Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 28/11/2023 | Actualizada ás 22:00
Día tras día lemos nos medios de comunicación novas relativas á incautación de propiedades de grandes, medianos ou pequenos narcotraficantes. Pero intervir non é o mesmo que expropiar ou decomisar, pois mentres o caso aínda está nos xulgados á espera de sentenza estes criminais poden seguir desfrutando dos seus inmobles, mercados cos cartos obtidos a base de traficar cunha substancia ilícita que causou e segue a causar centos de mortes en Galicia. Ata 15 anos poden pasar dende que se lles 'pilla' ata que quedan sen eses bens. E é que os xulgados están saturados con tantos casos que os xuízos van moi lentos e prolónganse durante moitos no tempo.
"Temos que darlle un xiro a esta situación e cambiala, pero para iso fai falta tomar decisións valentes, poñer medios e ter determinación", considera o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Fernando J. Alonso, que asegura que "fan falta tanto máis medios humanos como cambios nas leis que manexan os patrimonios" destes grandes narcotraficantes, algo que podería solucionarse se se creasen xulgados especializados no narcotráfico, como os que existen para loitar contra a violencia de xénero, debido "á complexidade do asunto e ás múltiples ramificacións que presentan as macrocausas".
Un bo exemplo desta situación de atraso é caso de Josefa Charlín, filla primoxénita de Manul Charlín, que está sendo xulgada pola Audiencia Nacional xunto a outros oito membros do clan dos Charlines, aínda que o principal investigado na causa era o capo da droga e patriarca da familia, Manuel Charlín, que faleceu no 2021. Ademais de meter en prisión e condenar con multas a estas persoas, interesa o decomiso definitivo en favor do Estado da totalidade dos elementos patrimoniais que se usaron para posibilitar o branqueo dos cartos logrados co narcotráfico: unha depuradora de marisco na Illa de Arousa, varios pisos, trasteiros e garaxes en Vilanova de Arousa, entre outras. Estas propiedades foron conseguidas entre 2003 e 2010, e a causa leva 15 anos en investigación.
"Ao final, acumular patrimonio é a principal motivación destas organizacións, ao igual que a de calquera outra organización criminal", asegura J. Alonso, que explica que, "na medida en que logremos facer que isto non lle sala rentable aos narcos, e que cando se deteña a un todas as súas propidades se confisquen e non volvan a disfrutalas dende ese mesmo momento, seremos moito máis eficaces, porque poderemos desmotivalos e desincentivar esa actividade". O experto afirma que "isto é algo no que todos coincidimos, pero desgraciadamente non temos medios para facelo, así que a realidade non está sendo así".
Lonxe diso, asegura que "hoxe detense a un narcotraficante e ao mellor pasan 10 ou 20 anos ata que se lle decomisan as propiedades, que están intervidas dende un primeiro intre, pero das que poden seguir desfrutando cada día, aínda que non as poidan vender, ata que saia a sentenza do xuízo, tardando uns 10 ou 15 anos en saír a subasta pública". Sen ir máis lonxe, o vindeiro mes o Estado, a través do Plan Nacional sobre Drogas, vai realizar unha subasta pública na que se inclúen múltiples propiedades que foron intervidas en procesos de fai 15 ou 20 anos. "A xustiza chega, si, pero chega moi tarde", asevera.
Non sucede o mesmo no caso dos coches ou das planeadoras. A Fundación Galega contra o Narcotráfico conta cun servizo de xestión de bens, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Colexio de Procuradores da Coruña, que "permite que, se hoxe hai unha operación antidroga, todos os coches e barcos incautados se subastan e se vendan case ao instante, sen ter que esperar tan sequera a que haxa unha primeira sentenza, de xeito inmediato". "Isto é moi importante, e o noso obxectivo é lograr que suceda o mesmo cos bens inmobles, os pisos e as casas, pois sairía moito máis rentable ao Estado e a todos nós e sería moito máis disuasorio, porque quitariamoslle a moitos as ganas de adicarse a isto dende un primeiro intre", conclúe.
RECADACIÓN SUPERIOR AOS 4,5 MILLÓNS DE EUROS NAS SUBASTAS DOS BENS
O Plan Nacional sobre Drogas organizou o pasado ano unha subasta de bens decomisados por tráfico de drogas e delitos relacionados cuxos fondos foron destinados a programas de rehabilitación a toxicómanos e á prevención e prepara outra esta mesmo mes, como confirma Fernando J. Alonso a este xornal. A recaudación do pasado ano sumouse aos máis de 4,5 millóns de euros que ingresaron nos últimos anos as arcas públicas pola venda de propiedades de arousanos tan coñecidos como Pelopincho, Patoco, Marcial Dorado e Parido, ou o vigués Culebra, entre outros que operaban tamén nas Rías Baixas. O fondo carece de persoal para xestionar a inxente cantidade de propiedades que recibe, o que provoca eses retrasos para poñelos á venda, ata o punto de ter que renunciar a algúns.
Algo así sucedeu no caso do ribeirense José Antonio Pouso Rivas, Pelopincho. O Estado tivo no seu poder 15 millóns de euros en fincas, casas, naves industriais, baixos comerciais... Sen embargo, moitos perderon valor, un mal común. Os procesos son longos e, ademais, o fondo ás veces atópase con cargas hipotecarias ou doutro tipo, como uns inquilinos con dereitos de alquiler, difíciles de resolver. Con todo, si se logrou comercializar e atopar comprador para moitas das súas vivendas e locais ubicados en Pontecesures, Ames, Rianxo, Padrón, Ribeira, Caldas de Reis ou Vilagarcía de Arousa.
E todo isto só é posible cando non se interpoñen reclamacións que paralizan os procedementos. Sucedeu no caso do isleño Marcial Dorado, cuxo listado de bens incautados se aproxima aos 200 e, polo momento, o Estado só puido vender pouco máis que unhas fincas na súa vila natal, outras en Ávila, un ático en Baiona e a Casa Jaureguízar, en pleno centro de Vilagarcía e que foi adquirida polo propio Concello vilagarcián para fundar un centro social por algo máis de 170.000 euros. Pero a lista aínda é longa e nela destacan a casa familiar da Illa e un céntrico parking na capital arousana.
E para litixios, o das fillas de Laureano Oubiña, reclamando a parte do Pazo Baión herdada pola vía materna (Esther Lago faleceu sen ter sido condenada), o que se convertiu en emblema da loita contra o narcotráfico por unha imaxe das madres antidroga esixindo xustiza ás súas portas. O Estado deu por zanxado o asunto en 2019, once anos despois de que a bodega Condes de Albarei o comprara por 15 millóns de euros para convertilo nun emblema do enoturismo da Denominación de Orixe Rías Baixas. Xa correspondente aos últimos anos, o Plan vendía en 2017 a casa familiar do cambadés en Vilagarcía.
Numeroso tamén é o patrimonio ingresado no Fondo en relación coa investigación patrimonial Houdini, iniciada no 2010 e que á súa vez derivou en Tabaiba, na que se desarticulou a banda de lancheiros liderada por Manuel Abal Feijóo, Patoco, ata a súa morte por un accidente de moto en 2008. A xustiza ordenou o embargo de máis dun cento de inmobles e en 2019 empezouse coa subasta dunha decea de lotes dos cales se conseguiu vender a famosa discoteca Pirámide e un hotel, ambos en Portonovo, por destacar as máis caras, pois adxudicáronse por 213.000 e 365.000 euros. Pero tamén se venderon varias vivendas en Sanxenxo e multitude de garaxes e trasteiros tanto en Sanxenxo como en Arousa.
Na última década, aproximadamente, tamén se conseguiu diñeiro para o Plan Nacional sobre Drogas coa venda de propiedades vinculadas a Juan Carlos Fernández Cores, Parido; ao vilagarciano Guillermo Abalo Maneiro; ou Juan Carlos González, Culebra, condenado por crear a maior rede de branqueo de capitais en torno ao ladrillo en Vigo, con bens como céntricos locais e vivendas, destacando o ocupado durante anos por unha famosa cadea de pizzas en García Barbón e que se adxudicou por máis de 500.000 euros.
PATRIMONIO (COÑECIDO) DOS NARCOS GALEGOS: O PASTELEIRO, 'TOP 1'
- Sito Miñanco: 100 millóns de euros en patrimonio estimado, con propiedades intervidas valoradas nuns 50 millóns de euros. Máis de 200 inmobles intervidos. Pese ás súas constantes entradas en prisión, o narco máis famoso de todos os tempos, especialmente despois de 'Fariña', mantén a día de hoxe unha das maiores fortunas, iso si, a nome de testaferros.
- Laureano Oubiña: Embargos definitivos por valor de 30 millóns de euros, entre eles o Pazo Baión e o chalé da Laxe, en Vilagarcía de Arousa. O Cambadés, que xa saldou as súas débedas coa Xustiza, foi obxecto do bloqueo de media ducia de sociedades e 30 contas bancarias.
- Marcial Dorado: Fortuna estimada nuns 20 millóns de euros. O Estado subasta os seus bens máis valiosos. O vello amigo de Alberto Núñez Feijóo cumpre prisión por narcotráfico e branqueo. A Sociedade Estatal de Xestión de Inmobles someterá gran parte do seu patrimonio a puxa pública.
- Os Charlines: Máis de 100 millóns de euros de patrimonio estimado, entre 30 inmobles e 44 contas bloqueadas en 1995, máis outros 58 inmobles máis intervidos á espera de resolución. A familia vilanovesa está de novo no ollo do furacán nestes momentos en que o xuízo na Audiencia Nacional está en curso.
- Culebra: Estímase que branqueou 30 millóns de euros. Fóronlle detectados 15 millóns en efectivo. Os inmobles, obras de arte e sociedades que posuía antes de ser detido elevarían o seu patrimonio por riba dos 50 millóns.
- O Mulo: Patrimonio estimado nuns 15 millóns de euros. Tras a súa última detención ocultou máis de 100.000 euros entre a roupa. Aínda conserva boa parte dos seus bens a nome de testaferros.
- O Pasteleiro: Patrimonio incalculable, xamais foi condenado por narcotráfico, aínda que pagou uns 600.000 euros por fraude fiscal en 2016. Todos os expertos sinálano como o dominador do negocio do narcotráfico no século XXI. Sen embargo, o verdadeiramente chamado Óscar Rial, ata o momento logrou saír airoso de múltiples investigacións.
- David Pérez Lago: Uns 20 millóns de euros de patrimonio estimado. Tras aceptar a perda dun chalé en Aguete e outro nas Rozas, a súa implicación na operación Mito puxo en perigo tamén varias empresas que, segundo os investigadores, manexaba a través de testaferros.
- Pelopincho: Uns 70 inmobles decomisados e en proceso de subasta. O Estado adxudicouse bens valorados nuns 15 millóns. O narco de Ribeira que moitos dan por morto, pois segue desaparecido, amasou unha das maiores fortunas a comezos do século XXI. Os seus inmobles están deteriorados e teñen difícil saída no mercado.
- Patoco: O patrimonio inicial de Manuel Abal Feijóo está fixado en máis de 40 millóns de euros. Decomisáronselle 115 inmobles e bloqueáronselle 33 contas. Foi o discípulo de Sito Miñanco entre 2001 e 2009, cando faleceu nun accidente de tráfico. Os bens están agora nas mans dos seus herdeiros.
- Ramiro Vázquez Roma: Embargos por valor de 10 millóns de euros. A sentenza permitiulle conservar activos. A familia de Vázquez Roma tiña propiedades en Galicia, pero tamén intereses en Portugal, que en virtude da sentenza do Supremo, logrou conservar.
- Roberto Leiro Santos: Bens valorados nuns 10 millóns de euros. Participou en dous dos maiores alixos de droga da historia. O home que lle comprou o barco a Marcial Dorado (feitos polos que ambos resultaron condenados) entregou parte do seu patrimonio no 2016.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.