Un Balaídos novo no 2017

Concello e Deputación firman o acordo que garante os fondos para a reforma do estadio municipal, co obxectivo de que o 'Balaídos do século XXI' estea rematado en dous anos. Caballero pedirá axuda á Zona Franca.

Por gcdeportes | Vigo | 09/07/2015 | Actualizada ás 08:24

Comparte esta noticia

Tras meses e meses de tirapuxas, o Balaídos do século XXI xa dispón de fondos. Sobre o mesmo céspede, Abel Caballero e Rafael Louzán, aparcaron as súas diferenzas para firmar ao fin o convenio para a reforma integral do estadio municipal. Foi ante a atenta mirada do presidente do Celta, Carlos Mouriño, quen cualificou o día de “histórico”.

Co documento firmado este mércores, ambas institucións pactan aportar, a partes iguais, os fondos necesarios para remodelar Balaídos. En principio, Concello e Deputación aportarán 5 millóns de euros cada un, que servirán para completar as reformas de Río e Tribuna. Abel Caballero pretende implicar a outras institucións na financiación dos fondos do estadio, en especial Zona Franca para a de Marcador. O orzamento total do proxecto son 29,5 millóns e o obxectivo é que o novo Balaídos estea totalmente rematado en dous anos.

Carlos Mouriño, Caballero, Louzán e Chema Figueroa, na firma do acordo no céspede de Balaídos.
Carlos Mouriño, Caballero, Louzán e Chema Figueroa, na firma do acordo no céspede de Balaídos. | Fonte: @RCCelta

"Mañá mesmo voume poñer en contacto coa delegada da Zona Franca para que se faga cargo de Marcador, logo no 2016 xa veremos quen se ocupa da bancada de Gol”, apuntou Abel Caballero. “A tempada 2017-18 deberiase principiar co estadio totalmente renovado”, comentou o rexedor socialista, acompañado de Carmela Silva, principal candidata a presidir a Deputación de Pontevedra. Rafael Louzán firmou o convenio para a reforma de Balaídos a escasos días de deixar o seu posto na Deputación.

O club celeste salientou na súa páxina web que “o convenio garantiza a reforma integral do estadio, na que tamén participa o RC Celta coa construción da nova bancada de Preferencia, terminada no prazo anunciado”. E destaca a importancia da obra: “Un dos maiores anhelos do celtismo, a remodelación de Balaídos, é xa unha realidade grazas ao esforzo do club, das instituciones e da familia celeste ao completo. Coa unión de todos e o incansábel empuxe da afección, o Celta continúa construíndo un ilusionante proxecto de presente e futuro: #CrecemosXuntos”.

Así será o novo Balaídos cando estea rematado.
Así será o novo Balaídos cando estea rematado. | Fonte: @RCCelta
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 BeneB

Cando se invisten 30 millóns públicos nalgo como un estadio de fútbol, debería haber cando menos un bo estudo económico. Sería xenial se os cidadáns puidésemos acceder a el, ou que os xornalistas deran unha ligazón ;) No actual estadio do que eu gosto son das árbores da parte traseira, aposto que teñen os días contados. O fútbol non me interesa ren, mais o paseo do rio fíxeno milleiros de veces, correndo e paseando, se serei vello, que lembro cando se inaugurou. E eu iría cara darlle continuidade e amplialo, porque os cidadáns que non aturamos o fútbol tamén deberiamos ter dereitos, menos Balaidos e máis natureza.

1 Gamela

Vese que para o fútbol sempre hai cartos... (30 millóns) mentres na cidade olívica os ciclousuarios podemos romper a crisma sen que ninguén bote siquera un pouco de asfalto (?) VIGO DE TAPAS : http://gamela00.blogspot.com.es/201...