Novo reto para a USC en colaboración con Xunta: loitar pola recuperación de especies ameazadas como o mexillón de río

O obxectivo é contribuír á mellora do estado de conservación das especies máis sensibles presentes nos ríos galegos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2023 | Actualizada ás 15:39

Comparte esta noticia

A Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaborarán nun novo proxecto para a conservación de distintas especies de náyades ameazadas en Galicia (especialmente o mexillón de río) a trvés da elaboración de metodoloxías específicas para reproducir fóra do seu hábitat este tipo de moluscos e destinalos as futuras repoboacións.

Con este obxectivo, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o reitor da USC, Antonio López, asinaron este venres un convenio de colaboración para avanzar na conservación do mexillón de río, incluído entre as especies animais de interese comunitario e que figura na categoría de en perigo de extinción nos catálogos galego e español de especies ameazadas.

No acto, do que informou a Xunta nun comunicado, a conselleira destacou que a finalidade dos traballos programados é conseugir unha mellora do estado de conservación desta e doutras especies náyades sensibles e con presenza nos ríos galegos, en liña coa recomendación europea de impulsar medidas de xestión para a súa conservación.

O orzamento total do proxecto estímase en máis de 260.000 euros, dos que case o 60 % serán fondos da Xunta, tal e como consta no convenio asinado esta mañá. As actuacións previstas terán unha duración de 3 anos, ata finais de 2026. Entre as accións concretas a desenvolver, elaborarase unha metodoloxía baseada na experiencia adquirida no cultivo na conca do río Ulla co fin de extrapolala para poder obter un stock de exemplares viables para reforzar as poboacións desta especie nas concas cantábricas.

Para conseguilo, buscaranse sinerxías co traballo que se está realizando xa actualmente para a repoboación de salmónidos no Centro ictioxénico do Veral, en Lugo. Así mesmo, a segunda liña de acción terá como fin reforzar a poboación de mexillón de río na conca do río Ulla a través tanto da cría en catividade de xuvenís e subadultos, como da súa posterior marcaxe para garantir o seu seguimento, tras a súa liberación no medio natural.

No marco destas actuacións, Xunta e USC tamén colaborarán para avanzar na identificación dos tramos da conca que polo seu hábitat resulten máis aptos para liberar os exemplares cultivados no Centro do Veral para, finalmente, proceder á solta nas zonas que cumpran con todos os requisitos. Finalmente, prevese o seguimento anual das poboacións reforzadas co fin de avaliar o éxito da repoboación, recuperando a tal fin os individuos marcados para medir o seu crecemento e evolución.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o reitor da USC, Antonio López, na firma do acordo
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o reitor da USC, Antonio López, na firma do acordo | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta