A Xustiza enmenda a política industrial da Xunta: paralizou nove megaparques eólicos nos últimos catro anos

A Xunta incluíu en outubro deste 2023 no proxecto de lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta a declaración de "interese público superior" dos proxectos eólicos para acelerar as tramitacións. Os tribunais tamén paralizaron destacados proxectos mineiros e mesmo chamaron a declarar como imputados a ex cargos de Industria e Minas na época de Feijóo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/11/2023 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

Un tras outro, como un castelo de naipes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) está tombando destacados proxectos eólicos e industriais aprobados pola Xunta con celeridade e pola porta de atrás apelando á polémica “Lei fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia”, tamén coñecida como "lei de depredación industria". Nos últimos catro anos foron xa nove os grandes parques eólicos paralizados polo alto tribunal galego ou o Tribunal Supremo (TS), precisamente, polo impacto que a súa construción causa no medio ambiente, no patrimonio e nos hábitats das zonas afectadas.

O Castelo do Portelo, entre Galiza y Portugal, que quedaba dentro da perimetral del proxecto eólico
O Castelo do Portelo, entre Galiza y Portugal, que quedaba dentro da perimetral del proxecto eólico | Fonte: Stop Eólicos Xurés Celanova

Pero non só os proxectos eólicos están sendo enmendados nos tribunais, tamén grandes proxectos industriais como explotacións mineiras, a última, este mesmo martes 28 de novembro, do TSXG contra o recurso da Xunta en Lousas Samacas, en Carballeda de Valdeorras.

A maior parte das sentenzas en contra dos proxectos eólicos alegan ás fortes afectacións ambientais, paisaxísticas e patrimoniais destes proxectos industriais, así como a invalidez dos estudos de impacto ambiental da propia Xunta. Son argumentos que rexeitan tanto a Administración galega como a Asociación Eólica de Galicia (AEG), que mesmo ten insinuado que existe unha ofensiva xudicial contra os eólicos en Galicia.

O presidente galego, Alfonso Rueda, xa anunciou que irá ao Tribunal Supremo para reverter esta decisión e defendeu os "criterios rigorosos" dos "técnicos" da Xunta na aprobación destes proxectos.  "Un de cada tres proxectos rexeitouse nas últimas autorizacións. Os técnicos da Xunta analizan todo moi ben e, polo tanto, fan o correcto, presente quen presente", ten dito.

De feito, o TS podería pronunciarse a finais deste mesmo ano ou a principios de 2024, algo que indica que constitúe un argumento máis para apreciar o 'fumus boni iuris' que ampara ao Alto Tribunal galego. De feito, os xuíces lembran que o Tribunal Constitucional declarou en varias sentenzas que "ata que non se tome a decisión respecto diso polo tribunal competente, o acto non pode ser executado pola administración"."

Parque eólico
Parque eólico | Fonte: CAPITAL ENERGY - Arquivo

A  XUNTA BLINDOU OS PROXECTOS NA LEI DE ACOMPAÑAMENTO

Ante a avalancha de sentenzas xudiciais en contra e, precisamente, para acelerar os seus proxectos industriais, a Xunta incluíu en outubro deste 2023 no proxecto de lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta a declaración de "interese público superior" da planificación, construción e explotación de parques eólicos de competencia autonómica.

Así, no caso de que se presente recurso administrativo contra os actos de autorización do proxecto de parque eólico ou das súas infraestruturas de evacuación e se solicite a suspensión da execución do acto impugnado, "terase en conta o establecido neste artigo na ponderación que debe efectuarse de acordo co establecido na lexislación de procedemento administrativo".

SECTOR PREOCUPADO E RECURSOS SUPREMO

A Xunta actuou, en parte, ante as críticas do sector eólico que agarda instalar anualmente entre 400 e 500 MW e que só puido poñer en marcha 28 megawatts en 2022 e outros oito no que vai de 2023, moi lonxe dese obxectivo.  A patronal ve en risco a execución dos 32 proxectos industriais expostos baixo o paraugas dos fondos Next Generation se non se desprega a potencia renovable que precisan para ser viables. 

PARQUE CAMPO DAS ROSAS

O último pau xudicial para o sector eólico e a Xunta chegou este mesmo martes, 28 de novembro, tras a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de suspender preventivamente a execución do acordo da Xunta que outorgou á promotora do parque eólico Campo das Rosas, Naturgy Renovables, as autorizacións administrativas previa e de construción, á vez que declarou a utilidade pública das instalacións, situadas entre os municipios da Estrada, Campo Lameiro e Cercedo-Cotobade.

PARQUE EÓLICO ACIBAL OUTUBRO 23

Esta suspensión e a última dunha longa listaxe na que está tamén o parque eólico Acibal entre os concellos de Barro, Campo Lameiro e Moraña --cuxas obras xa comezaron-- e que foi suspendido cautelarmente polo Alto Tribunal galego este outubro.  A sección terceira da sala do contencioso-administrativo acolleu a pretensión da asociación Ecoloxistas en Acción Galiza e suspendeu, sen caución, a execución da resolución da Xunta que lle outorgou á empresa Norvento a autorización administrativa previa e a de construción das instalacións, á vez que declarou a súa utilidade pública e a súa compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais.

PARQUE EÓLICO DO RONCUDO

En setembro de 2023, a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a declaración de utilidade pública do proxecto de repotenciación do parque eólico de Corme, no municipio de Pontecesoimprescindible para a expropiación forzosa dos terreos, xa executada. Desta forma, o alto tribunal galego acolleu o recurso interposto por un particular contra a resolución de 15 de maio de 2020 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas na que declarou a utilidade pública das leiras.

PARQUE EÓLICO LAGOA II XUÑO

En xuño deste ano, tamén o TSXG ordenou a suspensión cautelar da autorización dada pola Xunta para a posta en marcha do parque eólico Laboa II, promovido pola empresa Engasa Lagoa nos municipios coruñeses de Zas e Santa Comba, ante a existencia de indicios dun posible dano ambiental a ecosistemas da zona.

PARQUE EÓLICO BUSTELO

Tamén ese mesmo mes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou, por non ser conforme a dereito, a autorización administrativa previa e de construción concedidas pola Xunta á empresa Greenalia para construír o parque eólico Bustelo, situado nos concellos de Coristanco e Carballo (A Coruña), ao considerar que se produce unha fragmentación indebida.

PARQUE EÓLICO CAMPELO 

En outubro do pasado ano, o Alto Tribunal galego acollía a solicitude de ADEGA e da PDCC para suspender a execución do acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se outorgaron as autorizacións administrativas previa e de construción e se declarou a utilidade pública do proxecto do parque eólico Campelo. Este proxecto, sito nos municipios de Coristanco e Santa Comba, está promovido pola sociedade Greenalia Wind Power Campelo, S.L., en cuxo Consello de Administración se atopa na actualidade a que fora Conselleira de Medio Ambiente co PPdeG, Beatriz Mato.

PARQUE EÓLICO SASDÓNIGAS I E II

En febreiro dese ano era o Tribunal Supremo o que ditaba dúas sentenzas que confirmaban a anulación dos proxectos que serviron de base para a posta en funcionamento dos parques eólicos Sasdónigas fase I e fase II, no concello lucense de Mondoñedo. O alto tribunal español rexeitou os argumentos da empresa e considerou que a Xunta debía de ter en conta o contido da 'Declaración de Impacto Ambiental'.

PARQUE EÓLICO RUÑA II

Una ano antes, en febreiro do ano 2021, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia paralizaba, de xeito cautelar, a tramitación da licenza para a construción en Mazaricos do parque eólico Ruña II porque o proxecto incumpre con varios artigos da Lei de Montes de 2012. Un deles é o que prohibe o cambio de usos de terreos que se queimaron en incendios durante un mínimo de 30 anos. E, precisamente, en terreos que arderon, é onde se asentaría este parque.

PARQUE EÓLICO OURIBIO 

En outubro de 2019, o TSXG ordenaba tamén suspender provisionalmente un acordo do Consello da Xunta, así como as súas disposicións normativas, nas que se daba vía libre á continuación das obras do megaparque eólico na Serra do Oribio, entre os concellos de Samos e Triacastela.  O alto tribunal galego entende que, mentres que non se actualice a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto xa que data de 2005, e mentres non se xustifique a prevalencia do uso “pretendido pola Xunta ao aprobar o proxecto industrial”, as obras deben de ser paralizadas.

PARALIZACIÓN DE MINAS

Unha decisión xudicial que deixou xa moi tocado ao director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Tahoces que, xunto co ex secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental Justo de Benito Basanta, estiveron imputado ademais noutro polémico caso, o das minas de San Fins, en Lousame. Os dous acabaron sendo apartados dos seus cargos, Tahoces, agora xerente da Axencia da Industria Forestal e  Justo de Benito Basanta foi nomeado para un posto na embaixada de España en París.

Precisamente, varios proxectos mineiros tamén foron obxecto de denuncias. O TSXG estimou este mesmo martes o recurso interposto pola comunidade de montes mancomunados de Portela e Trigal contra a resolución da Xunta de Galicia que declarou a utilidade pública e o interese social para os establecementos de beneficio do grupo Irosa, no que se inclúe Lousas Samaca, situados en Trigal, termo municipal de Carballeda de Valdeorras.

Tamén o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia suspendeu en outubro de forma inmediata e incondicionada a resolución da Xunta que aprobou o proxecto de explotación e o plan de restauración da concesión dunha sección da mina da Penouta, en Viana do Bolo. A sala do contencioso do TSXG atende así a reclamación de Ecoloxistas en Acción, ante os "graves impactos" da mina sobre o espazo protexido de Pena Trevinca, Rede Natura 2000.

En novembro de 2022, seis confrarías da ría de Arousa xunto con Ecoloxistas en Acción, a Federación Ecoloxistas Galega, Montescola e Tralapena comparecen no contencioso interposto por Cobre San Rafael no Tribunal Superior de Xustiza Galicia. A mineira de Touro non acepta a Declaración de Impacto Ambiental negativa e pretende reactivar o proxecto que tumbou a propia Xunta. Segundo os ecoloxistas, a empresa pantalla de Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas pretende reactivar a mina de Touro. 

Proxecto Do Parque Eólico As Encrobas. ASOCIACION SALVEMOS Ou VAL DE BARCIA E MONTE XALO
Proxecto Do Parque Eólico As Encrobas. ASOCIACION SALVEMOS Ou VAL DE BARCIA E MONTE XALO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta