Pasaxeiros dun voo con destino Santiago que non puido aterrar: "Gastamos 430€ máis para poder volver á casa"

Rocío e Sergio son unha parella de galegos, ela embarazada de 24 semanas, que o pasado 28 de outubro, ante o forte temporal que azotou Galicia, quedaron tirados no aeroporto de Madrid tras voar desde Fuerteventura. Esta foi a súa odisea.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/11/2023 | Actualizada ás 21:29

Comparte esta noticia

Rocío Platas e Sergio Baleirón son unha parella de galegos que sufriron directamente as consecuencias do tren de borrascas que azotou Galicia nas últimas semanas, e que deixou un tempo con chuvias e ventos que dificultaron nalgúns puntos da comunidade mesmo saír as rúas. As inundacións de vivendas, as estradas asolagadas, os coches atrapados en balsas de auga, as árbores caídas ou os elementos do viario público arrastrados polo vento foron algunhas das imaxes máis repetidas nestas xornadas. Sen embargo, houbo outra problemática asociada: o desvío e cancelación de decenas de voos que tiñan que ter chegado a algún dos tres aeroportos galegos e non puideron facelo, deixando a centos de pasaxeiros desamparados, sen saber como regresar ás súas casas, pois as aerolíneas non daban resposta ás súas demandas de información. Ese foi o caso desta parella.

Rocío e Sergio na súa viaxe a Fuerteventura
Rocío e Sergio na súa viaxe a Fuerteventura | Fonte: Cedida

Rocío é unha rapaza de 28 anos que pasou máis de media vida vivindo na illa canaria de Fuerteventura, ata que, levada pola morriña, decidiu buscar traballo en Galicia e veuse a vivir definitivamente para aquí. Agora que está embarazada de 24 semanas, decidiu realizar unha visita á illa que foi o seu fogar tantos anos para ver aos seus pais, e, aínda que a estancia foi agradable, o retorno converteuse para ela nunha auténtica tortura, tal e como relata a Galicia Confidencial. En concreto, o seu voo de volta a Santiago estaba previsto para o pasado sábado 28 de outubro, tratábase dun voo directo de Fuerteventura a Santiago, o VY1641, operado pola compañía aérea Vueling, e cunha duración estimada de 2 horas e 35 minutos. A saída estaba prevista para as 9,30 horas da mañá e a súa chegada para, aproximadamente, as 13,05 da mediodía (cabe recordar que ao pasar á Península súmase unha hora ao reloxo).

Como calquera persoa cun voo programado, a parella madrugou ás 6 da mañá para poder chegar ben ao aeroporto, sen présas. "Levábanos case media hora chegar ao aeroporto, así que a nosa viaxe comezou moito antes da hora de saída do avión", lembra Rocío, que explica que "todo transcorría con normalidade, como calquera outra viaxe: chegamos aos mostradores de facturación da compañía, facturamos a equipaxe de bodega e entregáronnos os billetes de avión". Ata aí sen problema, "pasamos o correspondente control de seguridade e subimos á planta de saídas". Como aínda era cedo, decidiron almorzar e logo acudir á porta de embarque. "Embarcamos no avión, sentámonos nos nosos asentos, despegamos e comezou a nosa viaxe sen maior problema", asegura esta rapaza. 

Pero todo deu un xiro inesperado cando, "chegando á altura de Oporto (Portugal), o piloto do avión abre comunicacións cos pasaxeiros e infórmanos de que, ao parecer, o tempo en Santiago non era moi bo, había moito vento e chuvia, segundo a información que lle proporcionaran dende a torre de control aéreo de Oporto, que lle dixera que mesmo estaba a haber desviacións dos voos con destino Santiago cara o aeroporto de Vigo". Cabe recordar que o pasado 28 de outubro caeron en Compostela 58 litros por metro cadrado de chuvia e os refachos de vento chegaron a superar os 90 quilómetros por hora, sendo unha das xornadas peores dentro das borrascas dos últimos días. Con todo, o avión no que viaxan Rocío e Sergio continúa o rumbo cara Santiago

Como era de esperar, os problemas comezan cando entran na zona aérea de Santiago. "Comezamos a ver que, aparentemente, había moita nubosidade, pero por enriba das nubes, onde estaba o noso avión, apenas se podía apreciar o verdadeiro tempo que se agochaba debaixo", recorda Rocío, que conta que, nese momento, "o piloto, novamente, abre comunicacións para informar de que iamos intentar aterrizar no aeroporto de destino". "Fixo un primeiro intento, pero non foi quen de baixar das nubes e considerou que era mellor dar a volta e intentalo dende o outro punto da pista de aterraxe", explica Rocío, que conta como, "novamente, inténtase a aterraxe e esta vez o avión consegue meterse nas nubes, pero as turbulencias son tan grandes que recibe varios bandazos na zona de cola e, para evitar males maiores, o piloto decide volver elevarse rapidamente sobre as nubes". Imaxinade o medo de todos eses pasaxeiros que voaban no avión.

Aeroporto de Madrid á súa chegada
Aeroporto de Madrid á súa chegada | Fonte: Arquivo

"SÓ NOS DIN QUE A COMPAÑÍA NON PORÁ BUS E QUE NOS BUSQUEMOS A VIDA"

Así as cousas, e vendo que a aterraxe non ía ser posible e que verdadeiramente era un riesgo para a vida dos pasaxeiros, "o piloto informa de que non será posible aterrar nese aeroporto". "Todos pensamos no momento que nos ían destinar ao aeroporto de Vigo (como estaban facendo con outros voos, segundo informaran dende Oporto), pero para a nosa sorpresa ese non foi o destino, porque dixeron que todos os aeroportos da comunidade estaban a sufrir o mesmo problema", lamenta esta rapaza. Finalmente, o destino do desvío foi o aeroporto de Madrid-Barajas. "Máis ou menos estabamos tranquilos dentro do avión, porque consideramos que era mellor aterrar sans e salvos que correr riscos con semellante temperal", afirma Rocío, que, con todo, non agardaba todos os problemas que aínda estaban por chegar.

Á chegada a Madrid, "o tempo era totalmente diferente, pois o ceo estaba despexado e soleado", así que, "segundo viaxabamos cara Madrid, o noso pensamento era que quizáis más tarde volveriamos coller outro voo con destino Santiago, ou que incluso nos porían un autobús para chegar ao noso destino", recorda Rocío. Pero ao chegar a Madrid todo o mundo semellaba confuso: "Ao aterrar tivéronnos uns 15 minutos dentro do avión agardando unha resposta por parte do piloto ou da tripulación sobre o que ía pasar con nós". "A única información que nos proporciona o piloto, finalmente, é que imos a descender do avión para ir á Terminal 4 do aeroporto, e que será alí onde nos deran máis información", conta.

Así o fixeron e, ao baixar do avión e saír do túnel que conectaba o avión coa terminal, "para o noso asombro, non había ninguén na terminal agardando a nosa chegada para informarnos", así que "todos os pasaxeiros estabamos sen saber moi ben que facer nin o que ía pasar". Nesta confusión, deben dirixirse á zona de maletas, pois "vimos que estaban baixando as maletas do noso avión e que as ían levas ás cintas para que as recollésemos". O aeroporto de Madrid-Barajas ten numerosas cintas de recollida de maletas e, nese momento, chegaran tamén moitos outros voos. "Miramos as pantallas da equipaxe para ver por que cinta sairían as nosas maletas, pero nelas non aparecía o noso voo, nin polo destino nin pola orixe", explica Rocío que, nese momento, cos nervios, "achegámonos a un punto de información de Aena para preguntar, e dinnos que as nosas maletas estaban saíndo entre as cintas 16 e 18".

"Nada máis volver á zona de maletas vimos que era a 16, porque a miña maleta estaba xusto saíndo naquel momento", conta esta rapaza, que se amosaba realmente preocupada por perder a equipaxe, unha equipaxe na que "eu traía moita roupa que me compraran meus pais para a súa futura neta". Unha vez superado este escollo, faltaban outros. O seguinte paso foi acudir de novo á persoa de información de Aena, que lles dixo que para recibir máis información da compañía tiñan que subir á segunda planta e buscar a zona da compañía. "Cando chegamos alí non había ninguén, todo estaba pechado, e quedámonos todos os pasaxeiros do voo agardando a que alguén chegase e nos dixese algo", lamenta. Cando por fin aparece alguén, o único que lles din é, "directamente, que a compañía non ía poñer autobús e que tampouco nos ía poñer un novo voo cara Santiago, xa que eles non operaban dende Madrid, porque tiñan a súa sede en Barcelona".

"GRAZAS A DEUS TIÑAMOS CARTOS PARA ALQUILAR UN COCHE, HABÍA QUEN NON"

Cunha man diante e outra detrás, sen saber que facer nin como chegar á casa, tendo en conta, ademais, que Rocío está embarazada de 24 semanas, quédanse con esa resposta de "que nos busquemos a vida e que busquemos medio de transporte para chegar a destino, xa despois os gastos que se xeren a raíz do transporte que elixamos correrán a cargo da compañía se presentamos todos os xustificantes". Gastos que tardarán como mínimo 6 meses en ser reembolsados. Aí comeza a búsqueda, outra odisea: "Miramos se había billetes de tren para a tarde e non había; miramos outros voos e non había; só nos quedou ir a preguntar a unha compañía de alquiler de vehículos se había coches dispoñibles". Alí puideron atopar.

Tiveron que coller o que quedaba e facendo a reserva nese mesmo momento, sen antelación, os gastos foron moi elevados. En concreto, Rocío e Sergio alquilaron un pequeno Hyundai i10 por nada menos que 350 euros durante 24 horas, sumando a ese prezo o custe da gasolina, que supuxo outros 80 euros. "O peor foron as seis horas de coche que tivemos que facer para poder chegar a Galicia", asegura Rocío, que explica que, como só almorzaran pero non comeran, tiveron que parar tamén a comer polo camiño. "Ao ser dúas persoas turnámonos para conducir e fixemos paradas para ir repostando gasolina e descansar", pois hai que recordar que o viaxe de Madrid a Santiago por estrada son unhas seis horas. Finalmente, conseguiron chegar a Galicia ás doce da noite, case doce horas máis tarde do previsto, agotados e con menos cartos no peto.

"Agora mantémonos á espera de que nos reembolsen uns 430 euros que puxemos nós do noso peto ante unhas circunstancias que non formaban parte da nosa viaxe", lamenta Rocío, que, con todo, considérase afortunada, pois "grazas a deus tiñamos os cartos", porque "había xente moza que ía no mesmo voo que non tiña eses cartos para poder alquilar un coche e tivo que chamar aos seus familiares para que lles puidesen facilitar os cartos e chegar a casa". Só esperan que a compañía cumpra coa súa palabra e lles devolva todo o invertido, "pero, ao mesmo tempo, sabemos que vai ser un proceso lento e largo, e tampouco estamos realmente seguros ao 100 % de que nos vaian devolver todos os gastos". "Para eles, semella que con ter aterrizado o avión era suficiente, logo o problema para poder regresar á casa era teu", conclúe Rocío, moi disgustada pola forma en que se resolveu a incidencia e as deficientes comunicacións da aeroliña cos pasaxeiros, aos que se lles deixou, literalmente, tirados.

Exterior do aeroporto de Santiago de Compostela
Exterior do aeroporto de Santiago de Compostela | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta