Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/12/2023 | Actualizada ás 14:38
O Ministerio de Cultura concedeu 2.247.720 millóns de euros a Teatrología Movie, Mr. Fields And Friends Cinema e Vaca Films Studio, tres produtoras galegas que participarán en dúas longametraxes ('Rondallas' e 'Golpes 1982') xunto a outras que teñen a súa sede en distintas comunidades autónomas.
Esta axuda forma parte do segundo procedemento de axudas xerais para a produción de longametraxes sobre proxecto de 2023, a cal é outorgada polo Ministerio de Cultura a través do Instituto de Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA). Segundo o Ministerio comunicou á prensa, a dotación total desta segunda convocatoria é de case 32 millóns.
Desta dotación orzamentaria, 4 millóns corresponden ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) e case 28 millóns impútanse ao crédito dispoñible do Fondo de Protección á Cinematografía do ICAA. O Ministerio destacou que deste orzamento beneficiáronse 10 pemes, o que "contribúe nun 10 %" á consecución do obxectivo CID de apoio ás pemes.
O Ministerio de Cultura resolveu así (entre os dous procedementos) unha dotación orzamentaria total para a convocatoria de 2023 de 62 millóns de euros, o que supón un incremento de seis millóns de euros con respecto a 2022. En total, solicitaron axudas 71 proxectos, dos cales 51 foron neste segundo procedemento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.