A Xunta réstalle credibilidade a Besteiro para falar de autovías: "A AP-9 e a AP-53 son as máis caras"

"Se o PSdeG quere pedir a liberación dalgunha peaxe, que solicite que sexa nas autovías estatais porque son as que máis danan o peto dos galegos", trasladou a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2023 | Actualizada ás 19:34

Comparte esta noticia

A Xunta sinalou que o candidato do PSdeG á presidencia do Goberno galego, José Ramón Gómez Besteiro, "carece de credibilidade" para falar de infraestruturas e, máis concretamente, de autovías, xa que, apuntou, "as autovías autonómicas son as máis baratas de España mentres que as estatais, a AP-9 e a AP-53, as máis caras".

"Por tanto, se o PSdeG quere pedir a liberación dalgunha peaxe, que solicite que sexa nas autovías estatais porque son as que máis danan o peto dos galegos e a competitividade de Galicia", trasladou a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Así respondeu o departamento que dirixe Ethel Vázquez ás palabras, este sábado, do candidato socialista, que mostraba o seu compromiso a concluír a autovía AG-55, así como a liberar as peaxes entre A Coruña e Carballo se alcanza o Goberno galego.

Neste contexto, a Xunta reprocha a Besteiro que "foi o actual Goberno (galego) o único que implantou bonificacións para os usuarios frecuentes das autovías autonómicas AG-55 e AG-57, que mantén desde 2010 e foi ampliando tamén ás familias numerosas e en horario nocturno".

Ademais, lembra que en 2024 manterá conxeladas as tarifas das autovías autonómicas AG-55 e AG-57, "evitando o impacto negativo do IPC no peto dos galegos".

SÓ "PRIMEIRAS PEDRAS"

Por iso, apunta que as declaracións de Gómez Besteiro "carecen de toda credibilidade". Argumenta a Xunta que o PSOE "non fixo nada por impulsar a autovía da Costa da Morte, máis aló de escenificar varias veces a posta de primeiras pedras". Ademais, asegura que é o seu partido o que "bloquea e mantén a súa negativa á transferencia a Galicia da AP-9".

"O PSOE non ten credibilidade para falar de infraestruturas e menos das comunicacións da Costa da Morte, onde non foron capaces de pasar de pór primeiras pedras na autovía. Nos anos máis duros da crise e a pesar dos paus nas rodas postos pola oposición, o actual Goberno galego foi capaz de pór en servizo 27 quilómetros de autovía libre de peaxe entre Carballo e Baio", explica.

Por último, expón que os orzamentos do próximo ano mostran "a vontade da Xunta de continuar impulsando a prolongación da autovía ata Camariñas", xa que "reservan a partida necesaria para avanzar nos trámites para a súa materialización".

Varios vehículos, entre eles coches e camións, circulando por unha autoestrada
Varios vehículos, entre eles coches e camións, circulando por unha autoestrada | Fonte: @TRANSIT

CRÍTICAS ÁS PEAXES DA AP-9

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cargou contra o PSdeG e lembrou que as peaxes da AP-9 son "dos máis caros de España" por decisións "do PSOE a favor de Audasa e en contra dos galegos".

Así contestou o Executivo autonómico ás palabras do secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, que este domingo tachou de "broma de mal gusto" que o PPdeG fale do custo das peaxes galegas xa que, lembrou, quen as "implantou ou prorrogou sucesivamente" foron os populares, o que "condenou aos galegos" a pagalas "durante case un século".

"Cada vez que alguén pase por unha barreira das peaxes das autoestradas galegas teñen que saber que teñen a autoría do PP e teñen nomes e apelidos, os de Aznar, de Rajoy, de Feijóo e agora de Rueda", sentenciou.

Ante isto, o goberno galego remarcou que os ministros socialistas José Blanco e José Luís Ábalos "autorizaron subidas extraordinarias de tarifas acumulativas" durante 20 anos para pagar as obras de ampliación da AP-9 mediante un acordo que, cualificou, de "negocio redondo" para Audasa e "ruinoso" para os galegos.

Segundo trasladou o departamento autonómico, o Consello Consultivo de Galicia considera "nulos de pleno dereito" eses acordos do PSOE coa concesionaria das autoestradas do Atlántico, nos que o Consello Galego da Competencia "ve posibles axudas de Estado".

Ademais, fixo referencia ao acordo asinado polo PSdeG na Xunta e o PSOE no Goberno Central para a liberación da peaxe de Rande e A Barcala que provocou, segundo declarou o Consello de Estado, un "enriquecemento inxusto" de Audasa "en contra do interese xeral".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Gustaríame saber cantos anos leva sen rematar a A-54 de Lugo a Santiago ? https://es.wikipedia.org/wiki/Autov... Ao mellor é que Lugo e Santiago sonche dúas aldeas cativas que non merecen estar comunicadas na vida...? Ah claro é que van mellorar o tren e así contaminamos menos ? Nin BNGuai Nin PSdGarañón teñen présa por rematar esta vergoña nacional ?