Segue o enfrontamento entre Sanidade e o Concello de Santiago polo aparcadoiro do CHUS

Sanmartín recorda que polo CHUS pasan pacientes de 46 municipios da área. Comesaña replica a Sanmartín cun símil: "Medo me dá o que poida pasar no Obradoiro, porque os que pasan por alí non son de Santiago".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 12/12/2023 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, apelou a "ser serios" para solicitar ao Concello de Santiago que asuma as súas competencias urbanísticas e sobre ordenación do tráfico no aparcadoiro e nos accesos ao Hospital Clínico. Así se pronunciou García Comesaña este martes ao ser preguntado polos medios sobre a postura do goberno local, que non está conforme coa proposta da Xunta de que as arcas municipais acheguen 4,3 millóns para as obras a través dun convenio entre ambas as administracións.

Segundo a postura defendida reiteradamente pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, o Concello xa achega máis de 5 millóns de euros coa cesión dunha parcela para facer un aparcadoiro, con expropiacións e con bonificacións de tributos. Ademais, insiste en que o Hospital Clínico emprégano un total de 46 municipios da área sanitaria. Sobre este último argumento, o conselleiro de Sanidade replicoulle empregando un símil: "Medo me dá o que poida pasar na Praza do Obradoiro porque os que pasan por alí non son de Santiago".

Neste contexto, García Comesaña chamou a "ser serios" e volveu a pór o exemplo do Concello de Pontevedra, que si accedeu a un convenio similar. De feito, lembrou que a Consellería de Infraestruturas xa realizou ao longo deste ano un estudo de mobilidade "que, por certo, financiou a Xunta". Con todo, o conselleiro lamentou que o goberno compostelán aínda non lles contestou á súa proposta de convenio, senón que unicamente "fala nos medios" sobre este asunto.

García Comesaña apuntou que o que ocorre na contorna do Clínico "non é un problema puntual dun aparcadoiro", senón "de accesos, de transporte público, de expansión natural" da parcela, porque cando se construíu o hospital "non había nada ao seu ao redor". "Nós (a Xunta) non temos, desde logo, capacidade de decidir urbanisticamente cara a onde vai esta contorna. O Concello, si", sentenciou.

Contorna e aparcadoiro do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS)
Contorna e aparcadoiro do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta