A Xunta saca 1.102 prazas de emprego público: bombeiros, veterinarios, psicólogos, biólogos ou economistas

Delas, 606 serán de acceso libre. O resto será de promoción interna e funcionarización.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/11/2023 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia ofertará un total de 1.102 prazas de emprego público, das que 606 --o 55%-- serán de acceso libre, 309 de promoción interna e 187 para seguir avanzando no proceso de funcionarización do persoal laboral fixo pactado no acordo asinado en 2019 entre a Xunta e os sindicatos CC.OO. e UGT.

Recinto feiral de Silleda durante unhas oposicións do Sergas
Recinto feiral de Silleda durante unhas oposicións do Sergas | Fonte: XUNTA - Arquivo

Diso informou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que detallou que o Consello deu este xoves luz verde ao decreto correspondente á Oferta de Emprego Público da Administración Xeral de Galicia para o ano 2023.

"Un ano máis, con esta OPE, esgotamos a taxa máxima de reposición de efectivos que nos permite a Administración xeral do Estado", dixo Rueda, que explicou que no prazo máximo dun mes a Xunta prevé fixar as datas da convocatoria dos exames para que as persoas que preparan as oposicións teñan unha orientación "o máis aproximada posible" de cando empezaría o proceso selectivo.

PRAZAS DE ACCESO LIBRE

O presidente detallou que máis da metade das prazas de acceso libre, unhas 334, serán para a selección e incorporación de persoal no ámbito da loita e prevención dos incendios forestais --181 na categoría de bombeiro forestal; 75 na de bombeiro forestal condutor; 71 na de xefe de brigada--.

Outras 94 prazas serán para administración xeral (corpo superior, de xestión e administrativo, persoal subalterno...); dez para reforzar o persoal do Igape e o Instituto para o Control do Medio Mariño en Galicia (6); e 168 para administración especial nas que destacou, entre outras, 40 prazas para a escala de axentes técnicos en xestión ambiental; 30 na de veterinarios; 25 na de auxiliares de clínica, entre outros.

A todas estas prazas de libre acceso poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias.

PROMOCIÓN INTERNA

As prazas de acceso libre súmanse a outras 300 prazas para a promoción interna do persoal funcionario, un dos procesos reservados a empregados públicos que xa son funcionarios e que poden conseguir un ascenso ou promoción profesional a postos de traballo de maior responsabilidade e retribución. Ademais, engádense outro nove prazas para a promoción interna nos entes instrumentais.

Por último, inclúense 187 prazas para continuar co proceso voluntario de funcionarización do persoal laboral fixo. Estas probas non teñen carácter competitivo, senón que permiten modificar o réxime xurídico do traballador, que pasa de ser empregado laboral fixo a funcionario de carreira da Administración.

Pola súa banda, a reserva de prazas para persoas que acrediten discapacidade nesta oferta de emprego público alcanza o 11,25% do total de vacantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta