Cren vostedes nas princesas?

Nestes días de acontecementos importantes na liña sucesoria da Coroa española, propoño con esta columna unha reflexión sobre a pertinencia das monarquías no momento presente, a partires de valores democráticos e dunha simetría nas obrigas e nos dereitos, rexeitando o berce como forma de provisión desta maxistratura do Estado. Porque estamos no século XXI, onde o carácter divino ou case máxico na provisión dos monarcas está amplamente superado... ou non?

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 10/11/2023

Comparte esta noticia
Nas princesas non se pode non crer porque “habelas, hainas”.  Pero cando eu lles pregunto a vostedes se cren nelas ou non, non quero dicir se acreditan a súa existencia ou non é así. Ao que me refiro, como terán suposto xa, é a se son dos que defenden, xa ben entrado o século XXI, modos pretéritos baseados na diferenza por razón do berce de cada quen ou se, polo contrario, preferirían outra forma de provisión de tan alta maxistratura como é a xefatura do Estado. Eu, como xa tiven ocasión de comentar en distintos foros desde hai tempo, son dos que pensan en voz alta que non hai razóns xa para o mantemento dunha institución baseada en tales vimbios. O artigo de hoxe trata de poñer en común con vostedes algunhas ideas ao respecto. Xa me dirán...
 
O certo é que o vector paterno-filial ou o materno-filial non son garantes nin de capacidades nin de valores. Algúns dos monarcas que a Historia nos deixou foron grandes estadistas, mentres que os seus fillos tiñan todas as características de seren uns mamalóns. Do mesmo xeito aconteceu ao revés: monarcas desastrosos deron unha descendencia moi boa desde moi diferentes puntos de vista. É por iso que o estabelecemento e mantemento dunha saga reinante é algo, cando menos, pintoresco, e que non aporta aos mellores para tal cometido. E diso ten aportado a Historia moi bos exemplos...
 
Pero penso que o máis importante que debemos preguntarnos cando reflexionamos sobre a pertinencia ou non das monarquías ten que ver coa súa propia esencia. E é aquí cando a lóxica do pasado decaeu xa totalmente hai moito tempo. Por que? Porque hai séculos os monarcas existían pola gracia de Deus. Porque era Deus, no relato do momento, o que os facía diferentes e ata superiores, tocándoos co seu cetro e designándoos como tal. Hoxe todo iso está xa moi superado, e os monarcas non teñen nin deben ter tal consideración case divina nun Estado moderno e laico. Así as cousas, os motivos do seu mantemento son o da tradición, do boato representativo ou pouco máis... Ou tamén a herdanza que xurde directamente do ditador, como no caso que máis nos concirne. Non esquezamos que a restauración da monarquía española é unha condición que Franco pon, cando o réxime previo, interrompido polo seu golpe de Estado, é unha República. Ademais diso, é tamén Franco e o seu entorno o que impón a Juan Carlos I como Rei, e non ao seu pai, ao que lle tocaría en tal hipotética lóxica o trono.
 
Despois diso, a vida foi seguindo no noso país, que acometeu unha enorme modernización que, pese a todo, aínda nos ten a anos luz dos países do noso entorno en moitas das cuestións que atinxen á cidadanía responsable e á boa praxe democrática, por exemplo. E, para min, un deses temas pendentes que non acadan demasiada presenza nos medios e na axenda pública é precisamente a chegada dunha nova etapa, despois dunha nova transición suave e tranquila, na que a tutela da monarquía deixe paso a unha sociedade moito máis moderna sustentada nunha Xefatura do Estado elixida democraticamente, desde un amplo consenso, pola propia sociedade. Unha Xefatura do Estado moito máis simple, máis barata, que se poida revocar en calquera momento e non de carácter vitalicio, e que obviamente non pase de pais a fillos ou fillas. Unha Xefatura do Estado moderna, á altura do que o país precisa en termos de maior democracia.
 
Digo todo iso -mirando ao mar- desde a convicción máis profunda, baseada en ideas de simetría nos dereitos e nas obrigas, así como no rexeitamento de que alguén poida ser máis ou ter un papel diferente por ter nacido nunha familia o noutra. Non o digo polo desastroso final do reinado anterior, cun monarca hoxe autoexiliado nunha ditadura que non respecta os dereitos humanos, e involucrado en diferentes escándalos, empezando pola virtualidade e artificialidade do mesmo concepto de “familia real”, que non foi tal durante décadas, e terminando polos diferentes episodios de presunta corrupción. Non o digo por iso senón polas anteriores razóns máis orientadas á esencia das cousas, aínda que tal mala praxe tan recente tamén pode ser unha razón de peso para rexeitar estas curiosas fórmulas de provisión dunha xefatura de Estado moderna. Pero é o que ten poñer ás persoas e ás súas veleidades, circunstancias, teimas e problemas no cumio da sociedade “porque si”, e non optar por unha dinámica democrática e representativa que lles dea moita maior lexitimidade. É o que penso.
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”
 

A princesa Leonor saúda ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda
A princesa Leonor saúda ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda | Fonte: A.Ortega.POOL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.