Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/11/2023 | Actualizada ás 18:14
O Outono Códax 2023 entra na súa vertixinosa última semana, na que acollerá catro concertos con seis bandas, tres proxeccións do ciclo ‘Blow Up... A música no cinema’ e a emisión en directo do programa El Sótano, de Radio 3.
A primeira das citas terá lugar estemércores 22 de novembro, co Riquela Club como escenario. Alí se presentará a cantautora norteamericana Kassi Valazza. E farao nun formato especial, cun concerto acústico e íntimo que os asistentes poderán escoitar sentados. "Queríamos que a xente tamén poidera desfrutar do Outono Códax dun xeito distinto. Sentados, coa súa mesiña, unha copa de viño, a media luz... Todo como moi acolledor", explican os organizadores do festival.
A artista chega ao Outono Códax para presentar en directo o seu novo disco, Kassi Valazza Knows Nothing
KASSI VALAZZA
Existe unha fascinación de culto crecendo ao redor da figura de Kassi Valazza. Despois do seu álbum de debut de 2019, asentouse na vangarda dos novos cantautores norteamericanos. Nada en Arizona, pero residente en Portland, a súa música porta igual a tradición como traspasa as fronteiras das raíces americanas.
A artista chega ao Outono Códax para presentar en directo o seu novo disco, Kassi Valazza Knows Nothing, editado neste mesmo 2023. Un álbum no que entrega unha fascinante colección de cancións, nas que hipnotiza ao oínte cunha voz robusta á vez que amable, con composicións de espírito independente que gardan fortes vínculos co folk británico. A súa poesía vocal entrelázase con camiños psicodélicos nunha atmosfera cósmica de folk-rock, capturando o romanticismo dos cantantes country e esa paixón de cantar desde o máis profundo da alma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.