BNG, Compostela Aberta e PSOE únense para pedir á Xunta que asuma o custo do parking do CHUS

María Rozas lembrou que xa que é para toda a área sanitaria, máis de 400.000 persoas, "os veciños de Santiago non poden asumir todos os custos de aparcadoiro".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2023 | Actualizada ás 13:28

Comparte esta noticia

Os grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e PSOE no Concello de Santiago levarán ao pleno ordinario deste mes unha moción conxunta para pedir á Xunta que "asuma as súas competencias" e asuma o custo dun novo aparcadoiro para o Hospital Clínico Universitario (CHUS). María Rozas, Miriam Louzao e Gonzalo Muíños compareceron xuntos este xoves para presentar esta iniciativa coa que buscan facer unha "fronte común" para que a Administración galega "mellore a mobilidade" e o aparcadoiro no CHUS, un problema "xa existente desde hai 24 anos" que se agravará coa construción do Centro de Protonterapia.

Na rolda de prensa, María Rozas lembrou que o complexo hospitalario é "un equipamento sanitario de ámbito supramunicipal", unha "obviedade que hai que lembrar de forma continua á Xunta" e que os composteláns supoñen "só un 22% do total dos seus usuarios", unha cifra inferior, ratificaron, á porcentaxe de poboación do propio concello que fai uso doutros hospitais, como o da Coruña ou o de Pontevedra.

Xa que o CHUS é "para toda a área sanitaria", máis de 400.000 persoas, lembrou Rozas, "os veciños de Santiago non poden asumir todos os custos de aparcadoiro". A situación, ademais, agravarase " coa construción do futuro Centro de Protonterapia, de referencia "para toda Galicia, Asturias, Castela e León e mesmo Portugal". A maiores, Rozas lembrou que o recinto onde se sitúa o CHUS "é propiedade do Sergas", polo que a mobilidade do seu interior "é competencia da Xunta".

UNHA FRONTE COMÚN

Na súa quenda, o socialista Gonzalo Muíños apuntou que esta moción constitúe "unha fronte común" do tres partidos "en defensa dos intereses dos veciños de Santiago, grazas á "lealdade" que, dixo, téñenlle aos cidadáns, algo que afeou ao líder do PP local, Borja Verea.

Miriam Louzao, pola súa banda, replicou que "a pelota non está no tellado do concello, se non que a pelota é da Xunta" e instou ao Goberno galego non só a habilitar máis aparcadoiro, se non a pór solucións á mobilidade da área con transporte colectivo para os traballadores.

Na moción pídese tamén á Xunta que se acondicionen espazos alternativos de aparcadoiro provisionais mentres se estuda unha solución definitiva e que se aborde conxuntamente co concello a reordenación urbanística da contorna para solucionar os problemas de mobilidade e mellorar a integración na contorna urbana. Tamén se pide que a Xunta asuma o custo do novo aparcadoiro, "tendo en conta que é unha competencia súa". O tres grupos, apuntaron, teñen "a man tendida para solucionar este problema", aínda que "cada un dentro das súas consecuencias e do destino dos seus recursos", apuntou Míriam Louzao, que lembrou que o concello pon a disposición da Xunta unha parcela valorada en algo máis de 6 millóns de euros.

BNG, CA e PSOE presentan unha moción conxunta para pedir á Xunta a que financie o parking do Clínico.
BNG, CA e PSOE presentan unha moción conxunta para pedir á Xunta a que financie o parking do Clínico. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta