 11/06/2015 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

O Teatro Afundación de Vigo acollerá a partir deste Venres a Moncho Panza, o espectáculo co que Moncho Borrajo pon fin á triloxía que iniciou hai catro anos e que supuxo o regreso aos escenarios do polifacético artista ourensán. 

Moncho Borrajo en Yo Quevedo
Moncho Borrajo en Yo Quevedo

Tras encarnar un monólogo de Marco Antonio a Julio César en Golfus Hispánicus e recuperar o manifesto que escribiu Quevedo a Felipe IV mostrándolle o seu descontento xeral en Yo, Quevedo, Moncho Borrajo sobe aos escenarios para presentar Moncho Panza, unha homenaxe á gran obra universal de Miguel de Cervantes, coincidindo coa celebración do IV centenario da edición da segunda parte de El Quijote.  A obra comeza dentro da historia que creou Miguel de Cervantes e o seu Don Quijote, cun Moncho Panza «máis de pobo que nunca e coa súa mellor e máis clara linguaxe e moitos máis creados a tal efecto, que descobre por cuestións do azar o noso universo actual». Moncho Borrajo volverá, co seu particular estilo e retranca e os seus orixinais números musicais,  a dialogar co público que asiste ao espectáculo».

Moncho Borrajo, que suma xa 44 anos sobre os escenarios desenvolveu desde os anos setenta unha carreira  profesional como humorista, pintor e escritor. Cunha personalidade desbordante, que conecta inmediatamente co espectador, desde as súas primeiras actuacións en Don Chufo ou Cleofás, presentou xa nos teatros máis dunha ducia de espectáculos como Di-hablemos, El Bufón del rey ou Loco. A primeira obra que integra esta triloxía  que pecha agora con Moncho Panza,  Golfus Hispanicus, representouse en máis de 60 cidades e co espectáculo Yo Quevedo estivo máis de dous anos de xira.  Borrajo, que escribiu vinte obras teatrais e tres novelas, recibiu numerosos premios e recoñecementos nas súas múltiples facetas profesionais.

As representacións terán lugar no Teatro Afundación Vigo mañá venres 12 de xuño e o sábado 13 de xuño, ás 21.00 h e o domingo  14 de xuño ás 20.30 h. As entradas están dispoñibles a través das canles habituais da entidade, en www.ataquilla.com ou ben na billeteira telefónica no 902 504 500 e nas sedes de Afundación de Santiago de Compostela, Ourense e A Coruña, nas billeteiras da Central de Espectáculos de Vigo e no recinto do espectáculo o propio día da función.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Mr.Emoticon

Si que da medo! 8-0