O arboricidio galego: de Ourense a Vigo, cada vez hai menos árbores nas nosas cidades

En Galicia todos os concellos incumpren o mínimo que establecen estes organismos de árbores que debe haber nas cidades por habitante: unha árbore por cada tres habitantes ou de 10 a 15 metros cadrados de verde por habitante. Dende Galicia Confidencial, da man do ecoloxista Manuel Santos, adentrámonos nesta problemática para coñecer exemplos concretos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 26/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As árbores son indispensables para a vida no planeta. Sen elas non habería osíxeno e, sen osíxeno, os seres humanos morreríamos. Isto que semella ser algo moi lóxico, de primeiro de Educación Infantil, non resulta tan lóxico para algúns gobernos e administracións que non fan máis que adxudicar obras e obras que reemprazan o noso patrimonio vexetal por cemento e formigón, especialmente nas cidades, con casos como os de Ourense e Vigo, onde duns anos cara esta parte os espazos verdes que existen nestas urbes cóntanse cos dedos dunha man. Dende Galicia Confidencial, e da man do ecoloxista Xosé Santos, realizamos un repaso polas zonas máis perxudicadas destas cidades e tamén doutras zonas de Galicia.

Arboricidio no Camiño de Santiago, no camiño mozárabe en Xunqueira de Ambia
Arboricidio no Camiño de Santiago, no camiño mozárabe en Xunqueira de Ambia | Fonte: Xosé Santos - Amigas das Árbores

"O que está a acontecer coas árbores, sobre todo no caso de Galicia, aínda que tamén noutros lugares de España, é un arboricidio", asegura Santos, que aproveita que "fai pouco que a Real Academia Española (RAE) recolleu este termo no dicionario" (a Real Academia Galega aínda non). Así, considera que o que están a facer o conxunto das administracións públicas en Galicia "é unha situación extrema, onde vemos que hai unhas actitudes de ataque e desfeita do arborado, tanto nas cidades como ao longo de todos os espazos públicos, tamén das estradas, que non ten xeito".

E, máis aló da tristeza que poida producir isto, "tamén vai en contra de todas as directrices que di o mundo ambiental, os propios científicos que non son sospeitosos de ser estremadamente reivindicativos, e vai en contra dos informes de organismos como a FAO, a OMS, as Nacións Unidas e a propia Unión Europea, que adoitan ter sempre opinións moi sosegadas e tranquilas e para nada revolucionarias". Para Santos está claro que, "tendo en conta o que din, en Galicia todos os concellos incumpren o mínimo que establecen estes organismos de árbores que debe haber nas cidades por habitante: unha árbore por cada tres habitantes ou de 10 a 15 metros cadrados de verde por habitante". "Se collemos o conxunto dos concellos galegos, non hai ningún que cumpra", incide o ecoloxista.

Así as cousas, Santos cre que "isto tennos que facer recapacitar sobre o que está acontecendo". Xa que, como denuncia, "a esa falta de espazos verdes súmase o mal tratamento que se lles dá ás árbores que aínda se manteñen, como se fosen un obxecto inerte, unha farola, cando son un obxecto vivo que precisa de coidados, especialmente cando vive fóra do seu espazo natural". Nas cidades "falta cultura forestal, a pesares de que en Galicia contamos con moi bos forestais, xente que estudou ciencias mediambientais, biólogos e demais que saben moi ben como tratar a estas árbores, pero non se ten en consideración a súa opinión". Pola contra, como alerta, "os concellos fan as cousas ao chou e danlle unha motoserra a calquera para que estrague, decapite, desmonte e desfaga as árbores, atentando contra a súa vida e causando unha perda irreversible de patrimonio vivo nas cidades".

Ademais, o ecoloxista advirte de que aínda que as árbores que xa se cortaron se traten de repoñer coa plantación doutras novas, o mal xa está feito e é irremediable no curto prazo. E é que "os beneficios ecosistémicos que nos producen as árbores adultas que teñen 25 ou 30 anos non son os mesmo que os que nos achega unha árbore recén posta". "Estes beneficios só se dan cando as árbores teñen unhas determinadas idades no tocante ao seu volume", conclúe. "O que se está a facer agora en Galicia, asfaltar e crear espazos duros onde antes había vexetación, contrasta co que fan noutras partes de Europa, onde se quere reverdecer ás cidades, como no caso de Estocolmo, París, Berlín, Frankfurt ou Burdeuos, así como noutras urbes españolas, como Bilbao, Vitoria ou Logroño, exemplos nos que se busca eliminar as zonas duras de formigón e cemento e renaturalizalas", expón o experto.

Arboricidio na Facultade de Laborais de Ourense
Arboricidio na Facultade de Laborais de Ourense | Fonte: Xosé Santos - Amigas das Árbores

"As árbores son unha das cartas de presentación cando chegas a unha cidade, amosan o cariño e o amor da cidadanía, demostran a cultura e a sensibilidade do pobo, e pódese saber en función de como teñen os seus parques, xardíns e patrimonio arbóreo", asegura Santos, que lamenta que agora "a carta se presentación será o alumeado de Vigo ou o de Ourense, loitando ambos alcaldes por ver quen ten a árbore artificial máis grande, a estas alturas da vida...". "Temos unha clase política que vive de costas a unha realidade e á situación de emerxencia climática a nivel global, porque dende as cidades pódese facer moito, con actuacións impulsadas dende as distintas administracións públicas, e aquí non estamos a facer nada", asevera o ecolista, que cre que fan falta "consellos de medio ambiente", ao igual que existen os de cultura ou deportes, onde se integre a arquitectos, ambientalistas, biólogos e aos propios políticos, pois "só con equipos multidisciplinares poderase poñer freo a esta situación".

OURENSE: DENDE SAN LÁZARO ATA VALLE-INCLÁN PASANDO POLA PONTE VELLA

No caso de Ourense, onde o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, dixo que ía plantar unhas 10.000 árbores de forma "inminente" este mesmo verán para aminorar os efectos do cambio climático sobre a cidade, a cousa non pode ser máis alarmante. Por poñer algúns exemplos, hoxe por hoxe estase levando a cabo un auténtico arboricidio na rúa Celso Emilio Ferreiro, e xa hai uns anos fíxose o mesmo no Parque de San Lázaro, na rúa Xaquín Lourenzo, na rúa Bedoya ou na rúa Valle-Inclán, onde se quitaron árbores que tiñan máis de 20 anos. A estes exemplos súmase o acontecido fai escasamente dous anos na Universidade Laboral de Ourense, nomeada como un exemplo de integración coa paisaxe existente na contorna a nivel do Estado español, cando en realidade desfixéronse árbores de todo tipo: piñeiros, carballos, sobreiras, abetos... Postos nos anos 70. 

Tamén ao longo dos Camiños de Santiago se cometeron barbaridades, a pesares de estar protexidos pola antiga lei de patrimonio cultural de Galicia. E fronte á rúa Noriega Varela, fíxose un espazo entre as vías do ferrocarril e outra rúa no que se creou un pequeno espazo con máis diversidade da que ten o xardín botánico de Montealegre que nos últimos anos está a ser desfeito, pois xa se eliminaron del almendros, cipreses, loureiros e todo tipo de especies. E seguindo dentro da propia cidade, outro exemplo enigmático é o caso do xardín do Posío, que a día de hoxe non é xardín nin é nada, pois elimináronse del todo tipo de especies. E nun dos lugares máis míticos da cidade, usado tamén como reclamo turístico polo seu valor arquitectónico, a Ponte Vella de orixe romano, desfíxose nos últimos anos todo o espazo verde do que gozaba entre a Capela dos Remedios e a Ponte, dicindo que alí facían unha especie de miradoiro que integraría harmónicamente o espazo histórico coa natureza, cando o resultado foi un espazo duro de formigón e pedra. 

"Fai unhas semanas, cando se entregou o premio á ourensanía, Adolfo Domínguez dixo que Ourense tiña que ser a cidade das flores, toda unha declaración de boa vontade por parte dunha persoa viaxada e con sensibilidade, e díxoo estando presente o alcalde, o presidente da Deputación e o presidente da Xunta, pero semella que ningún mandatario recolleu o guante do deseñador", lamenta Santos. 

VIGO: DENDE A GRAN VÍA ATA SAMIL, PASANDO POLO MONTE DA GUÍA

En Vigo, usuarios en redes sociais comentan que se veñen dando dende fai anos talas masivas de árbores, sempre entre argumentos de "enfermidade" e "perigo" de caída, "nunca polo urbanismo". Así o denuncia no seu Twitter o usuario Javier H. Rodríguez, xornalista de El Salto Diario. Dende a Gran Vía, onde antes había na súa beirarúa do medio dos carrís de subida e baixada toda unha liña de árbores agora están as rampas mecánicas instaladas para que os vigueses, segundo di Abel Caballero, non se cansen ao subir a costa; ata a zona Vía Norte, onde se tiveron que talar múltiples árbores para dar cabida ao novo centro comercial Vialia, que de verde ten ben pouco, e non deixa de ser un edificio de formigón grisáceo con tendas no seu interior e a estación de tren.

O mesmo aconteceu en Ronda Don Bosco, onde as árbores estorbaban aos hostaleiros, que non tiñan sitio para poñer as súas terrazas, así que taláronse e pavimentouse toda a zona para poder poñer máis mesas e cadeiras. Iso por non falar do Parque do Castro, onde se talaron numerosas árbores durante o confinamento, a espaldas da sociedade? Máis do mesmo na praza da Miñoca, onde se acabou coa vida de alo menos 26 cerdeiras e se perdeu gran parte do solo verde, substituído por cemento a modo de camiños. Este usuario tamén pon o foco no Monte da Guía, onde se levou a cabo unha tala masiva para que as árbores non tapasen as vistas da ría dende o miradoiro. 

Na Avenida de Castelao, todas as árbores foron taladas, segundo dixeron dende o Concello, porque estaban "enfermas", pero Javier H. Rodríguez asegura que nunca houbo parte biolóxico que certificase a súa enfermidade. Agora queda un descampado cun céspede que de verde xa ten pouco. En Gregorio Espino directamente taláronse as árbores que daban sombra en días de verán e non se fixo nada, como moito instalar algunha que outra farola. En Martínez Garrido sacáronse as árbores porque se dicía que ían ser "transplantadas a outras zonas", pero nunca máis se soubo tras a pavimentación do lugar. Máis do mesmo no paseo da praia de Samil, onde se arrincaron ducias de árbores que permitía ter algo de sombra en días calurosos de verán. 

Na Horta do Berbés, no barrio do Cura, de horta xa só queda o nome. Nunca houbo construcións alí ata o día de hoxe, cando xa non hai árbores porque foron substituídos por unha urbanización de luxo promovida por un fondo voitre, segundo este usuario, que considera o alí acontecido como "un dos delirios máis grandes que vin nesta cidade; en tódolos séculos de vida documentados no berce de Vigo nunca houbo construcións algunha alí". E aínda hai moitos outros exemplos pasados, presentes e futuros, pois as obras non deixan de sucederse na urbe olívica e, unha tras outra, poñen fin á vida de centos de zonas verdes que noutro tempo eran o orgullo da vila.

OUTRAS CIDADES: LUGO OU SANTIAGO

En Lugo houbo unha actuación recente, do pasado mes de outubro, na praza situada entre a muralla e a igrexa do Carme, onde din que naceu o patrón de Lugo, San Froilán, no Regueiro dos Hortos, na que acaban de formigonar un espazo que antes era terra verde, vendendo o proxecto como humanización. "Haberá que preguntar a esta xente se saben o que quere dicir urbanizar", plantexa Santos.

En Santiago está o caso do Camiño de Compostela ao seu paso por Conxo, que gozaba pola beira con varias árbores que foron taladas. Os propios veciños do barrio o denunciaron, pois quedáronse sen árbores na praza, fronte á igrexa e nas rúas. Supostamente, as intervencións realizadas querían dan unha dimensión máis humana ao espazo público da praza da Igrexa de Nosa Señora da Mercede de Conxo, convertíndoa nun pequeno 'Obradoiro' para a acollida de peregrinos e veciños. Esta praza prolongaríase así ata o centro social, a escola infantil e o centro de saúde, pero claro, todo isto sen contar coas árbores. Moito formigón e pouco verde.

TAMÉN NOS POBOS: XINZO DE LIMIA OU XUNQUEIRA DE AMBIA

Nas estradas galegas a ampliación sempre pasou pola corte de árbores. "En Galicia sempre houbo pradairos que eran coma unha copia dos boulevares franceses, de feito se se ve o Tour de Francia ou o Giro de Italia cando pasan os ciclistas polas vilas e cidades sempre se ven uns conxuntos harmónicos de árbores, e non se lles ocorre talalas polo pé, máis ben ao contrario, téñenas moi coidadas e compleméntanas coa introdución doutras especies para facer outros corredores máis sostibles". En Xinzo de Limia, sen ir máis lonxe, conseguiuse paralizar unha obra que ía eliminar todo un boulevar e conxunto armónico por presión do pobo, e hai dous anos, cando pasou por alí a volta ciclista a España, sacouse na zona unha das fotos máis bonitas de toda a competición, na que se vía aos corredores pasando polas árbores coa cor ocre do outono, caendo as follas.

Outro bo exemplo de arboricidio en Galicia é o acontecido no camiño de plataneiros de sombra de Xunqueira de Ambia, en pleno Camiño de Santiago, onde cortaron a rente as árbores, "coma se ti cortas a unha persoa pola metade, polo peito ou a barriga". E a este exemplo súmase o do Santuario dos Milagres de Baños de Molgas, onde en plena novena, no mes de setembro, tamén se cortaron a dous metros de altura uns plataneiros cunha idade media de 100 anos, e xa se fixera antes cuns carballos que tiñan máis anos que o propio santuario. Así, para que tivesen sombra os romeiros e romeiras o que se fixo foi cambiar esas árbores por un toldo de feira. 

Facultade de Laborais de Ourense
Facultade de Laborais de Ourense | Fonte: Xosé Santos - Amigas das árbores
Parque do Castro en Vigo
Parque do Castro en Vigo | Fonte: @JavierHRguez en X
Avenida Castelao en Vigo
Avenida Castelao en Vigo | Fonte: @JavierHRguez en X
Monte da Guía en Vigo
Monte da Guía en Vigo | Fonte: @JavierHRguez en X
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Gamela

E se sumamos a lei que obriga a cortar calquera piñeiro que estea a menos de 50 metros dun linde urbano (calquera casa o é en Galicia) podemos sumar hectárias de DESERTO ! Pero algúns erre que erre seguen dicindo que esa lei é moi boa para evitar os incendios... O único que vemos últimamente é desaloxar aos veciños cando o lume se achega ás casas (e aínda que non se achegue tamén os botan fóra das casas e se arden que ardan...) Pero todos contentes e denunciando ao veciño se deixa un piñeiro sen cortar a 50 METROS (alguén sabe o que son 50 METROS) ?

1 Amesán

Cortar piñeiros, eucaliptos... o cal vexo MOI BEN! Oxalá cortasen os que temos detrás da nosa casa, que alí levan máis de 48 anos que teño medrando sen parar e quitando o sol no inverno, e deixasen sitio para que nazan os carballos e outras caducifolias (as cales, por certo, si están permitidas neses 50 metros). A ver se nos imos enterando que o verdadeiro deserto é ter os montes convertidos en plantacións de eucaliptos e piñeiros.

2 Gamela

Se levan 48 anos medrando será un bosque fantástico e respirarás aire puro e limpo... Pero se están a menos de 50 metros da túa casa, xa sabes, basta unha denuncia ante o Seprona e darlle curso á tala das árbores ! Claro que logo, cando chegue a calor do verán igual os botas de menos... ou cando veñan tempos de galerna, igual voa o tellado da casa por non ter o corta ventos das altas copas...? En fin, os piñeiros son case un símbolo ... Pero se pensas que os carballos ou castiñeiros van medrar da noite para a mañán, bótalle outros 40 anos para disfrutar deles... O que cortamos hoxe case sempre convértese en solares para edificar, e as árbores non volven nunca...(?)

1 Castelo

E deberiamos engadir a mecanización industrial coa que se xustifican os presopostos das concesionarias: “podas” continuas, sistémicas, a destempo…e rozas das partes verdes coma se fosen de mantemento de campo de fútbol: non deixan flores silvestres nin volumes para a fauna. Espazos mortos.