Denuncian que tentan continuar as obras do parque eólico do Acibal a pesar da suspensión decretada polo TSXG

Foron detectadas varias maquinarias pesadas tentando traballar de noite. Desde a empresa apuntan que son traballos "de mantemento".

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 08/11/2023 | Actualizada ás 21:42

Comparte esta noticia

As obras para construír o parque éolico do Acibal semella que continúan a pesar da sentenza do Tribunal  Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que ordenou a suspensión cautelar a súa execución o pasado 24 de outubro.

Maquinaria pesada supostamente tentando traballar no parque eólico do Acibal, paralizado polo TSXG
Maquinaria pesada supostamente tentando traballar no parque eólico do Acibal, paralizado polo TSXG | Fonte: remitida

Segundo fontes consultadas por Galicia Confidencial, a veciñanza detectou que durante a noite do martes e a madrugada deste mércores, maquinaria pesada tentou aceder ao parque polo que avisaron ao Concello de Barro. Desde o consistorio puxeronse en contacto coa empresa concesionaria, Norvento, para lembrarlle a imposibilidade de realizar nada nos terreos onde está proxectado ese parque logo da sentenza do TSXG. Tamén chamaron ás autoridades competentes para informar do acontecido.

Segundo estas fontes, Norvento argumentou que están a facer labores "de mantemento" e non están a realizar ningún novo traballo. Con todo, fontes veciñas amosaron fotos que, din, "demostran que montaron o armazón do muíño do Coto do Mouro".

SUSPENSIÓN CAUTELAR

O TSXG suspendeu en outubro de forma cautelar a execución do parque eólico Acibal --cuxas obras xa comezaran--, que se sitúa nos termos municipais de Barro, Campo Lameiro e Moraña.

A sección terceira da sala do contencioso-administrativo acolleu a pretensión da asociación Ecoloxistas en Acción Galiza e suspendeu, sen caución, a execución da resolución da Xunta que lle outorgou á empresa Norvento a autorización administrativa previa e a de construción das instalacións, á vez que declarou a súa utilidade pública e a súa compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta