Por que todos buscan ouro en tempos de crise?

O ouro é un metal “refuxio” para quen busca investir capital de maneira segura. Isto acontece sobre todo en tempos de crise ou incerteza económicas, en situacións de guerra ou cando a xente pensa en ter capital “gardado” a medio e longo prazo. A cuestión é saber cando resultaría procedente investir neste metal e onde facelo. Non todos estamos preparados para un exercicio así e os e as expertas no tema son moi poucas.

Por Moncho Mariño | Santiago | 17/12/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A idea de partida é: “investir en ouro é un exercicio a longo e medio prazo”. Hai quen non ve un investimento como tal na compra do metal amarelo. A compra non dá xuros nin dividendos, é unha compra e como tal está gardada esperando o momento apropiado para ser vendida de novo sacando como beneficio a diferenza entre compra e venda. Falamos dun valor refuxio que pode ser usado mesmo como moeda nunha adquisición. O bo fronte ao diñeiro circulante é que o ouro non vai perdendo valor, non sofre devaluacións, coas consecuencias que isto pode traer sobre os custos. Ademais, en canto haxa fluctuacións monetarias sobre o dólar (a moeda de intercambio comercial por exclencia), o ouro non sofre as mesmas fluctuacións inflacionarias como as moedas, este é un motivo polo que o denominan elemento “refuxio”.

Ouro en lingotes
Ouro en lingotes | Fonte: wikipedia

POR QUE MERCAR OURO?

A atracción exercida por este metal fai que traballos de xoiaría, obras artísticas e moedas antigas mesmo teñan un valor engadido polo uso do ouro. Alén diso, cando falamos da compra por parte de particulares con intención de ter un capital “seguro”, o formato vendido é o lingote. Pódense mercar moedas de ouro de circulación legal, aínda que esta modalidade non garante un retorno superior á compra. Máis alá disto último, “as reservas de ouro son importantes para afrontar diferentes situacións económicas, a tradución disto é que este metal compórtase ben en situacións de inestabilidade financeira” di Raquel Herrero, da empresa Stone X Boullion.

O pasado luns 4 de decembro rexistrábase un dos máximos valores no mercado: unha onza de ouro (aproximadamente 25 gramos) chegou a valer 2.116,82$ (1969,49€), segundo a empresa dedicada á compra-venda BullionVault. Este repunte no seu prezo garda relación con factores como os conflitos bélicos de Ucraína e Israel ademais do anuncio da Reserva Federal dos EE.UU., de non subir os tipos de xuro do dólar.

“Se se quere investir en ouro ou en metais preciosos en xeral, o recomendable é un 80% en ouro e un 20% en prata” sinala Herrero. O recomendable é mercar con diñeiro que se estima non se tocará durante uns anos. Os resultados non serán inmediatos mais pasados entre cinco e dez anos será posible ver como ese ouro pode salvarnos dalgúns decrecementos económicos. Sobre as moedas de ouro en circulación legal, estas deben estar acuñadas despois de 1800, a súa pureza de mineral deberá superar as 900 milésimas (no caso dos lingotes: 995 milésimas) e venderse por un valor non superior ao 80% do valor do ouro que leve esa moeda.

MERCAR A PROFESIONAIS

Unha das eivas que ten este mercado é a falta de especialistas en xeral en todo o Estado. Para empezar, onde podemos mercar ouro? Se son lingotes pódense mercar en entidades acreditadas e con certificados para realizar estas operacións. Estas entidades deben garantir o peso e a calidade do ouro. Tamén hai que ter moi presente se se vai mercar en lingote ou moeda dependendo do prezo e do beneficio que poidamos ter.

“En Madrid operan varias empresas alemás onde podes mercar lingotes, mais debemos ter en conta onde gardalo e onde se poida custodiar” di Gabriel López de Inverdif, asesor regulado pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). “Hai xente que merca ouro pensando nel como investimento, mais chega a hora de vender e teñen dificultades para facelo pasado o tempo”, destaca López. A venda do ouro ten que compensar a compra realizada, por iso quen merca é alguén con potencial para facelo e despois de analizar o mercado.

Porén, insístese na dificultade de vender ouro no caso de, polo menos, recuperar o diñeiro da compra. Algunhas destas operacións poden resultar ineficientes para persoas que non teñan moito coñecemento do mercado. “Digamos que a este tipo de clientes os profesionais que xestionan o diñeiro da compra aproveitará  para sacar unha marxe de beneficio moi alta” apunta López. Isto é así ante o descoñecemento de onde ir, a quen consultar ou en quen confiar.

Como curiosidade certas compañías, moi poucas, venden barras de ouro de tamaño reducido con máquinas expendedoras e para facer a operación debe usarse tarxeta de crédito. Por outra parte, tamén están as empresas de venda online onde se merca unha peza de ouro por un determinado valor e en pouco tempo, o ou a compradora terá ese ouro na casa.

Mercar ouro pode ser rendible e seguro mais debe facerse con certos coñecementos e consultando expertos no tema. Non se debe arriscar diñeiro no caso de non estar certos se a curto prazo eses cartos poden ser necesarios. Tampouco se debe almacenar ouro por moito tempo ante a posibilidade de non encontrar persoas interesadas en compralo. O importante é asesorarse.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta