Santiago acolle no Día de Solidariedade co Pobo Palestino unha lectura de poemas de autoras silenciadas

O acto será acollido polo Centro Sociocultural Maruxa e Coralia (Praza Salvador Parga) en Compostela, e terá lugar o vindeiro xoves 30 de novembro ás 20.00 horas, con entrada gratuíta.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 27/11/2023 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A Asociación Galiza por Palestina, en colaboración con Pallasos en Rebeldía, organiza esta semana en Santiago unha lectura de poemas de autoras palestinas para darlle voz á muller palestina, moitas veces silenciada ou vista con prexuízos. Dende a asociación convidan á cidadanía a asistir a esta lectura de poemas de autoras palestinas con motivo da celebración do Día Internacional de Solidariedade co Pobo Palestino.

Escritora Heba Abu Nada, gañadora do Premio Sharjah á Creatividade Árabe na 20ª edición pola súa novela 'O osíxeno non é para os mortos', no ano 2017, e asasinada o pasado 20 de outubro deste ano nun bombardeo israelí en Gaza
Escritora Heba Abu Nada, gañadora do Premio Sharjah á Creatividade Árabe na 20ª edición pola súa novela 'O osíxeno non é para os mortos', no ano 2017, e asasinada o pasado 20 de outubro deste ano nun bombardeo israelí en Gaza | Fonte: Arquivo

O acto será acollido polo Centro Sociocultural Maruxa e Coralia (Praza Salvador Parga) en Compostela, e terá lugar o vindeiro xoves 30 de novembro ás 20.00 horas, con entrada gratuíta. As actrices Belén Constenla, Camila Bossa, Mabel Rivera e Iolanda Muíños lerán poemas das poetas e activistas palestinas Heba Abu Nada, Rafeef Ziadah, Suheir Hammad e Dareen Tatour. Ademais, a cantante Uxía interpretará cancións adicadas ás mulleres palestinas, acompañada do músico Marcos Teira.

Dende a organización pretenden pór en primeiro lugar a cultura de Palestina e neste caso ademais, sendo un territorio ocupado, a defensa da cultura é unha forma de resistencia. Acceder á música, literatura e cultura doutro país abre a nosa mente e o coñecemento desta identidade cultural leva ao recoñecemento da historia e a realidade da Palestina. Adican o día á escritora Heba Abu Nada, gañadora do Premio Sharjah á Creatividade Árabe na 20ª edición pola súa novela 'O osíxeno non é para os mortos', no ano 2017, e asasinada o pasado 20 de outubro deste ano nun bombardeo israelí en Gaza. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta