(Vídeo) Ecoloxistas anuncian novas accións penais contra a Xunta tras ocupar a mina de San Fins

Integrantes de Ecoloxistas en Acción e mariscadoras ocupan as instalacións da mineira en protesta polos vertidos con metais pesados. A Xunta manda un requerimento á empresa para a execución dunha depuradora para o tratamento das augas residuais industriais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/11/2023 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

Varias ducias de mariscadoras e mariscadores xunto con membros de Ecoloxistas en Acción e da plataforma comarcal contra as verteduras da mina de San Fins ocuparon durante a xornada do luns as instalacións da mina, en Lousame, para esixir responsabilidades polos vertidos continuados con metais pesados. Durante a acción de protesta despregouse unha enorme pancarta de 40 metros de lonxitude demandando o fin da impunidade da mina, que nos últimos meses leva vertendo 50.000 litros por hora de augas contaminadas con cadmio, cobre e cinc.

Ocupan as instalacións da mina de San Fins para pedir o fin da 'impunidade' do sector mineiro
Ocupan as instalacións da mina de San Fins para pedir o fin da 'impunidade' do sector mineiro | Fonte: Ecoloxistas en Acción San Finx

Cofradías e ecoloxistas levan anos esixindo que se obrigue á empresa Tungsten San Fins a adoptar medidas para impedir os vertidos. Medidas como o selado das galerías de desaugue, así como a reinundación da mina para minimizar a formación de drenaxes ácidas, pero o desleixo da Xunta ven permitindo que se manteña a situación actual.

Por outra parte, na acción tamén se demandou a revogación inmediata da autorización de verteduras outorgada por Augas de Galicia o pasado xaneiro, e que implicaría o vertido de case 1.000 millóns de litros anuais de drenaxes de mina. “A empresa carece de capacidade técnica e solvencia económica para poñer en marcha unha actividade que poría en risco a millares de postos de traballo na ría de Muros e Noia, situada a apenas 7 km augas abaixo”, explican Joám Evans e Rogelio Santos, voceiros da plataforma comarcal.

Ecoloxistas lembra nun comunicado que Augas de Galicia xa constatou o pasado mes de agosto, logo das denuncias dos colectivos da plataforma comarcal contra as verteduras, que os niveis de cadmio xusto abaixo das balsas nas que se realizou a protesta superan 78 veces o valor máximo permitido pola lexislación. O mesmo sucede para outros metais pesados como o cobre ou o cinc, para os que se superan 48 veces e 8 veces respectivamente os valores máximos permitidos.

Pola súa parte, Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción, anunciou que desde a súa organización emprenderán novas accións penais por presuntos delitos de prevaricación, desta vez contra varios funcionarios e altos cargos da Consellería de Economía e Industria, logo de que a finais de 2020 actualizaran ilegalmente o plan de restauración sen o preceptivo trámite de información pública e excluíndo os principais pasivos ambientais da mina.

AUGAS DE GALICIA


A Xunta, a través de Augas de Galicia, iniciou o procedemento de revogación de autorización á empresa Tungsten --que opera na mina de San Fins para a execución dunha depuradora para o tratamento das augas residuais industriais, ao detectar o incumprimento dos requisitos establecidos.

Segundo informan a Europa Press fontes da Xunta, xa lle comunicou esta decisión á empresa e estableceu un prazo de 10 días para que poida presentar as alegacións que estime oportunas con relación a este procedemento. A Xunta sinala ademais que realizou unha nova inspección ás instalacións da mina e confirmou que "seguían sen cumprirse as condicións establecidas na autorización outorgada", o que supón "unha desatención dos requisitos realizados desde Augas de Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta