A un chanzo da 2ªB

O Pontevedra gaña 2-0 ao Manzanares na prórroga e xogará a eliminatoria final polo ascenso. Jorge Rodríguez e Pablo Carnero, autores dos goles. O luns, o sorteo, coa volta asegurada en Pasarón.

Por gcdeportes | Pontevedra | 14/06/2015 | Actualizada ás 09:16

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Pontevedra 2:
Edu Sousa; Campillo, Pablo, Capi, Anxo; Tubo (Tomás, 82’), Kevin Presa, Adrián Mouriño, Jacobo (Centrón, 106); Pablo Carnero (Pedro García, 112’) e Jorge Rodríguez.
Manzanares 0: Rodri; Edu Olivares (Kevin, 97’), Saavedra, Juampe, Carlos Olivares; Pirri, José Carlos; Santana (Jesús Villar, 61’), Martín, Sevilla e Carlos Arroyo (Moraga, 64’).
Goles: 1-0: Jorge Rodríguez (minuto 56). 2-0: Pablo Carnero (minuto 96).
Árbitro: Eduardo Rodríguez García (asturiano). Amarelas a Jacobo, Kevin Presa, Pablo e Edu no Pontevedra e a Jesús Villar, Juampe e José Carlos no Manzanares.
Incidencias: partido de volta da segunda eliminatoria polo ascenso a 2ªB no estadio municipal de Pasarón ante arredor de 7.500 espectadores. No palco, Diego López, ex-porteiro do Real Madrid.

Os granates celebran un gol ante o Manzanares. / Diego Torrado / pontevedraviva.com
Os granates celebran un gol ante o Manzanares. / Diego Torrado / pontevedraviva.com

Non atinou nas infinitas ocasións que tivo, e acabou gañando na prórroga con sufrimento polo apertado do resultado. Jorge Rodríguez, tras errar un penalti, marcou no minuto 56 e empatou a eliminatoria, e un gol de Pablo Carnero no tempo engadido clasificou ao Pontevedra para a rolda definitiva. Caeu 2-0 o Manzanares en Pasarón, e os de Luisito coñecerán o luns o derradeiro rival do curso, co premio do ascenso a 2ªB en xogo. O partido de volta será na casa.

Xogou mellor o Pontevedra que o día do Mensajero. Aínda que a primeira ocasión clara foi para o rival (Edu Sousa detivo un man a man con Santana), os granates asediaron a meta do Manzanares e Rodri, meta visitante, foi o mellor do seu equipo. Pero o 1-0 non chegou ata o segundo tempo, despois de que Jorge Rodríguez desperdiciase un penalti. O mesmo dianteiro granate emendou o seu erro e igualou a eliminatoria cun golazo no minuto 56 tras un pase perfecto entre liñas de Pablo Carnero.

O Manzanares acusou o golpe pero o Pontevedra non soubo rematar o rival. Jacobo e Campillo tiveron o segundo. Nuns minutos de dúbidas do equipo de Luisito, o rival aproveitou para saír da área, pero sen chegar a crear perigo. Pablo Carnero tivo no minuto 90 o gol definitivo, pero o seu remate deu no pau, e a prórroga fíxose inevitable. No minuto 96, Pablo Carnero aproveitou un centro de Jorge Rodríguez para facer o 2-0 que daba o pase a seguinte rolda. O Pontevedra tivo máis ocasións para sentenciar (un par de Tomás), pero non as aproveitou. Sufriu polo apertado do marcador, pero o Manzanares xa non tiña folgos para máis.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta