Eólicos e economía circular, hai posibilidade de reciclar os muíños de vento?

A reciclaxe dos compoñentes dun muíño eólico supón a reutilización dun 70% dun destes enxeños. Desde o uso na industria do metal, pasando pola reutilización de pezas mecánicas e eléctricas como recambios para outros muíños, até o uso das pas como pezas de construción naval ou reciclaxe para novos materiais. A UE está traballando nun marco legal para esta reciclaxe.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 11/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A economía circular busca darlle unha segunda vida aos elementos que chegaron á fin do seu ciclo útil. Búscase unha nova alternativa, senón ao produto completo, si polo menos a diferentes partes que o compoñen. Actualmente, a repotenciación dos parques eólicos precisará da retirada de muíños para seren substituídos por outros de maior envergadura e que reúnan nun só motor a potencia de todos os retirados. A pregunta está en que facer coas máquinas retiradas. Certo que uns elementos como son os metálicos poden ser refundidos na industria metalúrxia, os aceites deben ser tratados e as partes mecánicas poden ser colocadas en mercados de segunda man ou fundidas, o problema está nas pas dos muíños. Que facer con elas? As propostas para o seu tratamento van desde a súa desintegración para crear cementos e formigón, ser cortadas para crear cascos de embarcacións ou, o máis difícil, desintegrar capa por capa as compoñentes e reutilizalas noutras actividades. Dentro deste punto están iniciativas como GIRA Wind que conta co apoio de varias entidades tanto públicas como privadas

Xeradores eólicos.
Xeradores eólicos.

INICIATIVAS

Manuel Pazo, da Asociación Eólica de Galicia, sinala que aínda sendo Galicia pioneira na utilización da enerxía eólica dentro de España, no hai unha infraestrutura que permita unha completa reciclaxe dos muíños. Existen dous proxectos a nivel estatal, dúas factorías coa capacidade de reciclar as diferentes partes dos eólicos, sobre todo as pas, o máis difícil de reconverter”. En tal caso, ningunha de ditas factorías estaría en Galicia, aínda máis, a actual situación política en España freou unha serie de orzamentos destinados tanto á repotenciación dos polígonos eólicos como as iniciativas para a reciclaxe.

Unha das iniciativas presentadas é GIRA Wind, ligada á compañía Naturgy. Entendendo as novas esixencias da UE que prohibirán a partir de 2025 depositar pas de eólicos en vertedoiros, o obxectivo é a reutilización integral do aeroxerador, ben para uso directo na repotenciación dos novos muíños ou como pezas de reparación. “Este traballo suporá unha fonte de ingresos ademais dos beneficios medioambientais” apunta desde GIRA Wind, tendo en conta que entre 2023 e 2023 España deberá desmantelar 10 GW de potencia eólica para renovar os seus parques.

Sobre a perspectiva do proxecto en relación á economía circular en GIRA Wind, a idea é aproveitar para darlle unha segunda vida aos aeroxeradores completos. “Esta visión de economía circular permitirá tamén o alongamento da vida útil das turbinas en explotación, grazas a un novo mercado de repostos reacondicionados que para algunhas tipoloxías e fabricantes de aeroxeradores, son difícil ou imposible de conseguir”. Estes últimos son os elementos son os máis valiosos pois son difíciles de encontrar a nivel de recambio para algunhas turbinas, pois algunhas quedaron obsoletas e no mercado non hai posibilidade de mercar pezas de nova fabricación.

Repotenciación Naturgy Cabo Vilano
Repotenciación Naturgy Cabo Vilano | Fonte: Naturgy

GiRA Wind inclúe a participación de Ruralia, holding industrial da Caixa Rural de Soria, Posteléctrica Fabricación, do sector da reciclaxe de materiais, a Junta de Castilla e León e Fuso 29 Renovables, dedicada á instalación e mantemento de parques eólicos. Durante os últimos anos tamén colaborou o Centro de Desenvolvemento de Enerxías Renovables (CEDER), dependente do Centro de Investigacións Enerxéticas, Ambientais e Tecnolóxicas (CIEMAT). No proxecto aparecen ademais as universidades de Alacante, Valladolid e Zaragoza; coa Fundación CIRCE e o Centro Tecnolóxico CARTIF, ademais de con distintas consultoras e enxeñerías. Un dos proxectos é a creación dunha factoría de tratamento para reciclaxe de eólicos en Castilla y León debido a que é a autonomía con maior número de parques deste tipo de polígonos.

AS POSIBILIDADES PARA A I+D+i

Preguntado sobre se este tipo de tratamento suporía un avance para o I+D+i galego, Manuel Pazo apunta que “desde logo que si, sen dúbida, e tamén supón un avance para outras áreas aínda sen explorar e á parte está que, tendo os parques máis antigos de España, fomos dos primeiros en aplicar técnicas de mantemento e reparación no mesmo lugar onde estaban instalados os muíños”. Mais se concretamos o desenvolvemento de proxectos que poidan materializarse nun período de tempo razonable, Pazo apunta que “debemos contar con outras autonomías para a reciclaxe ademais de que queda un camiño de tres a cinco anos para actualizarnos nesta área”.

A insistencia no apartado de I+D+i vén ligada á dificultade de reciclar as pas dos aeroxeradores, pois están compostos de materiais como fibra de vidro e outros elementos que, polo de agora, non teñen unha saída clara aínda que a UE, como se apuntou, prohibirá o almacenamento das pas. A acumulación destas pezas non suporía un perigo biolóxico para o medioambiente debido a que tanto a fibra de vidro como o resto de compostos sintéticos non son degradables mediante cambios de temperatura ou choiva.

Tal como explican desde GIRA Wind, en todos os procesos de reciclaxe hai unha porcentaxe de rexeitamentos e materiais non recuperables. Con todo, practicamente o 100% das partes metálicas é reutilizable, reacondicionable ou reciclable. “Con respecto ás madeiras, hai unha parte delas que se consome nos procesos químico e térmico, pero co proxecto GIRA Wind aspiramos a recuperar un 70%”. Estas madeiras poderían destinarse á construción ou para a fabricación de mobles. Por outra banda, as fibras de vidro poderanse comercializar en sectores naval ou automóbil, ou mesmo na fabricación de materiais de construción como o formigón ou o asfalto.

Así e todo, será necesario esperar un período de tempo para que a investigación e a evolución de tecnoloxías e tratamentos sexan óptimos para unha reciclaxe do 100%. Isto inclúe os niveis de recuperación do material e a eficiencia do proceso. Porén, os prazos da UE e a necesidade de ter tecnoloxías eficaces para a reconversión e reutilizacion de materiais, están acelerando procesos de investigación que poderán desenvolver novas industrias co obxectivo de crear retorno desde o investimento inicial que foi a instalación de muíños eólicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Son wu

Sendo como é evidente a súa contaminación e destrución o que teríamos que evitar e a súa instalación masiva no noso país. Non? Non poñernos a pensar en como reciclamos logo. Para que o descoñeza o noso país xa posúe 182 polígonos industriais.