Nilufar Saberi: "Hamas é unha creación de Israel, mais recibe financiamento e apoio do réxime teocrático de Irán"

Nilufar Saberi é unha activista iraniana exiliada do seu país desde 1980 logo da chegada do réxime dos aiatollahs. Nunha xira por Galicia deu conta da vulneración dos dereitos humanos sobre a muller en Irán. Despois da morte de dúas mozas por desafiar as leis sobre vestimenta, a sociedade iraniana protesta contra un réxime teocrático que é acusado internacionalmente de financiar grupos terroristas extremistas.

Por Moncho Mariño | Santiago | 14/11/2023 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

Nilufar Saberi, activista pro dereitos humanos en Irán
Nilufar Saberi, activista pro dereitos humanos en Irán | Fonte: EP

O motivo e a mensaxe son os mesmos que iniciei en 2009, denunciar a situación e a falta de dereitos para nenas e mulleres dentro do réxime teocrático de Irán, isto dentro da violación dos dereitos humanos dentro da teocracia islamista iraniana. A represión é brutal, por exemplo, Amnistía Internacional leva denunciando estes feitos desde hai décadas sen que a opinión pública nin as potencias a nivel gobernamental prestasen atención ningunha. Agora, co nacemento da revolución 'Muller, Vida, Libertade' cuxa orixe está no asasinato de Mahsa Amini por parte da policía do estado, podemos dicir que o mundo está vendo a situación dentro da teocracia islamista de Irán desde 1979. Agora hai máis interese en escoitarnos aos e ás activistas para contar a realidade do pobo iraniano.

-Cando falas de teocracia defines un goberno cunha base legal baseada só nos principios relixiosos da fe musulmá?
Si, estamos falando dunha ditadura relixiosa islamista e que non garda relación coa relixión musulmá que practican 1.800 millóns de persoas no mundo. En Irán falamos dun islam político, un extremismo relixioso que ten por obxectivo a xihad, a guerra santa, para conquistar o mundo enteiro, impoñer a súa ideoloxía extremista. Ese é o obxectivo dos homes musulmáns, ser soldados de Alá. De feito temos o grupo paramilitar Hizbulá (O Partido de Deus) creado polos islamistas iranianos destinados no Líbano e ten por premisa que debe ser o único partido con dereito a existir. O único camiño para un musulmán deboto extremista é ser soldado de deus e invadir os demais países para gobernalos, non só os países musulmáns senón todos os países, tanto é así, que o extremismo desde 1979 está avanzando. O maior triunfo para un extremista é morrer por Alá durante o camiño da guerra santa.

“Desde o asasinato de Mahsa Amini por parte da policía do estado, podemos dicir que o mundo está vendo a situación dentro da teocracia islamista de Irán nacida en 1979”

-A muller entón non ten papel ningún dentro desta guerra santa?
O papel da muller é ser unha máquina procreadora de soldados islamistas e estar ao servizo dos soldados varóns para que poidan cumprir o seu propósito.

Nilufar Saberi
Nilufar Saberi | Fonte: EP

-As mulleres poden acceder a estudos universitarios en Irán, por exemplo?
Cando os islamistas chegaron ao poder todas fomos despedidas dos nosos traballos, pecharon xardíns de infancia, impuxéronnos un código de vestimenta islamista. Menos o dereito ao voto, quitáronnos todos os dereitos. E para votar, só podes votar aos seus candidatos que son todos islamistas. Fomos marxinadas e pasamos a ser propiedade do noso titor masculino, pai, irmán, tío, avó, etc., e o noso papel é ser boas nais e esposas. No caso do matrimonio infantil baixaron a idade de casamento até os nove anos, pois o seu profeta casou cunha nena mais consumou o matrimonio cando a nena tiña nove anos. Entón, aos nove anos unha muller xa é apta para casar. Despois de moitas protestas, subiron a idade nupcial aos trece anos para as mulleres e aos 15 para os homes. Aínda así, solicitando un permiso ao tribunal islamista podes casar unha nena á idade que se queira. A loita das mulleres en Irán durante máis de corenta e catro longos anos imposibilitou inculcar o seu ideal islamista, pois se non fose pola nosa loita e apoiadas polos nosos homes, maridos, avós e irmáns, estariamos peor que as afganas.

“O único camiño para un musulmán deboto extremista é ser soldado de deus”


-Cales son as diferenzas entre o que sucede coa muller en Irán e Afganistán?
A ideoloxía é a mesma mais a diferenza está en que a teocracia islamista de Irán é xiita e os talibán son sunnitas. Con todo, a ideoloxía extremista é a mesma. Mesmo co noso sangue temos aberto camiños para a muller en Irán. Isto é así porque a porcentaxe de mulleres estudantes na universidade é maior que a dos homes, de aí vén a aplicación dunha discriminación positiva cara eles. Cada ano aparece unha listaxe de carreiras onde nos podemos matricular as mulleres, así, primeiro están os cupos para homes e despois estamos nós. Ademais, cada ano cambian a carreira á que podemos acceder. Non temos libertade de elección coma antes, pois antes da chegada dos islamistas, a muller non tiña teito polo feito de ser muller, eramos un país destacado en materia de igualdade, mesmo existía o dereito a abortar. O único que rompía ese desenvolvemento social era a legalidade da poligamia. O último rei de Irán, o sha, non puido eliminar este costume pois os islamistas alegaban que a poligamia forma parte do islam, pois o profeta tiña moitas mulleres, mesmo concubinas, escravas. Agora isto tradúcese en matromonios temporais porque en Irán un home pode casar de maneira indefinida con catro mulleres ao mesmo tempo e en paralelo, pode ter un amplo número de concubinas mediante o matrimonio temporal. Estes emparellamentos poden durar desde unha hora a noventa e nove anos de unión, é un contrato entre dúas partes. O goberno di que non hai prostitución, mais aqueles que non somos islamistas consideramos que a ideoloxía islamista ten a súa propia estructura de prostitución, o matrimonio temporal, onde si ou si, hai un intercambio económico.

“En Irán existen os matrimonios temporais que van desde unha hora a 99 anos de duración pois o profeta tiña moitas concubinas”

-Aínda así, o simple feito de seren permisivos co acceso de mulleres ás carreiras universitarias, non é contradictorio cos postulados do goberno?
Si, desde logo que si. Á parte direi que o goberno favorece con políticas de beneficios sociais ás mulleres casadas e con fillos mentres castiga fiscalmente ás mulleres solteiras, sen fillos, ou casadas con poucos fillos. Por exemplo, para acceder a un posto laboral ten preferencia un home a unha muller, logo ten preferencia a muller casada e con fillos. Non hai mulleres en postos de responsabilidade porque din que Occidente hai maltrato sexista por obrigalas a traballar moitas horas fóra da casa e privándoas da súa misión sagrada, ser nai e esposa. Por iso non permiten a presenza de mulleres en postos de traballo onde sexa necesario estar moitas horas, segundo os islamistas, para protexela, coidala e así poida adicarse ao que ela quere. Dentro da universidade temos un 60% de mulleres mais no mercado laboral non chega ao 15% a súa presenza en postos cualificados.

-Normalmente cal é a idade media en que as nenas deixan os estudos?
En Irán todo depende do titor varón da nena. O 90% das familias permiten por igual que a filla ou fillo estuden, non hai un límite como en Afganistán que son os 12 anos. Normalmente, as mulleres poden facer actividades de maneira legal, mais se estou dentro dunha familia extremista, todo depende do varón titor.

-Sobre estes postulados, existe influencia do réxime iraniano sobre outros países musulmáns en canto postulados extremistas?
Si, en todos os países musulmáns houbo un retroceso sobre os dereitos da muller. Podemos falar de Exipto, Túnez, Alxeria, Palestina, Irak e Turquía como lugares onde aumentou o extremismo dentro da súa poboación. Nalgúns casos non houbo cambios legais con todo, a sociedade fíxose máis extremista e limitan máis ás mulleres.

-Irán está detrás de todos estes cambios noutros lugares de maioría musulmá? Patrocina movementos extremistas e pide reformas a cambio?
Os extremistas iranianos caeron sobre petróleo, sobre gas e minas. Usan os recursos naturais de todos para os seus obxectivos. En Irán hai xente que pasa fame desde hai tempo. Usan os recursos procedentes das materias primas para financiar grupos terroristas extremistas alí onde hai musulmáns. Compran musulmáns polo mundo adiante, especialmente en América Latina e en África. Pagan un salario mensual por converterse e vivir segundo as normas do islam.

-Como é posible que patrocinen grupos extremistas islamistas en América Latina?
Porque hai pobreza. Ademais, usan o seu aparato de propaganda para falar mal de Occidente, do seu colonialismo ou do mal que levou a outras partes do mundo. Todo isto está levedando entre xente moi nova, mesmo entre xente nova occidental. A proba foi cando moitas mulleres e homes occidentais se alistaron ao Daesh en Siria. O sistema de propaganda grazas ao seus recursos económicos, hoxe en día non hai quen poida igualalos.

“Os extremistas iranianos caeron sobre petróleo, sobre gas e minas. Usan os recursos naturais de todos para os seus obxectivos”

-Poden participar nas forzas armadas ou na policía?
Non poden ser militares mais si poden ser policías da moral e gardas do 'hiyab'. Eu sempre digo que o único bo dentro desta desgraza histórica para Irán é que as familias islamistas extremistas permitiron saír ás súas mulleres das catro paredes dos seus domicilios. O extremistas existiron sempre mais sendo minoritarios, as familias extremistas poden ter unha filla dentro da súa casa desde que nace até que morre, é propiedade do varón. Os islamistas denominaban corrupto o réxime do sha, e as mulleres pouco máis que se desenvolvían nun mundo de prostitución, mais a pesar do actual réxime extremista, abriuse un pouco a man permitindo que as fillas saian á rúa, que estuden, vexan mundo e poidan ser policías da moral recibindo unha formación. Desde logo que é infame ser policía para degradar outras mulleres, mais as policías da moral xa saíron das catro paredes da casa aínda sendo grazas a unha ideoloxía extremista. Con todo, vai ser moi difícil que estas axentes da moral volvan deixarse pechar entre catro paredes, o mesmo que as mulleres que non somos islamistas.

“O goberno favorece con políticas de beneficios sociais ás mulleres casadas e con fillos mentres castiga fiscalmente ás mulleres solteiras, sen fillos, ou casadas con poucos fillos”

-Como é a atmosfera dentro do país logo da morte de Mahsa Amini por parte da garda da moral? Hai desánimo, a oposición segue adiante e se o réxime pode ser derrocado?
O réxime vai ser derrocado, desde logo que si, xa non hai volta atrás, non pode ser doutra maneira. Todas as dictaduras teñen unha vida moi semellante, sobre as catro décadas e o réxime iraniano durou moito, mesmo para os tempos de Internet. Isto é así debido ao asasinato de Mahsa Amini marcou un antes e un despois, nada volverá ser igual. Agora xa loitamos con máis forza, xa tanto nos ten. Caemos na conta de que non podemos vivir debaixo das botas do extremismo islamista. Queremos unha democracia secular, a relixión que fique na mesquita e nas casas, mais non na rúa, non na lei ou no goberno. A primeira revolución mixta da humanidade, 'Muller, vida e libertade', pois os nosos homes saen canda nós á rúa para pedir igualdade para as mulleres, esa revolución non ten freo, pode tardar máis ou menos e mesmo pode cambiar de forma. O ano pasado durante moitos meses a xente saía á rúa baixo disparos de fogo real e até o de agora calcúlase que foron asasinadas máis de 600 persoas desarmadas e máis de 500 persoas foron cegadas con disparos de postas nos ollos. Por outra parte, case un 10% destas persoas asasinadas e cegadas son menores de idade. Porén, agora mesmo cambiamos a nosa maneira de protestar, estamos indo máis polo camiño da desobediencia civil, saíndo á rúa sen velo, xongado coa nosa vida, como fixo Armita Geravand, a nena de 17 anos asasinada no metro de Teherán por unha axente da policía da moral. Esta axente forma parte dun grupo de 400 mulleres policía son denominadas “gardas do hiyab”, e o seu labor é reprimir outras mulleres se non usan o hiyab.

-E os homes como protestan cando saen coas mulleres á rúa?
Os máis novos van en bermudas, camisolas de tiras e con pelo longo, aínda que non o pareza, é algo desafiante. Os homes deben levar manga longa, a roupa non lles debe quedar pegada ao corpo. Está prohibido cantar e bailar en público, sobre todo as mulleres, pois aínda así, van aos parques tocar instrumentos para cantar e bailar. Decidimos resistir e loitar contra o escurantismo dos islamistas.

“Dentro da universidade temos un 60% de mulleres mais no mercado laboral non chega ao 15% a súa presenza en postos cualificados”

-Que é a Garda Revolucionaria?
Irán ten un exército mais está desprazado e sen moitos medios, por iso o país está en mans do líder supremo e da Garda Revolucionaria leva todos os recursos. Este corpo foi creado por Homeini para protexer a teocracia islamista, non aos iranianos. Ao exército téñenlle medo, por iso está debilitado. Esta Garda é unha mafia armada. O tráfico de drogas desde Afganistán pasa por Irán e deixan unha parte no país para que a xente nova estea drogada. Unha cantidade considerada aquí para consumo persoal, alí é tráfico de drogas e a condena é a forca. Isto non afecta aos xefes da mafia que son da Garda Revolucionaria.

-Hai un líder supremo e tamén un primeiro ministro. Como se elixe o primeiro ministro?
En Irán só se poden presentar como candidatos para primeiro ministro homes musulmáns e que cumpran requisitos relixiosos e sen relación ningunha co anterior sistema monárquico. Aínda que son poucas esixencias, exclúen a gran parte da poboación como as mulleres. Ademais, quen presenta a súa candidatura ten que pasar por un consello de sabios para valoraren se é apto ou non como candidato. O consello de sabios só escolle catro ou cinco candidatos como moito, mais todos islamistas. A xente tentaba elixir o candidato máis moderado, aínda que ao final, non sabemos como, acaba saíndo o máis conservador, aquel que lle cadra mellor ao líder supremo. Isto fixo que en 2009 houbese un movemento de protesta, “A Onda Verde”. Denunciaban fraude nas eleccións pois a maioría votara ao máis moderado e con todo, acabou como primeiro ministro Ahmadineyad, o máis conservador. Alén diso, o primeiro ministro só fai aquilo que lle di o líder supremo máis a Garda Revolucionaria. É o líder supremo quen elixe o presidente do poder xudicial e o ministro de Medios de Comunicación, por exemplo. O líder supremo é quen ten o poder absoluto, mesmo pode facer dimitir o primeiro ministro. Desde Irán queren o recoñecemento como sistema lexítimo mentres en Afganistán non lles importa o que pense o mundo.

“Os extremistas iranianos caeron sobre petróleo, sobre gas e minas. Usan os recursos naturais de todos para os seus obxectivos”


-Antes falabas de Hizbulá, apoiado por Irán. O que sucede en Gaza tamén está relacionado coas prácticas que realiza o réxime teocrático?
Totalmente. Hamas é unha creación de Israel para romper a unidade palestina que ten o seu propio goberno democrático. Ambas as dúas partes acabaron loitando entre eles. Hamas está financiado pola teocracia iraniana, e este grupo terrorista é o peor inimigo do pobo palestino porque lles importa ben pouco ademais de usalo como escudo humano para protexerse eles. Os xefes de Hamas recoñecen ter recibido adestramento do réxime iraniano. Cada vez que van a Irán saen con maletas con millóns de dólares desde hai moito tempo. Apoiar extremistas islamistas é un perigo e ao mellor dentro de 30 anos podemos pagalo moi caro, pois será a relixión máis seguida, e só por número, haberá un número de votos importante de islamistas radicais en moitos países. Seguramente nos acusen de islamófobos, mais se eu acollo a alguén non podo permitirlle que me esixa o respecto ás súas normas e impor as súas normas. Se seguimos sendo tan inconscientes do que vén, viviremos un inferno como leva vivindo Irán desde hai corenta anos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta